A Irmandade Moncho Valcarce, a defensa do legado do "cura das Encrobas"

Este xornal vén de recibir o Premio Moncho Valcarce pola promoción da Terra, un galardón outorgado pola Irmandade Moncho Valcarce, a asociación que vela polo legado dunha figura que soubo conciliar o seu labor como crego e a súa militancia nacionalista. 
 
Xácome Santos, presidente da Irmandade Moncho Valcarce.
photo_camera Xácome Santos, presidente da Irmandade Moncho Valcarce.

“Cando fundamos a Irmandade Moncho Valcarce, moita xente desconfiaba de nós porque pensaba que íamos reivindicar soamente o seu pensamento político, pero desde o primeiro momento sabiamos que prescindir do seu lado espiritual era absurdo, porque el era un home profundamente cristián -ben que á súa maneira- e porque pór de relevo esa faceta dálle máis valor aínda ás súas conviccións cívicas". 

Xácome Santos, presidente da Irmandade Moncho Valcarce, lembra así os inicios dunha asociación fundada para reivindicar a figura, o pensamento e a obra do "cura das Encrobas", unha figura fundamental nas loitas que tiveron lugar na Galiza ao final da ditadura -ademais do conflito das Encrobas, estivo presente no das Enchousas, no de Baldaio, no da central nuclear proxectada en Xove, na mobilización labrega en protesta por unha contribución inxusta que se lles cobraba aos labregos galegos como se fosen empresarios...- e na consolidación do nacionalismo como forza política enraizada.  

"O carisma e a capacidade de liderado que tiña Moncho foron quen de conseguir que loitas que, se cadra, non traspasarían o ámbito local nos medios de comunicación, transcendesen até se converter en cuestións de importancia nacional", explica, en conversa con Nós Diario. "A Irmandade fundouse principalmente para que o seu traballo non caese no esquecemento e que, dalgunha maneira, puidese servir como guía para enfrontar novas situacións en que se cometen inxustizas".

Valcarce sempre foi un crego cunha fe insubornábel, pero estaba convencido de que esa fe tiña que ser revolucionaria. A medio camiño entre San Francisco de Asís e o Che Guevara, aos que admiraba, a súa relación coa xerarquía eclesiástica foi sempre moi tensa. De feito, en 1987, coa desculpa de realizar un curso teolóxico, mandárono para a Universidade Pontificia de Salamanca para afastalo do seu campo de acción. Maís ese ano acabou sendo moi positivo e puido escribir sobre a súa actitude como crego e o compromiso político nun traballo de fin de curso titulado O compromiso político dun presbítero nunha realidade concreta: Galiza.

"El entendeu que tiña entrar en política e escolleu o nacionalismo porque vía a Galiza como a nación pola que había que loitar", di Santos.

 

As voces menos escoitadas

Case ao tempo de fundar a Irmandade, os primeiros socios, case todos eles amigos, compañeiros e familiares de Valcarce, decidiron crear os Premios pola Promoción e pola Defensa da Terra, que este ano recaeron, respectivamente, en Nós Diario e en Manuel Monge González, do que se destaca a súa faceta de activista, así como de promotor e fundador de distintas entidades (Foro cívico, Comisión pola recuperación da Memoria Histórica ou Galiza pola República, entre outras moitas).

"É preciso dicir que existiu unanimidade entre todos os membros do xurado para outorgar este galardón a Nós Diario", afirma Santos. "Todos pensamos que era necesario recoñecer o labor indispensábel que fan, diariamente, os traballadores deste xornal a prol da cultura e da lingua do país, así como o espazo que lle conceden no periódico a persoas e colectivos ignorados por outros medios. Iso convérteo nunha referencia que, na medida das nosas forzas, queriamos axudar a consolidar".   Desta forma, Nós Diario entra a formar parte dunha longa lista de colectivos galardoados -entre outros, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, A Mesa pola Normalización Lingüística, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, o Museo do Pobo Galego ou o grupo musical A Quenlla- que, en opinión do presidente da Irmandade Moncho Valcarce, tecen unha rede de defensa dos intereses populares.

"Priorizamos a presenza de colectivos e entidades que traballan con poucos recursos e que teñen unha proxección mediática limitada, ou en plataformas sociais que realizan un traballo de base cunha implantación social potente pero que operan nun ámbito local que lles resta visibilidade. Aínda que tamén existen casos de persoas ben coñecidas como Xosé Manuel Beiras ou Camilo Nogueira. Trátase, en certo modo de continuar o espírito que animaba a Valcarce".

 

A loita segue viva

O obxectivo é continuar un labor que segue tendo motivos para reivindicarse, como poñen de manifesto "os múltiples ataques que continúa a recibir o país", engade Santos.

"A loita de Moncho Valcarce segue estando vixente. Eu vivín con el todas aquelas loitas que agora son lembranzas históricas, mais cando observo o que ocorre agora, por exemplo, coa invasión de muíños eólicos no rural ou co proxecto da nova celulosa de Altri, sempre me vén á mente a súa imaxe e non teño dúbida ningunha de que el estaría á fronte dos movementos de protesta ante estas novas agresións. El ía onde o chamasen, onde se daba unha situación de inxustiza. Non se poden facer paralelismos exactos, porque as cousas cambiaron moito e agora a sociedade ten algunhas ferramentas moito máis afianzadas para defenderse. Pero o espírito de depredación deste capitalismo salvaxe que padecemos segue sendo idéntico: cambiaron os nomes das empresas, pero a intención de esquilmar o país segue a ser exactamente a mesma". Porén, hai argumentos para manter o optimismo: Santos relata que lle resulta "case doloroso dicirlle á xente que non pode vir á cerimonia de entrega dos premios que terá lugar este sábado, pero é que a resposta foi tremendamente positiva e xa non hai capacidade para acoller máis xente. E o máis ilusionante é que cada vez vén máis xente nova, que é a fundamental para que o país siga vivo".

Non obstante, tamén se deron cambios en sentido contrario, segundo a percepción de Xácome Santos, que asevera que "a sociedade civil ten capacidade de reacción ante estas ameazas puntuais, pero en xeral está desmobilizada. Moncho Valcarce é un exemplo de comprensión global dos instrumentos que ten  a sociedade para defender os seus intereses, e por iso deu o paso de entrar na política activa e mesmo de presentarse ás eleccións. Sabía que organizarse resulta básico para enfrontar esas acometidas do capital". 

Comentarios