A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega emitiu unha declaración en que se dirixe á dirección da radio pública para “demandar a continuidade do Diario Cultural” e amosar “o seu apoio a toda a equipa do programa dirixida pola poeta e xornalista Ana Romaní”. “Eliminan un recoñecido programa, emblemático, e diminúe deste xeito a xa cativa programación sobre a nosa cultura e a nosa literatura”, engade.
A asociación tamén critica que a emisora anuncie “a desaparición de dous informativos diarios, cos seus contidos culturais, que se facían desde as delegacións locais da Coruña, Vigo, Lugo e Ourense”. “As realidades locais, nas que se incardina tanta da nosa cultura, e os creadores e creadoras que dan forma á nosa biodiversidade cultural, ficarían minorizadas”, di, “esta mudanza empobrece de xeito determinante o conxunto da Radio Galega”.
A Asociación Galega de Editoras pronunciouse vía twitter, medio a través do que reivindicou “a permanencia do Diario Cultural na Radio Galega polo seu apoio á difusión do libro galego”. A Mesa pola Normalización Lingüística “súmase ao clamor para que se manteña” o programa. Como o fixeron Escena Galega, “a asociación de referencia para o sector profesional das artes escénicas”, e a Asociación de Xestores Culturais. Ou empresas editoriais como Kalandraka e Apiario.
Na esfera política
A esfera política non permaneceu allea á indignación desatada pola decisión unilateral da dirección da Radio Galega. O BNG lamentou a supresión crecente de “voces e contidos críticos” da grella radiofónica e “o uso absoluto da CRTVG ao servizo” do PP. Compostela Aberta dixo tratarse doutro “paso máis no exterminio de toda illa de diversidade e pluralidade nos medios públicos”. A Deputación da Coruña falou no mesmo sentido.
A portavoz nacionalista Ana Pontón, a eurodeputada do Bloque Ana Miranda, o alcalde de Compostela Martiño Noriega (Compostela Aberta), a dirixente socialista Mercedes Rosón ou o deputado no Congreso de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello tomaron partido en defensa da conservación do Diario Cultural. E ducias de escritores, escritoras e xornalistas activos nas redes sociais deron percorrido aos hashtags #SalvemosODiarioCultual e #QueremosDiarioCultural.