O incumprimento da Lei do Libro por parte da Xunta ameaza o sector: "Hoxe publícanse a metade de títulos en galego que en 2008"

Os datos fornecidos polo Barómetro de Compra de Libros e Hábitos de Lectura 2023 desvelan que o incumprimento da Lei do Libro e a Lectura está levando o sector editorial á precariedade.
O número de títulos publicados en galego reduciuse 50% nos 
últimos 15 anos. (Arxina)
photo_camera O número de títulos publicados en galego reduciuse 50% nos últimos 15 anos. (Arxina)

O pasado día 31 de xaneiro presentábase o Barómetro de Compra de Libros e Hábitos de Lectura 2023 realizado por Conecta para a Federación de Gremios de Editores de España. Nel, aparece un dato ao que non se lle deu a importancia que tiña: só 3,1% das persoas que len na Galiza prefiren facelo en galego, fronte a 96,2% que se inclinan polo castelán como lingua de referencia.

A cifra supón un descenso de 3 décimas a respecto de 2023, o que se cadra é aínda máis desalentador dado que evidencia unha evolución que non deixa de descender desde hai anos. O informe Datos da edición en Galicia 2006-2016 xa revelaba que a evolución global da cifra de libros publicados en galego ofrecía unha caída de 52,4% de libros inscritos entre 2010 e 2016. Os datos concluían que 50,7% do total de libros inscritos en ISBN na Galiza en 2016 foran publicados en galego. Esta cifra supuña unha diferenza de 10,8 puntos porcentuais con respecto á do ano anterior, no que 61,5% do total de libros inscritos no ISBN foran publicados na lingua propia do país.

Incumprimento da Lei do Libro e a Lectura

"A grandes trazos, en 2008 publicábanse en galego uns 2.000 títulos, e hoxe publícanse 1.000, exactamente a metade", explica Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), en conversa con Nós Diario. "E, efectivamente, o que causa unha maior impotencia é observar como ese devalo vén producíndose desde hai quince anos sen que exista unha reacción institucional; ao contrario, cada vez minguan máis os apoios. É un fenómeno que desde outros territorios do Estado con lingua propia non se entende. En Euskadi a porcentaxe de persoas lectoras en euskera medra desde hai anos, e é unha lingua que partía dun nivel de coñecemento de só 30% da poboación".

Os múltiples incumprimentos da Lei do Libro teñen sido motivo de enfrontamento entre a Xunta de Galiza e o mundo da cultura desde que o PP accedeu ao Goberno galego. Por exemplo, prevía un Plan de fomento da lectura que debía favorecer a lectura en galego, un plan que recollería obxectivos, medidas a tomar, determinaría unha periodización da acción pública e garantiría o orzamento necesario para o seu desenvolvemento: nunca chegou a pórse en marcha.

"As políticas de gasto público son absolutamente insuficientes", declara Alvarellos. "Hai libros que teñen unha axuda de pouco máis de cen euros, que é menos que o que custa comprar oito exemplares para as bibliotecas. E ningunha acción pública se pode defender sen un orzamento sólido que a avale".  Neste sentido, cabe destacar que as bibliotecas públicas -un dos servizos máis usados e mellor valorados pola cidadanía- viron reducidas até un 80% as compras de novidades editoriais en galego. En 2023, a Rede de Bibliotecas da Galiza fechou o ano con perto de 1,6 millóns de préstamos, unha cifra que supuña un incremento de 23% con respecto ao ano anterior. Porén, as edicións en galego en lotes fundacionais baixaron de 214.301 euros en 2022, a 46.717 euros, 78% menos. 

A promoción exterior

A Xunta tampouco cumpriu a Lei do Libro no que respecta á creación do Instituto Rosalía de Castro para a promoción do libro e da cultura galego, unha reivindicación recorrente de todo o sector da cultura. "Cun instituto oficial que apoiase de forma estruturada a proxección da lingua e a cultura galegas, a nosa presenza internacional sería moito maior, máis repercusión internacional e iso repercutiría no prestixio da lingua dentro do país", aventura Alvarellos.

A política de proxección exterior da Xunta parece non estar clara nin sequera nas feiras internacionais, ás que os editores -un caso único no Estado- deben acudir sen amparo institucional. As discrepancias veñen de lonxe e teñen como principal punto de fricción a consideración das feiras como un espazo promocional por parte da Xunta, fronte ao carácter estritamente profesional que defende a AGE e que prevalece no resto do Estado e nos principais países da nosa contorna.

As axudas á tradución de libros galegos a outras linguas e doutras linguas ao galego constitúe outra das frontes permanentes entre o sector editorial e a Xunta. Un conflito que ten adquirido límites estrafalarios cando, en 2021, se soubo que o desleixo nos termos da convocatoria provocou que a segunda empresa máis beneficiada por estas axudas fose propiedade dunha muller condenada por estafa, constituída pouco antes de que se publicase a convocatoria e que posuía un catálogo de só 20 títulos, 19 deles en castelán.

Redución do galego no ensino

Mais o sector tamén fai fincapé no enorme dano que se lle fixo á lingua -e, en consecuencia, ao libro e a lectura en galego- co chamado Decreto de plurilingüismo, implantado polo Goberno galego de Alberto Núñez Feixoo en 2010, que fixo retroceder a presenza e o prestixio do galego nas aulas ao reducir as horas lectivas impartidas na lingua propia e prohibindo que certas materias como as matemáticas puidesen ser ensinadas en galego.

A isto hai que sumarlle a implantación do sistema E-dixgal nos centros de ensino, un protocolo que favorece grandes emporios editoriais de fóra da Galiza -que nin sequera están especializados en material escolar- en detrimento das editoriais galegas, que viron practicamente reducida a cero a súa participación na creación de contidos didácticos para a educación na Galiza. "A nosa cultura non merece unha falta de políticas activas como a que padece, e esta carencia, en gran parte, vén do incumprimento da Lei do Libro e a Lectura de 2006. Non se trata o sector do libro como un estratéxico, como estabelece esa lei, e ese abandono debilita todo o demais", resume Alvarellos.

Mais continúa a haber elementos que permiten paliar os datos negativos: 15,8% das respostas asegura non ter preferencia entre galego e castelán para ler. "Ese é un dato positivo. Na Galiza apenas hai público que sexa hostil cara á lingua propia e, pola contra, existe un colectivo de persoas lectoras moi militante. Iso reafírmanos na idea de que cunhas políticas minimamente activas, a porcentaxe de persoas lectoras incrementaríase", conclúe Alvarellos.


Lectura e internacionalización

Resulta significativo que a Asociación Galega de Editores nunca fose recibida nin por Feixoo nin por Rueda, da mesma forma en que tampouco foron atendidas polos gobernos do PP as reclamacións principais do sector, tiradas da Lei libro e a lectura: un plan de lectura transversal e centrado no libro galego e orzamentado de forma suficiente, e un plan de internacionalización para o sector, capaz de proxectar o libro, a lingua e a literatura galega no mundo.

Comentarios