Opinión

O 'Diario Cultural' é máis que un programa de radio

Soubemos onte á noite da intención da dirección da CRTVG de suprimir o Diario Cultural da grella da programación da vindeira tempada da Radio Galega. Unha pésima noticia para o fráxil ecosistema da lingua e cultura galega que podería perder unha das súas trabes de ouro, un engrenaxe moi potente capaz de alentar cada tarde toneladas de biodiversidade e esperanza. Unha intención que agardo sexa modificada tras a mobilización extraordinaria que se vén producindo desde que se coñeceu.

Xaora, non sexamos inocentes, esta non é a primeira vez que a actual dirección da CRTVG intenta suprimir espazos de galeguización e pluralismo da grella da programación da Radio Galega. E mesmo a pesar de constituír a difusión da cultura e a lingua galegas un dos eixos do estatuto (e da razón de ser) da CRTVG, que non esquezamos recibe unha achega institucional anual (da Xunta de Galicia) de case cen millóns de euros. A tempada pasada, sen ir máis lonxe, fomos despedidas das tertulias de informativos un bo fato de colaboradoras (a maior parte de posicións galeguistas e de esquerda) sen sequera unha palabra de gratitude ou calquera explicación.

No entanto, no caso do Diario Cultural hai aínda marxe para retificar. O programa do equipo que dirixe Ana Romaní é un patrimonio colectivo da cultura galega de entre séculos que debe ser respectado e merece ser potenciado. Sabemos canto supón anualmente o custe do DC dentro deses cen millóns de euros que recibe a CRTVG das arcas públicas? Cuantificaron os responsables desta decisión o valor da desfeita que sobre a nosa industria cultural (do libro, da música, do teatro, das artes plásticas, do audiovisual…)  podería ocasionar a desaparición do DC? Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, debería explicar canto antes cales vai ser o futuro do Diario Cultural, que é moito máis que un programa de radio.

Texto tirado do blogue do autor.

Comentarios