Contracultura

Icía Varela: "Chámame a atención a aceptación que recibe a nosa música tradicional fóra da península"

Icía Varela, pandeireteira e cantareira, estará participando, por primeira vez en solitario, no espectáculo Celtic Odyssée, que terá lugar no Festival Intercéltico de Lorient, celebrado entre o 4 e o 13 de agosto.
A pandeireteira e cantareira Icía Varela. (Foto: Cedida)
photo_camera A pandeireteira e cantareira Icía Varela. (Foto: Cedida)

—Como ve o seu primeiro ano participando en solitario?
Eu xa estiven en Lorient en dúas ocasións, unha delas en 2016 coa Banda de Gaitas da Asociación Cultural Malante (Malpica de Bergantiños) e outra en 2019, o ano dedicado á Galiza, con Xacarandaina. Este ano, Pablo Seoane, quen coordina a delegación galega do festival, fíxome esta espectacular invitación para acudir eu como "persoa individual". Paréceme unha proposta marabillosa porque me permite defender dalgunha maneira o meu nome. Para min é un orgullo e estou moi contenta porque eu son dunha aldea pequena de Malpica e nunca me pasara pola cabeza chegar ao festival celta máis importante do mundo. Penso que é unha oportunidade para pór un anaco da miña aldea e do meu na Bretaña.

—Pode facer algún adianto do que se vai presentar?
O espectáculo Celtic Odyssée ten o traballo de compor unha canción en colaboración cos diferentes músicos que participan de cada nación. Pola miña parte, eu enviei o maneo de Dolores de Martiño, unha señora de Cerqueda, a parroquia de onde eu son, e pareceulles unha proposta marabillosa. Ten unha harmonía un tanto complicada, sobre todo na copla, o retrouso é algo máis fácil, entón esta sendo un pouco un crebacabezas. Claro, tamén está o engadido de que estamos compondo a moitos quilómetros de distancia. 

—Que cre que achegan este tipo de experiencias?
Á fin de contas non somos tan diferentes e a cultura une máis do que pensamos. Algunhas das persoas coas que estou compondo falan en francés e eu en galego e aínda así somos quen de chegar ao mesmo punto como se falásemos a mesma lingua, porque a música vai máis aló de todo. Eu levarei a miña pandeireta e esta tamén é unha forma de que unha persoa que igual non viu unha nunca ou non sabe como soa poida coñecela.

Serve como unha maneira de expor ao público as diversas culturas, instrumentos e linguas. Calquera persoa que estea no público e que non coñeza, por exemplo, ese maneo que teño intención que se cante ese día, vai poder chegar a el. Se a señora á que se lle recolleu este maneo soubese que vai ser interpretado por unha banda na Bretaña, seguramente lle parecería incríbel. Este tipo de espectáculos, ao final, permiten dar a coñecer esta música ancestral que temos na Galiza, así como nos diversos países que participan neste festival.

—Quizais tamén é un contexto concreto no que as persoas están máis abertas a coñecer outro tipo de cousas.
Totalmente. As outras dúas veces que participei no festival, e en realidade tamén cada vez que saiamos da península, chamábame moito a atención a aceptación que recibía a nosa música. Creo que, en xeral, valórase moito máis fóra do que aquí. Tocabamos na rúa e á xente parecíalle incríbel, preguntaba e indagaba. Aquí, se nos poñemos a tocar nunha rúa, quizais non pararía nin o 10% das persoas que pasan por ela. Sempre me chamou a atención ese interese. Penso que tamén estaría moi ben traer este tipo de cousas aquí. Cando fun á Bretaña no ano 2016, escoitei a Bagad de Lorient por primeira vez -e ese son quedoume gravado para toda a miña vida-, puxéronseme os pelos de punta ao escoitalos e velos desfilar. Creo que, de traelo á Galiza, a moita xente lle pasaría o mesmo que me pasou a min e sería unha oportunidade para coñecer este tipo de formacións.

Aquí creo que non hai nada igual porque é algo que forma parte da súa cultura e que non ten que ver coas nosas bandas. Tamén é certo que eu non son unha experta no tema, polo que pode que si que haxa algo así e eu non o saiba. Con todo, esta proposta do Celtic Odissée creo que tampouco é algo que se faga habitualmente nos festivais, que adoitan xirar sobre unha soa cultura ou sobre varias, pero sen relacionarse entre elas, e podería ser moi interesante facer máis cousas nesta liña.

Comentarios