O III Carballo Interplay celebrarase do 5 ao 7 de maio

O Concello de Carballo vén de anunciar unha nova edición do festival que o situou como unha referencia estatal no eido dos Contidos Dixitais. 
 

carballo-interplay (1)
photo_camera Jorge Coira imparte un obradoiro no Carballo Interplay

A terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay celebrarase os días 5, 6 e 7 de maio, segundo vén de anunciar o Concello de Carballo. O CIP, que acadou nas dúas pasadas edicións unha grande repercusión a nivel nacional e internacional, situou Carballo como unha referencia para o público e para os profesionais do sector da creatividade dixital, ao converterse no primeiro concello do Estado que contou cun festival de webseries e de novos formatos narrativos.

O Concello e a organización do evento completan a oferta cun ciclo formativo que se desenvolve nos meses previos, o FormaCIP, que nesta edición amplía a súa oferta tamén á xente miúda. Novas narrativas, marketing dixital, novas tecnoloxías, produción e financiación audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino, paleta gráfica codeco ou emoticonos analóxicos son algúns dos coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas poderán adquirir no ciclo formativo do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, FormaCIP, desde o vindeiro 12 de marzo até a mesma fin de semana do Festival.

Obradoiros

O Fórum de Carballo acollerá a completa oferta educativa do FormaCIP, que comezará o sábado 12 de marzo co obradoiro "A web como canle para contar historias" impartido por Oscar Otero. Unha semana máis tarde, os días 19 e 20 de marzo, será o produtor Felipe Lage quen imparta o obradoiro "Produción e financiamento". A fin de semana do 2 e o 3 de abril, María Yáñez impartirá un curso titulado "Marketing na rede e desde abaixo para o teu produto audiovisual". A fin de semana seguinte, Alfonso Zarauza ofrecerá un obradoiro de tres días sobre Dirección de actores. E do 26 de abril ao 1 de maio as persoas que o desexen poderán coñecer de primeira man todo o proceso de Creación dunha webserie: "Do guión á distribución", da man de David Saínz e Teresa Segura.

Para crianzas

Desde o obradoiro de Robótica con Lego Mindstorms que impartirán os Code Monsters e o de Micropaleta gráfica Codeco dos Esferobite, para nenos e nenas de 7 anos ou máis; ata o de "Robótica express: programación e electrónica con Arduino", impartido tamén por Code Monsters, para rapaces de a partir de 12 anos; pasando pola "Creación de emoticonos analóxicos" de Paula Fraile, de 9 a 13 anos. Todos os obradoiros infantís do FormaCIP serán gratuítos. 

Comentarios