Baldaio, unha loita moi custosa, mais que mereceu a pena

O 8 de maio de 1977 millares de persoas chegadas de toda Galiza manifestábanse en Carballo para reclamar a devolución do areal de Baldaio ás mariscadoras da zona. A protesta, duramente reprimida polas forzas da orde, marcou un fito na reivindicación social da Galiza da Transición. 
Baldaio
photo_camera Manifestación decorrida en Carballo en maio de 1977 en defensa da recuperación do areal de Baldaio. (Carlos Varela / Fundación Terra e Tempo)

O litixio sobre a titularidade e xestión do areal de Baldaio, en Carballo, iniciouse nos primeiros anos do franquismo. Á volta de 1947, aproveitándose dun decreto do Goberno de seis anos antes, onde se declarou de interese público a “colonización” da referida marisma, a corporación de Carballo outorgou unha concesión administrativa a dous particulares para a posta en marcha dunha factoría de peixes e dun parque de cría e engorde de moluscos na zona de Baldaio. A explotación, que ocupou unha superficie de 2.097.528 metros cadrados, vinte veces máis do máximo permitido, foi transferida en 1954 á mercantil Baldayo  Sociedad Limitada.

A nova concesionaria continuou incumprindo os termos do contrato administrativo e nalgúns casos chegou a impedir o acceso á veciñanza para mariscar ou bañarse no areal de Baldaio. A liña de negocio dos novos propietarios centrouse na extracción e comercialización de áridos, moi particularmente após o ciclo alcista da construción dos anos 60 e primeiros 70, chegando a saír da praia durante esta década máis de cen camións diarios. A empresa desenvolveu a súa actividade incumprindo a legalidade, grazas á natureza do réxime franquista e á conivencia das autoridades locais.

A loita pola recuperación do areal de Baldaio entrou nunha fase diferente nos momentos finais da ditadura, como consecuencia da debilidade do réxime e da aparición dunha estrutura clandestina do nacionalismo na zona. Neste labor de axitación contra o roubo das marismas de Baldaio xogaron un papel chave as adherentes da asociación cultural Nós e da súa continuadora Lumieira, maiormente estudantes de bacharelato que contactaron no centro con compañeiras dos lugares afectados e cadros dos Comités de Axuda á Loita Labrega (CALL), significándose entre eles Paco Felípez e Aurora Platas, unha militante da Unión do Povo Galego (UPG) ensinante nun colexio da vila.

O historiador Xan Fraga, naquela altura responsábel da Asemblea Nacional Popular Galega (AN-PG) en Bergantiños, sinala como “os membros da asociación Nós, algúns deles militantes da UPG, outros da ANPG e moitos de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) comezamos a organizar reunións e asembleas coa veciñanza”. Ao tempo destacouse o labor de afiliados das Comisións Labregas (CCLL) de moito prestixio e combatividade, como Oliva Pose e Francisco Castro “Farruco”, Manuel Esmoris “O Vago”, Xosé Aldao, Albino Borrazás ou Xosé Nieto.

O máximo responsábel dos Comités de Axuda á Loita Labrega e do sector agrario da UPG, Ramón Muñiz de las Cuevas, deixou testemuño dalgunhas das primeiras protestas. “O 3 de marzo de 1977 os veciños de Lema ocuparon simbolicamente a praia e o día 10 volveron ocupala, sendo desaloxados pola Garda Civil. A continuación celebrouse unha misa que oficiaron os cregos membros dos CALL Moncho Valcarce, Domingo Martínez e Leopoldo López. Ao remate cantouse o himno galego e a continuación todos os asistentes, unhas 500 persoas, trasladáronse en manifestación até a praia”, lembrou Múñiz.

