CARLOS JEAN, MÚSICO

"O inmobilismo é algo que eu intento non practicar como músico"

O músico, produtor e DJ ferrolán estará esta fin de semana en Ourense con motivo do ICC Week e aproveitamos a súa visita para que comparta con nós algo do seu coñecemento e do seu famoso instinto para captar as novas tendencias na industria musical, onde é un dos seus principais gurús. 

CARLOS-JEAN1
photo_camera Carlos Jean

- Dise que es un dos músicos que mellor entende a industria. Pero como comezaches na música?
- Pois como un neno normal, escoitando moito, querendo facer eu mesmo música e intentando copiar dos que máis me gustaban. Traballaba moito a imitación de estilos. Dicía "vou facer unha canción de reggae" ou de pop, e cun secuenciador e un teclado dedicábame a sacar todo tipo de cancións. 

A música está máis forte que nunca

- Publicaches dez discos en solitario, es produtor, DJ... En que papel te sintes máis cómodo? Supoño que facendo as túas propias cancións, non?
- Non, eu creo que levo tanto tempo na música e manteño as ganas do primeiro día porque intento traballar moitas facetas, moitos estilos e, sobre todo, gústame ter un punto de vista da industria musical. Intento non ser obxectivo porque iso é imposible, pero gústame saber como se monta unha bateria, gústame ter sido batería, ter ido de xira como batería, ou de guitarrista. Ou estar de xira como artista, gústame pinchar, producir. Gústame crear unha compañía musical, traballar tamén a parte comercial, facer unha banda sonora dun filme. En todo o que me involucro gústame facelo a fondo para ver desde un punto de vista de 360 graos o que é a industria. Pero síntome cómodo traballando coa música, sexa con Bebe ou con Najwa, ou cando facemos os nosos propios proxectos, ou cando estou producindo con outros artistas, ou nesta entrevista, involucrando aos medios para explicarlles que a industria cambiou radicalmente, e que as marcas tamén se ilusionen con esta nova linguaxe; que os rapaces teñan gana de aprender no mundo da música... Ou a involucrarme tamén dentro dos sistemas educativos para que todo cambie un pouco. Síntome cómodo no que fago. 

A música vese, non se escoita. Non é coma antes. O sitio onde máis música se escoita, máis que a tele ou a radio, máis que no Spotify, é Youtube. Aí hai un cambio de paradigma importantísimo. 

- Como produtor es un dos máis desexados polos artistas. Que lles dás? Como é teu selo persoal que imprimes en cada disco que produces?
- Algo moi importante para min é entender cal é o papel verdadeiro dun produtor. A min o que me gusta é entender o artista. Intento entender que é o que quere transmitir e eu intento ser o vehículo de conexión entre o artista e o público, facilitarlle as cousas ao artista para conseguir algo que se cadra el non pode. E logo achegar artisticamente cousas que poidan facer esas gravacións máis ricas. Gústame divertirme con eles, discutir moito, sacalos da súa zona de confort, sobre todo buscar un punto ambicioso de innovación. A música ten unha carga de innovación importantísima. O guitarrista cando de súpeto empeza a buscar nos pedais, até que atopa os pedais perfectos non para. E unha vez que o consegue sigue buscando máis. E ao final a procura ten que ser así. Cando os músicos clásicos atopaban un teito no seu xeito de compoñer ían buscar outras cousas. O inmovilismo é algo que eu intento non practicar como músico. E como produtor tamén lle intento transmitir aos artistas iso, que non fiquen estancados nun estilo, ou se algo triunfou moito, que busque cousas distintas. Eu creo que iso tamén é moi importante para o público, que necesita que na música acheguemos cousas diferentes. E iso creo que é unha materia pendente que temos. 

- Despois de dez discos en solitario volveches hai pouco con Najwa Nimri. Por que? É o teu complemento perfecto a nivel artístico?
- Simplemente porque nos sentimos cómodos. Sentimos que encontramos cousas distintas, que temos unha personalidade moi marcada, somos un grupo que levamos moitos anos e que nos divertimos moito facendo electrónica. Ese é o punto no que nos movemos. Traballamos porque nos apetece. Agora Najwa está a facer un filme, eu noutros proxectos, e supoño que nos xuntaremos nuns días, falaremos, miraremos a ver se imos facer outro disco ou se, simplemente, imos xogar a facer música e sae algo. Ou non, non o sei. Temos moita confianza e non nos marcamos ningunha obriga de sacar un disco ou unha xira. 

A música non está feita para que sexa dominio de alguén. Está para que todo o mundo poida disfrutala.

