O neoclasicismo e o rexeitamento do totalitarismo na arte do exilio

Humanismo antifascista na arte galega

A exposición Un humanismo moderno, que se pode ver agora en Vigo, desvela como o clasicismo plástico das décadas de 1930 e 1940 serviu de vehículo aos artistas do exilio galego para expresar un enérxico rexeitamento ás ditaduras fascistas que asolaban Europa. O neoclasicismo de Picasso serviu de detonador. 
Unha das obras de Colmeiro que se poden ver na exposición da Casa das Artes de Vigo. (Foto: Cedida)
photo_camera Unha das obras de Colmeiro que se poden ver na exposición da Casa das Artes de Vigo. (Foto: Cedida)

O clasicismo como humanismo, mais tamén como unha opción política que se enfronta á inhumanidade do totalitarismo fascista. A arte do exilio galego adopta, especialmente na década de 1940, unha estética ancorada en referencias grecolatinas que é tamén un construto ideolóxico: unha maneira de apelar a un mundo arcádico, de harmonía entre os seres humanos e a natureza, que se mostraba como oposición directa á brutalidade do fascismo que levara á barbarie primeiro no Estado español e, a seguir, en toda Europa. 

A exposición Un humanismo moderno, que se puido ver no Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira e que está patente na Casa das Artes de Vigo até o 20 de xaneiro, revela algunhas das claves que levaron moitos artistas a abrazaren unha  corrente estética que tiña un referente indiscutíbel: Picasso

A mostra expón a célebre Suite Vollard do pintor malagueño: un conxunto de cen gravados realizados en diversas técnicas, froito dunha encomenda do marchante e galerista Ambroise Vollard, unha figura fundamental no desenvolvemento da arte da altura. Ao seu carón, obras de Colmeiro e Luís Seoane -ademais dalgunhas outras do húngaro Marcel Vertès- que indican cales eran as liñas ideolóxicas que guiaban a creación dos artistas no exilio americano. 

Naquela altura, Picasso era un referente non só plástico, senón tamén cívico. O Guernika e a serie de augafortes Sueño y mentira de Franco eran obras que manifestaban un compromiso político inequívoco e que serviu de inspiración a artistas de todo o mundo. No contexto da diáspora galega, esta influencia manifestábase, por exemplo, a través de revistas como De mar a mar, creada por Lorenzo Varela e Arturo Serrano, ou Correo Literario, dirixida por Lorenzo Varela, Luís Seoane e Arturo Cuadrado. Ambas publicacións difunden os valores deste humanismo antifascista que se expresa nas artes plásticas da altura. 

Na Suite Vollard, Picasso busca a esencia do feito gráfico nas fontes clásicas. Combinando referencias mitolóxicas, liñas entresacadas da cerámica grega e elementos da súa etapa cubista, elabora unha fonda reflexión sobre a creación plástica que se reflexa no tratamento de motivos clásicos: a dialéctica entre o apolíneo e o dionisíaco, entre o harmónico e o monstruoso.

Cunqueiro sinalaba esa especulación identitaria cando escribía "nunha paisaxe de Colmeiro, poño por caso, caben un Deus núo e un áer de gaita".

O clasicismo de Colmeiro 

Na obra de Colmeiro pode observarse esa mesma procura xa desde a década de 1930: o cartafol 15 debuxos ou as ilustracións realizadas para De catro a catro de Manoel Antonio, xa apunta a unha reformulación do ideal clásico que se relaciona cunha reflexión sobre a identidade galega. Como apunta un dos comisarios da exposición e crítico de arte de Sermos Galiza, Carlos L. Bernárdez, xa Cunqueiro sinalaba esa especulación identitaria cando escribía "nunha paisaxe de Colmeiro, poño por caso, caben un Deus núo e un áer de gaita". 

A fonte -ou o referente- de Colmeiro, non obstante, é Cézanne, que tamén xogaría un importante papel na definición do estilo picassiano. A orde da natureza que atopa no pintor francés, en harmonía cos seres humanos -a análise da figura en relación coa paisaxe- é, en Colmeiro, a reconstrución memorística dunha Galiza que se identifica coa Arcadia clásica, un locus amoenus que se identifica como un espazo de resistencia ante a atrocidade fascista. O propio Colmeiro na súa Carpeta de pintor -unha iniciativa das edicións Botella al mar, de Seoane- sinalaba esa vontade de renacemento ao enumerar os grandes temas da súa obra: "a muller, o home, a paisaxe, os mitos... todos antigos coma o home, e coma el poden nacer novamente".

A obra posterior de Seoane irá evoluíndo cara a unha maior carga crítica e expresiva, evidenciando a ferida que iniciou o proceso e deixando ver as raíces populares e medievais, profundamente galegas, nas que se inscribía o seu discurso clásico

O clasicismo popular de Seoane

No caso de Seoane -cuxa prolífica obra como gravador e ilustrador permite seguir con gran detalle a súa traxectoria- hai que destacar o cumio que supón o álbum Homenaxe á Torre de Hércules, no que a liña clasicista está ligada á memoria do exilio. A Galiza aquí reflectida está tan distante na memoria como o está fisicamente, desde o outro lado do Atlántico: unha Galiza primordial que aínda non sufrira o embate do conflito armado. 

Afondando nesa liña, a obra posterior de Seoane irá evoluíndo cara a unha maior carga crítica e expresiva, evidenciando a ferida que iniciou o proceso e deixando ver as raíces populares e medievais, profundamente galegas, nas que se inscribía o seu discurso clásico. 

Como no caso de Colmeiro, a dimensión pública e social da arte transforma o herdo picassiano nun berro de protesta que aúna o  cívico e o identitario.

As publicacións do exilio como fonte de estudo da arte de posguerra

A incansábel actividade dos exiliados galegos no campo editorial permite seguir os pasos dunha arte que, malia desenvolverse lonxe da Galiza, mantén a súa mirada sempre fixa no devir social, político e artístico. As numerosas publicacións -libros e revistas- do exilio son testemuña dunha arte que afondaba nas novas formas expresivas -non por casualidade Correo literario reproduciu gravados da Suite Vollard que agora se mostra en Vigo- sen abdicar do compromiso cívico.

Comentarios