xoves 04.06.2020

“A industria editorial xa deixou de facturar uns catro millóns pola crise da COVID-19”

Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras.
Xosé Ballesteros
Xosé Ballesteros

Xosé Ballesteros é presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), que xunto á Federación de Librarías de Galicia (FLG) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) trasladáronlle á Consellaría de Cultura da Xunta un paquete de medidas esenciais para incentivar a demanda do libro galego. O prognóstico para o libro galego é de extrema gravidade polos efectos económicos da pandemia.

Antes de nada, como valora a resposta que están dando o Ministerio e a Xunta ante a crise da industria cultural?

A recente intervención do ministro de Cultura foi pouco afortunada. Estamos nunha situación na que os problemas son transversais e que hai que ir enfrontando por fases, pero ademais de atender a cuestión sanitaria –que é a prioritaria e que imaxino que estará consumindo moitísimos recursos e moita atención– hai que preparar o terreo para o que virá. E todas as administracións teñen que ser sensíbeis, cada unha na responsabilidade que lle toque. 

A nivel de Estado, o gremio de editores, as librarías, os distribuidores… estamos traballando en interlocución directa coa Dirección Xeral do Libro e hai unha boa relación, co deseño dunha serie de medidas para cando se levante o estado de alarma, que son as mesmas que lle propuxemos á Xunta de Galiza.

Hai editoriais que viven sobre todo do libro de texto e que non saben que vai pasar no ensino”

Canto á Xunta, parece que hai boa disposición para ir afinando prazos para as medidas que estamos reclamando: un bono de lectura, unha liña de apoio á edición –que de momento non existe e da que si gozan en Catalunya e Euskadi–, unha liña de axudas para a adquisición de libros por parte das bibliotecas… Estamos nun mercado moi competitivo e se outras comunidades gozan destas axudas, o libro galego parte con desvantaxe. Nesta reunión, insistimos moito en reforzar moito o apoio ás librerías –cremos que ten que ser a través delas por onde se movan os libros– e ás bibliotecas, garantindo que teñan acceso ás novidades galegas no prazo máis curto posíbel. 

Todo o que se move arredor do libro é a principal industria cultural de Galiza e, nunha primeira avaliación, vostedes falaron dunhas perdas causadas pola crise da COVID-19 dun 30% como mínimo.

A día de hoxe xa sabemos o que deixamos de facturar entre marzo e o que vai de abril: como mínimo van perdidos catro millóns de euros. Hai que ter en conta que a facturación total do libro galego é duns 25 millóns de euros anuais e que esta é unha época, tradicionalmente, de moitas vendas: xúntanse o Día do Libro, o Día das Letras… Pero o verdadeiro problema é o que vai vir: a demanda nos primeiros meses despois desta parada vai ser mínima e, sendo realistas, até que chegue o outono e a campaña de Nadal, imos vivir nunha situación desoladora. 

Partimos da situación de febleza que deixou a crise de 2008. Moitos dos traballos relacionados coa edición foron daquela externalizados: corrección, maquetación, deseño… son labores que agora desenvolven, na súa maior parte, persoas autónomas. Fixeron algunha avaliación de en que medida vai afectar a crise a estas traballadoras?

Eu aquí faría fincapé na tipoloxía das empresas que conforman o tecido editorial. Formamos un ecosistema pequeno –son unhas corenta as editoras asociadas a AGE– pero no seu interior hai, atendendo ao número de traballadoras, entre cinco e oito que se poden chamar “grandes” –Kalandraka, Xerais, Galaxia…–, algunhas que poderían ser cualificadas de medianas –como Hércules ou Baía– e, a partir de aí, empresas moi pequenas ou microempresas, que en ocasións se sosteñen porque os seus propietarios teñen outros traballos que lles permiten sobrevivir, moitas veces realizando servizos editoriais para empresas máis grandes. 

“Se queremos poñer en valor a lingua e a cultura, temos que impoñer medidas de discriminación positiva”

gora mesmo creo que aínda non sufrimos o impacto porque, máis ou menos, todos estaban realizando encargos anteriores ao estoupido da crise. O impacto vai vir despois. Todas as editoras estamos atrasando ao máximo o noso plan editorial e moitos dos libros previstos para os meses vindeiros van quedar para o ano próximo; a carga de traballo, loxicamente, vai resentirse e todos eses servizos editoriais –maquetacións, corrección…– van ter menos demanda. 

