Contracultura

Iria Pinheiro e Mónica de Nut: "En Kennebec reflectimos o noso sentir como artistas, mulleres e nais que vivimos no rural"

Mónica de Nut (Oia, Vigo, 1976) e Iria Pinheiro (Ourense, 1978) son as creadoras detrás de Kennebec, unha proposta de concerto experimental que conxuga a experiencia musical e a electrónica da primeira cos textos e a poética da segunda.
Iria Pinheiro e Mónica de Nut, nunha actuación. (Foto: Moncho Fuentes / Culturgal)
photo_camera Iria Pinheiro e Mónica de Nut, nunha actuación. (Foto: Moncho Fuentes / Culturgal)

—Como xurdiu Kennebec?
Iria Pinheiro: Mónica e eu xa colaboraramos noutros proxectos xuntas. Eu, antes da pandemia, xa facía proxectos de poesía escénica e tiña ganas de retomar ese tipo de traballo. Pensei que Mónica era a persoa ideal para unha aventura así porque é unha compositora con moita sensibilidade e capacidade de innovación.

Mónica de Nut: Hai unha sintonía entre as dúas desde que nos coñecemos, non hai que falar demasiado porque a cousa xa flúe o suficientemente ben. Por coincidencias da vida, como estar vivindo máis perto ou por pasar por un momento similar, chegou o momento ideal, así que decidimos crear algo co obxectivo de deixarnos levar de forma natural. Puidemos darlle tempo ao proxecto porque era algo que nos apetecía ás dúas, non era un encargo concreto, de maneira que se foi dando todo de maneira moi orgánica.

I. P.: O do tempo é moi importante. Grazas a iso puidemos pasar por diferentes fases da creación, investigar no que estabamos a facer, probar e desbotar cousas... Foi un luxo que nos puidemos permitir, porque o normal noutros traballos é que non sexa así.

M. N.: Decidimos esperar a ter a sensación de que era o momento de lanzar o proxecto sen precipitarnos. Queríamos quedar a gusto coa creación. É certo que sempre tes dúbidas, mais si que se nota cando é o momento. É como un parto. Tamén é certo que no medio do proxecto existiron tempos, porque as dúas nos dedicamos a isto, así que había outros proxectos e procesos creativos polo medio. Permitímonos os tempos de espera que cada unha precisaba para retomar despois.

—Como foi o proceso de investigar e desenvolver a idea inicial xuntas?
M. N.: Partimos duns textos que nos interesaban, mais despois decidimos, sendo Iria tan creativa na escrita, que os textos deberían ser orixinais. No caso da música, eu collín ferramentas que xa tiña de termos traballado nalgún proxecto xuntas e de aí fun tirando, recreando e facendo cousas novas, mais ao final foi todo orixinal. O proxecto foi evolucionando a partir da experiencia e da convivencia entre as dúas.

I. P.: Exactamente. Reflectimos o noso sentir, o que nós pensamos como artistas, mulleres, nais que viven no rural... Fomos configurando moitas cousas que se foron unindo e deron nunha simbiose entre a música e o texto. Aí tamén está a sintonía que nós temos e esa conexión. É como saltar sen rede, eu vou ás cegas con Mónica con todo o que probamos. Hai unha parte de risco, experimentación, que creo que lle achega moito ao proxecto e que lle dá outro sentido ao directo.

M. N.: O feito de crear a partir de algo orixinal tamén me parece moito máis doado, sinto que o outro é máis artificial. Ao final sería partir de cousas que non xurdiron de nós e, por moita afinidade que haxa, sempre é difícil, porque tes que adaptarte. Desta maneira, foi máis orgánico. Despois, está esa parte de arriscar. Cada unha trae a súa bagaxe e a min Iria permíteme expresarme tal cal o fago, e eu a ela. Claro, sempre queda esa dúbida de se haberá público para isto, mais xa que estamos creando cun cheque en branco, decidimos arriscar.

I. P.: Con todo, si que vemos que gustou, tivo moi boa recepción e creo que podemos dicir que é consumíbel. Non é estándar, mais é ben recibido. Permitímonos ser nós, ser orixinais e facer o que sentimos sen pensar se íamos vender e parece que nos saíu ben.

—Neses directos, hai oco para a improvisación?
I. P.: Dentro de toda unha estrutura fixada, marcada e estudada que temos, si. Hai partes que están marcadas precisamente para deixarnos ir e volver.

M. N.: De feito, quitamos algunhas marcas para que fluíse. Tamén dependendo do espazo, a min permíteme cantar máis a capela ou non, movernos máis ou menos. Iria, ao recitar en directo, tamén se adapta moito ao espazo e ao momento que se estea vivindo.

Comentarios