Só un 3,1% das persoas que len na Galiza prefiren facelo en galego

As bibliotecas galegas, as peor valoradas do Estado.
A falta de traducións é a principal razón para escoller o castelán.
photo_camera A falta de traducións é a principal razón para escoller o castelán.

Debería espertar todas as alarmas: o Barómetro de Compra de Libros e Hábitos de Lectura 2023 -que elabora a Federación de Gremios de Editores de España- recolle que só un 3,1% das persoas que len no noso país prefiren facelo en galego, fronte a un 96,2% que se inclinan polo castelán como lingua de referencia. Un 15,8% das respostas asegura non ter preferencia entre galego e castelán para ler.

A cifra supón un descenso de 3 décimas a respecto de 2023. En 2018, este índice chegaba ao 4%. Esta situación contrasta coa que se dá en Catalunya, onde un 38,9% das persoas lectoras prefiren o catalán, e con Euskadi, cun índice do 9,8% de preferencia polo euskera. A Galiza sitúase tamén detrás do 10,7% de Baleares, e só se instala moi lixeiramente por riba da Comunitat Valenciana (3%) na preferencia pola lectura en lingua propia.

Porén, o 5,5% das persoas enquisadas recoñeceu que a última obra que lera estaba en galego, un indicador que se sitúa por riba do 4,3% de 2023 pero que segue lonxe do 7,3% de 2018.

Falta de traducións

A falta de obras traducidas é, na Galiza, a principal razón para escoller obras en castelán, mentres que a dificultade para ler no noso idioma atinxe só a un 25,3% das persoas enquisadas, a cifra máis baixa dos territorios con lingua propia. Cun 61,5% de persoas que len no tempo libre, a Galiza sitúase como a sexta comunidade cun menor índice lector, con 2 décimas menos que o pasado ano. 

Na adquisición de libros, o noso país tamén baixa posicións: só un 49,1% os compra. Neste aspecto, a Galiza soamente queda por riba de Canarias e de Estremadura. Porén, estas persoas compran unha media de 8,9 exemplares por cabeza, unha cifra que se sitúa na quinta posición do Estado (só unha décima por detrás de Euskadi, Valencia, Andalucía e  Madrid, todos cunha media de 9 exemplares por persoa e ano). A valoración das bibliotecas galegas está á cola do Estado, cunha nota de 7,8 sobre 10. 

Comentarios