Contracultura

Iria Estévez: "Quero atopar historias da comunidade galega de Lisboa para contalas nas miñas cancións"

Iria Estévez traballa actualmente no seu novo proxecto, Fado Nordés, co que percorre a historia e a relación entre o pobo galego e o portugués, especialmente na cidade de Lisboa, así como as pegadas que esta foi deixando en expresións culturais como a poesía ou a música.
Iria Estévez leva máis dunha década dedicada ao fado. (Foto: Cedida)
photo_camera Iria Estévez leva máis dunha década dedicada ao fado. (Foto: Cedida)

—Cal foi o xerme de Fado Nordés?
Para min cantar fado sempre foi algo moi natural, con todo, sempre me chamou moito a atención que ao longo de todos estes anos había persoas, tanto dun lado como do outro, que me preguntaban por que o cantaba, como se fose algo moi afastado. Isto fíxome buscar moito que había en todo isto que facía que a min me resultara tan natural e que houbera outras persoas ás que lles chocaba. Afondei moito máis no fado, os estilos, as razóns que había detrás del... E aí cheguei á conexión que había entre a Galiza e Lisboa.

Sabemos que a fronteira é máis política que outra cousa e que hai familias que viven a ambos lados dela, mais indo cara ao sur igual non nos parece tan evidente esta conexión. Despois do terremoto na cidade en 1755 moita poboación galega baixou para traballar na súa reconstrución e a partir de aí os rexistros de emigración galega non fan máis que aumentar. Estou resumindo moito, mais quero dicir que no momento no que se empeza a falar de fado como música que cantan as persoas nos barrios máis pobres e nas tascas é tamén cando está toda esta comunidade galega neses lugares. Claro, os rexistros daquela tampouco eran moi formais, mais sabemos con certeza que había arredor de 70.000 galegos vivindo alí.

Agora coñecemos un fado moito máis institucionalizado, desde a época de Salazar, mais antes o fado era do pobo, falaba das historias da xente, era música popular. Aí entendín o porqué desa saudade que ten o fado e que se pode atopar despois na poesía galega, na nosa forma de ser. Hai unha serie de factores na forma de tratar os temas, porque as temáticas como o deixar a terra ou o mar poden estar presentes noutras músicas de porto que nacen nesa mesma época, mais a forma que temos en común ambos pobos foi o que me chamou a atención. No que respecta ás formas musicais aínda sigo tratando de descubrir máis.

—Cústalle atopar información?
Non é doado porque por exemplo moitos apelidos galegos se aportuguesan na prensa e tamén depende moito de con quen fales. A emigración era dura e, nun momento no que había tanta pobreza e os portugueses marchaban, os traballos que ían facer os galegos non eran os máis doados. Eu imaxino que é duro de recordar, de contar e de recoñecer, por iso tamén quero dignificar tanto a fortaleza galega como o acollemento portugués, xa que eles tamén foron un pobo marcado pola emigración. Tamén estou encantada de falar con calquera persoa que teña achegas sobre esta historia ou sobre a súa familia.

—Como leva toda esta información aos directos?
Fado Nordés aínda é un proxecto vivo e cambiante porque non quería facer o que fago sempre: traballar, crear algo e mostrar o resultado. Neste momento quería que o proceso fose o propio proxecto. Cando comecei miraba máis cara ao fado tradicional, procuraba cancións que tivesen conexión entre a Galiza e Portugal, mentres que despois fun afondando máis nos temas que nos unen e cambiou tamén o repertorio. Agora estou xustamente nun proceso de mudanza, como un paso máis, e quero centrarme na creación de temas que vaian contando esta historia.

Algo fundamental no mundo fadista é coñecer o repertorio antigo e experimentalo, buscar a forma propia de cantar ese fado. Interésame moito este aspecto porque é como se cada fadista lle dese unha nova vida. Con todo, agora a idea é atopar determinadas historias sobre a Galiza da época e a comunidade galega que aínda vive en Lisboa e contalas a través das cancións.

Esta é a miña maneira de agradecer a esta música que durante tantos anos me foi regalando momentos inesquecíbeis e tamén de transmitir a idea de irmandade que fun vendo entre os nosos pobos. Estaremos o día 26 de agosto no Festival da Luz dando unha pequena mostra.

Comentarios