A emprendedora dalle un toque innovador á cultura galega tradicional

Iolanda Naia: "As máquinas 3D dan o servizo pero nós vendemos creatividade, país e emoción"

A empresa Imprimetresde (ou I3D) vén de abrir unha tenda física na Coruña para vender pezas de xoiaría feitas con impresoras 3D. A diferenza respecto doutras é a pegada da cultura galega nesas creacións.
Yolanda Naya_Tenda I3D
photo_camera Iolanda Naia na súa tenda da Coruña (Foto: I3D)

Iolanda Naia e o seu equipo veñen de abrir un comercio tradicional no centro da Coruña, Imprimetresde (ou I3D) na rúa Canuto Berea. A emprendedora sente paixón polo que fai. Nótaselle na voz ao falar dos seus produtos e a ilusión semella traspasar todo tipo de fronteiras cando se lle pregunta polas creacións futuras, das que non quere adiantar nada para sorprender aos clientes e ás clientas.

Do que si presume é de chegar ás galegas e galegos na emigración, pois xa lle pediron pezas de toda España e, tamén, de países de Latinoamérica.     

Avante Pouca

Como naceu Imprimetresde?
Comezamos no barrio da Sagrada Familia, na Coruña, co noso obradoiro e a páxina web, que leva catro anos funcionando porque nunha empresa tecnolóxica tiña sentido. Non a sacamos agora canso a saca todo o mundo, que se está a actualizar porque non queda máis remedio. Nós comezamos pola web pero as vendas non eran moitas e, por sorte, temos unhas boas amigas que nos convidaron a pór o noso posto de venda de produtos 3D nalgún evento e funcionou moi ben. 

As feiras permitiron darse a coñecer ao público?
Comezamos a ir a máis feiras e a exposicións e gustaba moito. A partir de aí encargábannos cousas e usaban máis o teléfono e a web. Ampliamos o negocio collendo máis máquinas e alugamos un local preto da ronda de Outeiro para ter máis máquinas e dar cursos. Aproveitamos para pór un escaparate pequeno para que a xente soubese o que facíamos dentro. Quixemos apostar polo barrio e darlle pulo á cultura galega coas nosas pezas, e a veciñanza respondía ben.

Avante Media 

Aínda así houbo un salto ao centro da cidade...
Este ano as feiras non se poden facer e sempre quixemos montar unha tenda só de venda porque víamos que o escaparate gustaba. Dimos o salto a unha rúa, Canuto Verea, que é un paso privilexiado e unha zona moi orixinal e creativa. O que é o comercio de toda a vida.  

Comercio de proximidade, mais tecnolóxico.
Ao facer as cousas en 3D é un servizo que che dan as máquinas pero nós o que vendemos realmente é a creatividade. Vendemos país e vendemos emocións. Á xente cando merca unha xoia cunha pandeireta dálle igual con que a fago: cómpraa por cariño e emoción. A tecnoloxía serve para revitalizar a cultura galega no sentido de darlle un toque máis moderno. 

Cando abriron?
Abrimos o día 10 de xullo e fixemos a inauguración o día 15 de xullo con dúas madriñas de gran categoría como persoas, profesionais e amantes do país: a académica da RAG, Mercedes Queixas, e a actriz Isabel Risco

Venden pezas de xoiaría con Galiza moi presente. Por que as elixe a clientela?
Por exemplo, as pandeiretas non só as merca unha persoa porque lle parecen bonitas nun colgante. Veñen pandereiteiras e gaiteiros que saben que iso é outra maneira máis de pór en valor o que temos na nosa cultura. Facemos cuncas de viño, dámoslle aínda máis voz a Rosalía e Castelao... Iso é moderno pero non somos fabricación en serie porque ningunha peza é igual. 

Avante Toda

Que materiais empregan?  
Usamos material ecolóxico: chámase filamento PLA. Non contamina: é ecolóxico e vén de restos orgánicos. A maiores, nós estamos experimentando con mesturas con madeira, cerámica e metal.

Hai novidades en camiño?
Se ensino a listaxe do que temos para facer, descubro o meu futuro. Temos un lote de cousas do país para sacar... 

Están nunha zona turística, atenden máis para a casa ou as persoas visitantes?
Todo o mundo é benvido. Nunha feira en Tomiño veu unha rapaza que falaba galego e de español non entendía nada. Tiña un acento moi raro. Resultou ser unha xornalista e escritora holandesa que estivo entre as que impulsou que Rosalía estivese nun avión. Encantaríame chegar a toda esa xente de fóra pero é verdade que o 80 ou 90% das vendas son a xente do país. 

Comentarios