- O teu talento para atopar o teu sitio na industria é algo que todo o mundo salienta de ti. A crise parece que non che afectou moito, así que aproveitamos para preguntarche cara onde vai ir o mercado. Parecía que o dixital era a panacea pero tamén regresan con forza os vinilos...
- Eu creo que a música está máis forte que nunca. Iso ten os seus pros e os seus contras. Hai moita xente que non sabe facer música que fai música, iso está moi ben, porque no momento en que entras, apaixóaste, sigues e traballas. Logo, hai outra liña, que é como as grandes compañías están a intentar salvar os seus orzamentos e os seus obxectivos, e intentando crear novos modelos de negocio. Eu o que teño moi claro é que a música consúmese dun xeito distinto. Hai unha frase que usa o meu socio e é que a música vese, non se escoita. Non é coma antes. O sitio onde máis música se escoita, máis que a tele ou a radio, máis que no Spotify, é Youtube. Aí hai un cambio de paradigma importantísimo. Eu creo que a industria tenlle medo a iso, metémoslle moita caña a Internet, e ao final non nos damos conta de que é unha ferramenta marabillosa para poder compartir, desenvolver e facer cousas distintas. E iso é a música. É facela para que a xente a escoite, a disfrute, a sorría, a baile. A música non está feita para que sexa dominio de alguén. Está para que todo o mundo poida disfrutala. Que é o que está a pasar? Que como cambiou o canal pois o que hai que facer é a ferramenta como tal. Eu moitas veces explico o símil cun garfo. Un garfo serve para pinchar a comida e levala á boca. Pero tamén pode servir para cravarllo a alguén no pescozo. Non imos poñer a parir os garfos porque llos poidas cravar a alguén, non? Coas ferramentas hai que saber traballar, e Internet é unha ferramenta incrible que a nós demostrounos nestes últimos sete anos que puidemos facer cancións colaborativas, experimentos, puidemos xogar a descubrir cousas, puidemos levar un programa de prime-time unha txalaparta, instrumentos tradicionais, unha sección de corda... A nós Internet veunos moi ben, gústanos e cremos que o futuro está aí. Cando hai seis anos algúns artistas dicían que é o noso inimigo...; eu creo que é unha marabillosa ferramenta para difundir, compartir, crear...

A nós Internet veunos moi ben, gústanos e cremos que o futuro está aí. Cando hai seis anos algúns artistas dicían que é o noso inimigo...; eu creo que é unha marabillosa ferramenta para difundir, compartir, crear...

- O problema de Internet para a industria é que aínda non se conseguiu un sistema para monetizar o consumo de música de forma clara. 
- É que aí está o erro. O que non podemos facer é pensar sempre en monetizar todo. Eu creo que é unha cuestión de educación. Para que a xente pague pola música ten que terlle cariño. Evidentemente eu son dos que pensa que hai que pagar pola música, porque ten un valor, pero eu creo que hai que facer un pouco máis como din os xesuítas, "entrar coa súa para saírte coa túa". Non podes impoñer porque si. Non podes sacar a todo o frente artístico español á televisión a dicir que estás a roubar, creo que hai que facer un proceso educativo onde nos colexios se ensine que a música é un vehículo que comunica, que a música enriquece. Que non só serve para facer cancións, que tamén estimula os nosos pequenos para que cando sexan maiores teñan máis capacidade para pensar dun xeito máis aberto. E utilizando todas estas ferramentas ao final créase algo que é cultura, e iso si que incide directametne sobre a implicación e o consumo da música. O que non se pode facer é dicir, eu aquí teño un chiringuito, non sei como lexislalo e aquí vou cobrar. Eu creo que hai que aproveitarse, subirse á onda e cando estás aí subido non tes control sobre o que vai facer a onda. ti podes, máis ou menos, facer unha serie de exercicios pero non podes dominala. Nós estamos subidos nunha onda que é o comportamento e o consumo da xente e en base a iso temos que crear sistemas. Este ano xa o dixital creo que facturou máis que o analóxico. Iso xa é un paso. Agora temos que tratar entre todos de conseguir que a música sexa un valor. E para iso témonos que implicar todos. E non é unha cuestión de leis, é unha cuestión de formatos. 

Non podes sacar a todo o frente artístico español á televisión a dicir que estás a roubar. O que non se pode facer é dicir "eu aquí teño un chiringuito, non sei como lexislalo e aquí vou cobrar"

- Non sei que relación mantés con Galiza, pero quería preguntarche se segues o que pasa na música galega e hai algún artista que che interese. 
- Ultimamente intento traballar coa democratización da música, e a verdade é que teño unha cousa con Galiza, que aínda non podo contar, que sairá en breve. Teño moitas ganas de sacalo e de facer algo con Galiza porque vou moito por aí e ao final gústame andar por aí e descubrir o que hai. E, como digo sempre, o meu é intentar que todo o mundo o poida escoitar, que non sexa unha cousa só exclusiva para a xente que lle guste a música, senón que lle guste a todo o mundo. 

- Ti naciches en Ferrol, pero botaches pouco tempo aquí, nonsí?
- Si, marchei aos dous anos. Son de familia militar, e tivemos que trasladarnos, pero manteño moito vencello, porque a miña avoa e a miña nai son galegas, botei desde os dous anos até os 18 pasando os veráns escolares de dous meses en Marín, en Aguete, na ría de Pontevedra. E agora a miña nai ten unha casa en Ferreira, no Valadouro, e vou bastante. É a miña terra, é inevitable, non só por ter nacido aquí, senón porque a miña familia é de aquí. 

Nota de Sermos: na versión orixinal desta entrevista apareceu por erro a forma incorrecta "inmovilismo", corrixida grazas a sermos advertidos da gralla por un amábel leitor.

Comentarios