martes 15/06/21
Guionista, realizadora e autora do poemario 'A ollada de Eip'hnh'

Irene Pin: "Tamén nos campos de refuxiadas, na barbarie, xermolan regos de luz"

A ollada de Eip'hnh viu a luz esta primavera, catro anos despois de que a súa autora, Irene Pin, "vomitara con urxencia entre xaneiro e abril de 2017" os poemas. A xornalista, creadora audiovisual e guionista conversa con Nós Diario sobre este libro de poemas que edita Urutau e que transporta a quen o le ao campo de refuxiadas de Sinatex (Thessaloniki, Grecia) e a descubrir a pegada transformadora que a vivencia deixou na mirada de Irene.
IMG_7300
A chegada de Irene Pin a Grecia produciuse grazas ao programa Erasmus, en 2017. (Foto: Bego F. Ferreiro)

Antes de formar parte da redacción do semanario Sermos Galiza e de Nós Diario, e antes tamén de crear a webserie interactiva Amnesia 3.0, Premio á Produción de Proxecto Carballo Interplay 2019, Irene Pin (Lugo, 1995) pasou en Grecia os catro primeiros meses de 2017. Chegou alí coa súa compañeira Bego F. Ferreiro cunha bolsa Erasmus e co obxectivo de gravar un documental que fose o seu traballo de graduación en Comunicación Audiovisual. Desa experiencia quedaron o audiovisual Morrer devagar, o poemario transmedia A ollada de Eip'hnh e "unha vida antes de Grecia e despois de Grecia".

-Publica con Urutau este poemario logo da súa experiencia en Grecia en 2017. Fálenos de A ollada de Eip'hnh, do porqué do título, de que a moveu a facer esta edición de apenas un cento de exemplares e da resposta que, até o de agora, puido ter por parte do lectorado.

O título é unha especie de homenaxe á película, A mirada de Ulises, de Theo Angelopoulos, un director grego que trata tamén o tema das refuxiadas facendo unha viaxe arredor dos Balcáns. Foi unha película que eu vin antes de ir a Grecia e que me gustara moito, marcárame... e por aí veu. Porque ao final sinto que o que hai aí reflectido é esa ollada miña, porque Eip’hnh é o meu nome en grego e tamén significa paz, nunha especie de dobre sentido. 

O libro é esa mirada miña que non conseguín retratar doutra maneira, xa que o libro é paralelo a un traballo documental (Morrer devagar) no que moitas cousas vencelladas aos sentimentos que teñen que ver coa ollada propia quedaban fóra. Quixen publicalo antes mais chegou agora, tiña ganas de fechar ese círculo vital porque realmente o feito de vomitar estes poemas para min foi terapéutico. E tamén sentía a necesidade de que outras persoas puidesen ler e, dalgunha maneira, viaxar comigo a Grecia ou sentir unha mínima parte do que significou para min esa experiencia. E isto é, ademais, o máis positivo que me traslada o lectorado até o de agora.

"O libro é esa mirada que non conseguín retratar doutra maneira"

-O poemario pónnos diante dunha serie de persoas, dos seus retratos líricos. Mais ao estaren no campo de refuxiados de Sinatex (Thesaloniki), o seu relato non pode evitar ter certo cariz de crónica de guerra. Para vostede foi unha aprendizaxe que agora quere transmitir a quen le?

Para min Grecia foi unha grande aprendizaxe e non só nun aspecto senón en moitos. Teño un sentimento interno que fai que, dalgunha maneira, divida a miña vida entre antes de Grecia e despois de Grecia... Tiña 21 anos e a experiencia marcoume moitísimo, mais non me gusta tampouco dicir que aprendizaxe ten que sacar a persoa que lea o poemario. 

Para min, unha das cousas máis fortes que saquei en claro de toda a experiencia é que, pese ao moi mal que poidan estar as circunstancias, neses momentos tan extremos nos que a miseria é unha realidade da vida e estás nesa especie de crónica de guerra da que falas, xorde a humanidade incluso con máis forza que noutros lugares. 

Quedo coa mensaxe positiva de que tamén nos campos de refuxiados xermolan regos de luz, no medio de toda esa barbarie que é vivir na eterna espera. A mensaxe que se poida sacar vai un pouco acorde coa ollada de cada unha. 

-Comentaba que esta experiencia desembocou non só neste libro de poemas, senón tamén nun documental. Como se desenvolveu todo ese proceso?

