Amnesia 3.0, unha ruta dixital nunha sociedade futura sen rastro de pasado

Irene Pin, Iria Iglesias e Natalia Porca son as creadoras da primeira web serie interactiva de ciencia ficción rodada na Galiza. "Para facer ciencia ficción non precisas grandes efectos especiais, o que atrapa dun universo de ciencia ficción é a historia", asegura Pin, creadora do universo distópico do proxecto.
Lía e Fiz, dous dos protagonistas de 'Amnesia 3.0'
photo_camera Lía e Fiz, dous dos protagonistas de 'Amnesia 3.0'. (Foto. Cedida)

A través da súa pantalla, a persoa espectadora pode decidir o rumbo que toma nun universo onde a memoria das persoas e mais o seu pasado foron borrados. A webserie Amnesia 3.0. estreouse hoxe no festival Carballo Interplay. O público puido albiscar unha simulación deste proxecto que a súa directora, Irene Pin, ideou hai seis anos cando cursaba o grao de Comunicación Audioviosual en Compostela. 

As rutas de Amnesia

"Estudando páraste a pensar moito sobre o punto de vista que empregas ao escribir historias e eu tiña a inquedanza de como sería tomar decisións como espectadora", explica a Nós Diario. A convocatoria de axudas para webseries do festival serviu para que rescatase este traballo académico da man das súas amigas e profesionais do audiovisual Natalia Porca e Iria Iglesias.

Hai distintos itinerarios que desvelan máis ou menos información do universo de Amnesia 3.0, avanza Pin

O proxectado en liña no Interplay é unha simulación, posto que os espectadores non puideron tomar decisións sobre a trama dividida en tres episodios. "Na webserie hai distintos itinerarios que desvelan máis ou menos información do universo de Amnesia 3.0 e que desembocan en diferentes finais", precisa Pin. Un convite para que o público xogue e probe as diversas combinacións. "Sería interesante comprobar se a xente se decide máis por un ou outro roteiro", reflexiona. 

A memoria na distopía

Neste proxecto a directora e guionista aborda as súas inquedanzas arredor da memoria. "Cando se vive nunha sociedade tan baseada na inmediatez, existe o risco de que a memoria fique atrás, cando é a base da nosa identidade", manifesta ela. Para abordar esta e outras inquedanzas acudiu ao xénero da ciencia ficción distópica, pouco explorada no audiovisual do país.

Cando se vive nunha sociedade tan baseada na inmediatez, existe o risco de que a memoria fique atrás, di a directora

"Divírtome moito escribindo ciencia ficción, imaxinando outras realidades, son evasivas mais á vez axudan a reflexionar sobre o que che preocupa da túa propia. Das distopías o que máis me adoita interesar é o funcionamento do universo, por que se chega a ese punto", expresa Pin. En Amnesia 3.0. é a través dos itinerarios que o público se ve exposto aos conflitos do universo creado por ela.

Rodaxe da webserie Amnesia 3.0 (Imaxe: Zaira Pallas).

A gravación destes roteiros non foi doada, se ben a directora a considera a parte máis satisfactoria do proxecto. Ao trío orixinal uniuse unha ex compañeira de estudos, Cristela Torres. O elenco conta con Daniel Celester, Sara Ferro, Vanessa Dorrei, Monti Castiñeiras e Duarte Galbán. “Desde o primeiro minuto funcionamos moi ben como equipo, foi moi bonito e divertido”, relata Pin. A metraxe peneirouse nun ano de montaxe.

Para facer ciencia ficción non precisas grandes efectos especiais, sostén Pin

Coa súa experiencia, o equipo puxo en práctica a crenza que as animou a presentarse á convocatoria do Interplay. "Para facer ciencia ficción non precisas grandes efectos especiais, o que atrapa dun universo de ciencia ficción é a historia", asegura Pin. Os que si incorpora a serie para dar corpo ao seu universo corren da man de Rocío López xunto con Iria Iglesias.

O que tamén amosa Amnesia 3.0. é que se pode crear ciencia ficción sen grandes orzamentos. Pin destaca que a independencia na súa produción tamén permitiu á equipa unha maior liberdade creativa. Nesta narración múltiple explóranse cuestións como o colapso ecolóxico da sociedade capitalista, o uso das tecnoloxías ou o papel das emocións e dos recordos.

Gustaríanos desenvolver máis aínda o mundo da serie, asegura a directora

Son moitos os interrogantes que fican abertos nos episodios que se poderán ver a comezos de 2021. "Gustaríanos desenvolver máis aínda o mundo da serie, no confinamento fixemos unha videochamada de equipo e todos coincidimos nas ganas que temos de que haxa unha segunda temporada", asegura Pin. O guión, engade, xa está escrito. 

A pegada galega no festival

Ademais de Amnesia, o Carballo Interplay acolleu a estrea de Xan, unha webserie dirixida por Lucía Estévez con guión de Miguel Canalejo. Esta comedia, que protagoniza o propio Canalejo, conta a historia dun rapaz milennial coa capacidade de non dicir nada. No bloque galego proxectáronse as webseries Destapando Casares, Os 20 do XX, Capitán Breomán, Save e amigos, Mataría Microserie, Adegas da Memoria e S.E.X. 

Comentarios