A mobilización  de 8 de maio de 1977

O 8 de maio de 1977, arredor de 5.000 persoas convocadas polas Comisións Labregas, co apoio das organizacións que naquela altura conformaron o denominado movemento nacional popular galego, percorreron as rúas de Carballo para esixir o uso público das marismas de Baldaio. A manifestación rema tou coa intervención de Xosé Esmorís, veciño de Lema e militante das Comisión Labregas, Ramón Valcarce, cura das Encrobas e representante da ANPG e Xan Fraga, responsábel da UPG na localidade.

Segundo lembra Fraga, “mentres os manifestantes estaban cantando pacificamente o himno, apareceu un coche da Garda Civil, logo outro e comezaron a cargar indiscriminadamente, con metralletas, mosquetóns. Comezou a desbandada pola feira adiante, ante a brutal carga da Garda Civil, que provocou multitude de feridos e mesmo o aborto dunha muller que atoparon no lugar. Como gustaba dicir a Carlos “O Xestal”, unha persoa chave na loita, “oito de maio, feira en Carballo e hostiazos de carallo”.

A protesta tivo continuidade nesa mesma xornada no adro da igrexa de Lema e no areal de Baldaio. Unha parte dos manifestantes acordaron acudir pola tarde ao adro da igrexa de Lema, co fin de homenaxear o veciño desta localidade Marcelino Fernández, morto en 1976 a consecuencia do castigo imposto por uns gardas de seguridade da empresa concesionaria das marismas. Rematado o acto, os concentrados, dirixidos por Oliva Pose, símbolo daquela loita, decidiron ocupar as praias de Baldaio, iniciándose unha batalla desigual.

Múñiz recordou “cando a xente estaba só a uns pasos da Garda Civil, esta comeza a lanzar bólas de goma e botes de fume. Moitos manifestantes deciden facerlles fronte con pedras, paus ou cantas causas atopan no monte. Caen os primeiros feridos, labregos sangrando pola cara. Algunhas pedradas alcanzan membros da Garda Civil e tíranos ao chan. Mosquetóns rotos ao golpear contra as cabezas das súas vítimas. Carreiras, golpes, berros, prantos, ataques de histeria, disparos de bala, lóitase corpo a corpo”.

As mobilizacións de 8 de maio de 1977 en Carballo marcaron un antes e un despois na socialización da loita pola recuperación das marismas de Baldaio, así como na toma de conciencia sobre a súa significación económica, social e ambiental. As imaxes da manifestación e das cargas da Garda Civil na praia, con ducias de persoas feridas, deixaron pegada na opinión democrática da Galiza.

Unha loita que seguiu

A loita continuou aínda durante décadas na esfera social e institucional. O 25 de setembro de 1977, 15 veciñas da parroquia Lema fecháronse na igrexa de Carballo para conseguir a devolución da praia e a retirada da concesión da explotación á empresa, continuando a protesta até o día 25, cando centos de persoas se congregaron diante do adro en solidariedade. Ao tempo, iniciouse unha batalla no ámbito xudicial que non se resolveu até 24 de xaneiro de 1991, cando o Tribunal Supremo puxo fin ao conflito, anulando a concesión á empresa e declarando o uso público das marismas.

O conflito de Baldaio emparentou coa vella tradición agrarista de Bergantiños. Como ten explicado o historiador Xan Fraga, a memoria da vella Solidariedade Galega, onde destacou a actuación dos irmáns San Luís Romero; a lembranza das mártires de Sofán asasinadas en 1918 ou as loitas do período republicano mantivéronse moi vivas no imaxinario colectivo daquelas xentes de Carballo e estiveron moi presentes ao longo da loita.

O triunfo de Baldaio foi tamén unha historia de sufrimento e abusos. Á morte de Marcelino Fernández, a malleira ao “Varelo”, que tornou por deixalo paralítico, o acoitelamento da compañeira dun membro da Cooperativa de Lema-Baldaio ou as detencións e multas de tantas veciñas foron exemplos disto. Como afirmou en 1994 Oliva Pose, unha das grandes dirixentes sociais da loita pola recuperación do areal de Baldaio, “custou moito, mais mereceu a pen

Comentarios