Foi unha aprendizaxe de vida, de experimentar cousas para as que non estabas preparada, de tentar facer unha obra que igual non era a que debías facer. Cando chegamos, Bego e mais eu  tiñamos idea de facer un audiovisual e a vivencia levounos a concluír que igual o documental que queriamos facer non era o que tiñamos que facer... E iso producíunolo a experiencia que tiñamos coa xente, porque non é fácil facerlle comprender a unha persoa para que queres ti sacar a súa imaxe, para que queres utilizala, se esa persoa está conforme, ou se cadra esa persoa nin sequera quere ser retratada...

"Cando a situación da refuxiada se normaliza pasa a ser como unha espera eterna"

Ao final, cando pasas varios meses alá, e desenvolves relacións afectivas e empatizas dunha forma moi forte, repensas se realmente o que tentas facer ou algunhas das ideas coas que vas ten sentido ou son froito de prexuízos da supremacía que levamos as europeas e os europeos inscritos no ADN, mesmo cando ti pensas que non os tes. 

O documental pivotaba sobre iso, facíannos unha entrevista a nós e expúñannos con eses prexuízos e iso volveuse o punto nuclear. Como froito diso o poemario é unha especie de contraface, tentar explicar todas esas cousas que non podiamos retratar. Para min realmente a experiencia está no poemario, as miñas experiencias eran eses retratos do día a día con cada persoa.

-Define o poemario como transmedia porque nas súas páxinas o lectorado atopa códigos QR que lle permiten acceder a outros contidos: fotografías, videopoemas, pezas audiovisuais dun minuto... Concibiuno como un produto híbrido desde o inicio ou xurdiu como algo casual?

Foise construíndo así, ao partirmos coa idea de facer un documental, o do poemario, para min, era unha forma de liberar sentimentos. Non é que nacese xa transmedia por decisión senón que rematou séndoo porque realmente esa experiencia tiña varias patas e igual que no propio documental ían poemas parecíame case apropiado incluír esas outras cousas que teñen unha parte máis documental. 

Tampouco me gusta demasiado fechar fronteiras senón queprefiro que as diferentes facetas dialoguen, e para min sempre estiveron moi pegadas. Este tipo de manifestacións teñen moito que ver co xornalístico, coa reportaxe e co documental...  Gústame que non se enclaustren os contidos na fronteira dun medio, máis cando a propia experiencia en si che pide o contrario. 

-Xa que toca o punto de vista do xornalismo, cal é a reflexión diante desta situación dos refuxiados? Mudaron as cousas nos últimos catro anos?

A cousa está peor, sobre todo porque a pandemia non mellorou nada a situación. E o problema é tamén cando deixan de estar no foco mediático. Pasan moito tempo sendo o centro de atención e despois convértense en conflitos esvaídos que xa a ninguén lles importan. Realmente cando estiven alí xa non era o momento máis álxido e ves como esa situación se convirte na normalidade, nunha normalidade que é como un espera eterna.

Saín deses meses que pasei alá co convencemento de que as cousas podían cambiar, cunha visión moi optimista no sentido de que a realidade que hai é unha porcallada pero por suposto que podemos transformala, o caso é querer. Para min esa é a praxe que hai detrás de todo o libro, aínda que ás veces pareza que o negativismo te desborda... A miña conclusión sempre foi esa e sigo a pensalo a día de hoxe.

-A súa actividade habitual non é tanto a poesía como a creación audiovisual. Fálenos da serie web interactiva Amnesia 3.0. En que outros proxectos audiovisuais está a traballar agora? 

O equipo de Amnesia 3.0 estamos con dúas cousas distintas: coas proxeccións da primeira tempada, tentando fechar novas datas e facer exhibicións que sexan verdadeiramente interactivas, nas que o público poida votar en directo, o cal é un experimento tamén... E ao mesmo tempo, preparamos a segunda tempada da serie, que nos enche de ilusión porque aprendemos moito facendo a primeira e cremos que agora podemos desenvolver moito máis a interactividade, cunha ollada máis centrada incluso no mundo dos videoxogos.

E polo demais, estrearei unha curta que se chama Somos cárcere e que sairá este verán, e estamos tamén a preparar Tres minutos e tres días, que vai ser unha curtametraxe codirixida sobre o aborto.

Irene Pin: "Tamén nos campos de refuxiadas, na barbarie, xermolan regos de luz"
comentarios