'A illa das mentiras', 'Arima', 'Lúa Vermella' e 'Ons' competirán como mellor película nos Mestre Mateo

A cerimonia de entrega dos galardóns terá lugar no Teatro Colón da Coruña o 10 de abril.

Os films 'A illa dás mentiras', ' Arima', ' Lúa Vermella' e 'Ons' competirán polo premio á mellor película na XIX edición dos Premios Mestre Mateo, que terá lugar no teatro Colón da Coruña o próximo 10 de abril.

Nese mesmo escenario decorreu o acto de presentación das candidaturas finalistas, conducido pola actriz e presentadora Marta Doviro mais por Amador Arias, finalista na categoría de Mellor Interpretación Masculina Protagonista na última edición dos premios, polo seu papel en 'O que arde'.

Finalistas

Foron os encargados de anunciar os nomes dos proxectos e profesionais finalistas nas 25 categorías da XIX edición dos Premios Mestre Mateo. A primeira rolda de votacións dos membros da Academia Galega do Audiovisual sitúa a longametraxe de Alfonso Zarauza, 'Ons', como a máis votada entre as 146 obras que se presentaron aos Mestre Mateo, acaparando trece candidaturas finalistas, seguida por 'A illa das mentiras', dirixida por Paula Cons con doce. As dúas competirán polas estatuíñas a mellor longametraxe, dirección, dirección de arte, guión, interpretación protagonista e de reparto, dirección de produción, maquillaxe e perruquería e montaxe. 

As oito candidaturas de 'El desorden que dejas' e seis de 'Néboa', dan boa conta do estado de saúde da ficción seriada producida en Galicia; ambas as dúas optarán ao premio á Mellor Serie de Televisión xunto con 'O sabor das margaridas' finalista en tres categorías, e 'Auga seca' finalista en dúas. 

A listaxe de obras con máis candidaturas finalistas complétano tres longametraxes: 'Arima', a ópera prima de Jaione Camborda, con sete, 'Lúa Vermella', dirixida por Lois Patiño con catro e '9 Fugas' de Fon Cortizo, tamén con catro.

Gala presencial

A gala deste ano será presencial, unha "aposta" da Academia Galega do Audiovisual, que organiza o evento, coa "bandeira da cultura segura por diante", explicou o seu vicepresidente, Álvaro Pérez Becerra. Segundo dixo, a entidade é consciente de que os protocolos son "incómodos" pero considera que "valerá a pena".

Comentarios