E que impacto pode ter na Galiza a parada na edición do libro de texto e o atraso no curso docente?

Pois hai que ter en conta que dentro do ecosistema da edición do libro na Galiza hai editoriais que viven sobre todo do libro educativo: Rodeira, Oqueleo, Xerme… e outras que obteñen case un 40% da súa facturación deste subsector. Estas editoriais están vivindo unha incerteza absoluta porque non saben nada sobre o que vai suceder e están a expensas do que vaia decidir a Consellaría de Educación. 

Os libros de texto aliméntanse da renovación dos currículos e das propostas didácticas. Curiosamente, no resto do Estado, esta renovación faise cada catro anos, pero na Galiza ese cambio ten lugar cada seis. Precisamente agora tocaba facer ese cambio en dous cursos: toda a equipa comercial destas editoras que viven do libro educativo tería que comezar a visitar os centros de ensino despois de Semana Santa e para elas este traballo é esencial porque son as prescricións do profesorado as que deciden que libros se len e cales non. Iso supón unha enorme cantidade de diñeiro non só para estas editoriais, senón tamén para as librarías, moitas das cales obteñen a maior parte dos seus ingresos da venda de libro de texto. Neste momento non sabemos que vai suceder con todo isto. En AGE solicitamos tamén unha entrevista coa Consellería de Educación para que nos poña sobre a pista do que vai suceder.

No comunicado que fixeron público solicitaban que “as librarías deben ser a canle preferente para calquera compra realizada con fondos da Administración pública”. Isto quere dicir que non era así até o de agora?

Non, non é así porque hai moitos libros que non se venden en librarías, senón en grandes cadeas e en superficies comerciais. Ese comunicado buscaba o consenso entre os intereses de editoras, librarías e escritores, e as librerías piden que as novidades editoriais que as bibliotecas municipais compran a través dunha plataforma da Xunta á que as editoras fornecen directamente, se tramiten a través delas. As editoriais non nos opoñemos a iso sempre que exista unha contraprestación por parte da Xunta, xa que esta é a única axuda (axuda e non subvención, porque é unha compra) ao sector editorial, ademais das axudas á tradución. Noutras épocas si que se convocaban esas axudas á edición, pero xa non existen. 

A aprobación da Lei do Libro e a Lectura foi celebrada como un fito na batalla por protexer a cultura propia. En que medida pode servir de apoio para minorar os efectos desta crise? 

É importante que se saiba, cando se fala do libro como industria cultural, que nós non temos ningunha comunicación coa Consellaría de Economía nin co IGAPE. Podemos acceder ás axudas transversais que pode solicitar calquera empresa pero non temos unha relación directa, malia ser considerados un sector estratéxico. Isto dá lugar a situacións paradoxais: por exemplo, se unha editorial quere comprar maquinaria –para mover caixas nun almacén ou para facer edición baixo demanda, por exemplo–, non pode acceder a un crédito porque non somos considerados industrias produtoras. Unha das cousas que pedimos, precisamente, é esa interlocución directa. 

Máis alá das perdas económicas, cal sería a magnitude da perda cultural nun sistema moi afectado pola minorización da cultura propia?

Logo da crise de 2008, do cambio do decreto do plurilingüismo, da desaparición de materias en galego do ensino, da diminución continua no uso da lingua… Lembro unhas palabras de Bernardo Atxaga: “Se nos tratan como unha caste de reserva espiritual, daquela que nos etiqueten como especie en perigo de extinción e nos traten como o lince ibérico”. Parece broma pero é moi serio: se queremos poñer en valor a lingua e a cultura, temos que impoñer medidas de discriminación positiva. 

Non podemos tratar a cultura galega como un apéndice do turismo cultural. Unha das nosas reivindicacións é que no seguinte Goberno, da cor que sexa, a Consellaría de Cultura teña entidade de seu, que non comparta espazo co turismo. Unha parte da cultura galega é a industria que achega o 2% do PIB, pero a outra parte, a máis importante, é a expresión dun país cunha identidade propia. Hai unha parte de responsabilidade colectiva? Si, pero tamén sabemos que o pensamento colectivo pode modularse se existen estratexias por parte dunha Administración que, teoricamente, debería coidar da cultura que nos é propia. 

“A industria editorial xa deixou de facturar uns catro millóns pola crise da COVID-19”
comentarios