A fazaña das 'heroínas de Sálvora': 100 anos dunha historia de película

Fanse 100 anos do naufraxio do Santa Isabel, un dos sucesos marítimos máis tráxicos das costas galegas, no que catro mulleres se converteron en salvadoras. Paula Cons non foi a única en querer ficcionar os feitos. Unha mostra que se inaugura hoxe en Ribeira dá conta da intención de Valle Inclán de escribir unha traxedia. 
Cadro de Seijo Rojizo do rescate das 'heroínas de Sálvora'.
photo_camera Cadro de Seijo Rojizo do rescate das 'heroínas de Sálvora'. (Foto: Cedida)

"Ho que dia desgraciado/ fue el día 2 de enero / que en las rías bajas / dejó tan triste recuerdo", comeza un dos cantares de cego que na década dos anos 20 do pasado século contribuíu a esparexer a noticia do tráxico naufraxio do Santa Isabel. Esta espectacular historia volveu á actualidade en 2020 coa estrea do filme A illa das mentiras, no que Paula Cons pon o foco na historia de tres mulleres de Sálvora que se converteron en heroínas no medio desta catástrofe, inspirada nestes feitos reais que caerían co tempo no esquecemento.

E que tal día coma hoxe, hai 100 anos, as habitantes da illa protagonizaron un dos rescates marítimos máis famosos da historia da Galiza. Na madrugada do 2 de xaneiro de 1921 o vapor-correo 'Santa Isabel', un dos buques máis modernos da Compañía Transatlántica Española, naufragaba fronte ás costas de Sálvora. Viña da Coruña e dirixíase ao porto de Vilagarcía de Arousa, para recoller máis pasaxeiros en Vigo. Con destino na emigración arxentina ían 266 persoas a bordo, entre pasaxeiros e tripulantes. Deles, salváronse só 53.

Á altura de Fisterra comezaría un temporal do suroeste que desencadearía o naufraxio, ante as difíciles condicións de navegación na orografía da zona. O vapor embarrancou, montando sobre o baixo da Pegar, e abríronse tres fendas polas que comezou a entrar auga. Eran a 1:50 horas da madrugada.

A nova chegaba á illa por volta das 5 da mañá, por medio dun dos torreiros do faro. Os homes marcharan celebrar o aninovo a terra firme e non puideran retornar por mor do mal tempo, polo que só ficaban os máis mozos e os máis vellos. E as mulleres. Tres delas botáronse ao mar sen dubidalo: María Fernández, de tan só 16 anos; Cipriana Orujo, de 24 e Josefa Parada, de 32. Desde terra axudábaas unha cuarta, Cipriana Crujeiras, de 48 anos. Navegaron nas dornas até a zona do sinistro varias veces, rescatando algúns dos tripulantes do barco e poñéndoos a salvo nunha enseada próxima. Procuraban que non subisen á barca, pois corría o risco de emborcar.

Sobre as 10 da mañá, xa se sabía da catástrofe en Santa Uxía de Ribeira, co que saían varios pesqueiros que levarían os náufragos ao continente. As declaracións dos vivos eximiron o capitán, o asturiano Esteban García Muñiz, de calquera responsabilidade. Dicíase del que respectou a obriga de ser o último en abandonar a embarcación e mesmo intentou suicidarse ao ver o desastre, mais o seu segundo, Luís Cebreiro, evitouno. Este último figura como o oficial máis condecorado da mariña civil española da primeira metade do século XX e conseguiu nesta ocasión reter a no bote salvavidas número 8 a case 30 persoas.

O labor dos habitantes da illa, en particular desas mulleres que bautizaron como "heroínas de Sálvora", sería posteriormente recoñecido con diversas condecoración, entre elas a medalla de salvamento marítimo. Os titulares da época recollen os feitos, nos que afogaron 213 pasaxeiros, entre os que a prensa conta 60 crianzas. Rexistrouse así como o quinto naufraxio en número de vítimas na nosa historia marítima e o segundo en mortos civís.

A lenda dos raqueiros

A fazaña, con todo, foi enzoufada polas faladorías, que tiraron de imaxinario popular para emparentar o suceso coa lenda dos raqueiros. Coñecidos como piratas de terra, facíaselles responsábeis de prender luces na ribeira, colgadas de cornos de bois e vacas para remedaren o balanceo das embarcacións en porto e confundir os barcos, levándoos ao naufraxio. Cando os navegantes eran arrastrados á costa, ficaban cos obxectos de valor que levasen e devolvíanos ao mar.

Aínda que a investigación oficial e a prensa desmentiría estas interpretacións, a sombra ficou na oralidade. Co tempo, o rescate caeu no esquecemento, vivo en parte da memoria popular mesmo en cantares de cego como o que se refire ao comezo, que recolle Xosé María Fernández Pazos no libro Sálvora: memoria dun naufraxio. Mais tamén hai quen non esqueceu: din que os buques da Compañía Transatlántica Española farían soar durante décadas as sereas ao pasar fronte a Sálvora.

Exposición en Ribeira

Un século após estes acontecementos, inaugúrase hoxe en Ribeira a exposición Bravura, 100 anos do naufraxio do Santa Isabel. Esta mostra, instalada no museo municipal, relata o suceso desde a saída do vapor de Bilbo até o accidente, alén do contexto cun capítulo especial dedicado á emigración, no que se repasa este fenómeno na Ribeira dos anos 20 e 30 a través do “libro de emigrantes” do concello.

A exposición recolle obxectos orixinais do barco, como unha campá ou a luxosa louza de prata. Tamén se atopan as medallas que recibiu o segundo oficial ou a creada especialmente para as "heroínas de Sálvora". Entre os contidos inéditos, destacan unhas notas manuscritas de Valle Inclán sobre o naufraxio, coas que o autor tiña previsto escribir unha traxedia que nunca chegou a ser publicada.

Comentarios