A Insua dos Poetas celebra o Día da Poesía con diferentes actividades

O 21 de marzo están previstos eventos co alumnado do Carballiño como un recital de poemas de Rosalía, Curros ou Pondal.
Celebración do Día da Poesía de 2022. (Foto: Deputación de Ourense)
photo_camera Celebración do Día da Poesía de 2022. (Foto: Deputación de Ourense)

A Fundación Insua dos Poetas celebrará a vindeira terza feira, 21 de marzo, o Día Mundial da Poesía cun programa de actividades no que terán especial protagonismo as e os escolares da comarca do Carballiño. Todos eles recibirán lotes de libros como agasallo.

A xornada cultural, que decorrerá no parque temático cultural situado na Esgueva, na parroquia de Madarnás, a partir das 10.30 horas conta co patrocinio da Deputación de Ourense e da Xunta, así como coa colaboración do Concello do Carballiño.

Diferentes poemas quedarán inmortalizados en catro novos murais

O alumnado participante recitará poemas de Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, que quedarán inmortalizados en catro novos murais que se estrearán no decurso da actividade. Trátase de obras dos artistas Yoseba MP, Raquel Germade, Novenoel e Delio RC.

O Día Mundial da Poesía é unha iniciativa da Unesco, impulsada en 1999, que se comezou a celebrar en todo o mundo a partir do 2000. Desde 2012, a Fundación Insua dos Poetas celebra no espazo homónimo cada 21 de marzo esta data, sempre cun especial protagonismo do alumnado da comarca.

Na edición do pasado ano, un recital de poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado polo Día das Letras de 2022, tornou no principal atractivo dos actos organizados pola Insua dos Poetas, así como o espectáculo de poesía, música e danza Cantares Transhumantes, de Mirian Sandoval.

Comentarios