A Coruña rende homenaxe a Mangüi, historia da súa música

O baixista dos Diplomáticos de Monte Alto faleceu en xaneiro.
Mangüi Martín, baixista dos Diplomáticos de Monte Alto, faleceu este sábado, 14 de novembro (Foto: Concello da Coruña).
photo_camera Mangüi Martín, baixista dos Diplomáticos de Monte Alto, faleceu o pasado 14 de xaneiro. (Foto: Concello da Coruña)

O pasado 14 de xaneiro falecía de forma repentina Mangüi Martín García (Ferrol, 1972 - A Coruña, 2023), ilustre veciño da cidade herculina e, sobre todo, da súa cultura polo seu papel como baixista en grupos como Os Diplomáticos de Monte Alto e Banda Xangai. A triste noticia desencadeou unha morea de comentarios desde todos os sectores da sociedade galega rememorando e salientando o seu labor, e desde a súa cidade preparan agora diferentes homenaxes.

Esta mesma sexta feira será lembrado por amizades e compañeiros e compañeiras de profesión no seu barrio, A Agra do Orzán, nun encontro íntimo que comezará ás 20 horas no bar A Reserva, con música en directo —"e moito licor café", salientan desde a organización— e presentado co título 'Palabras para Mangüi'. A entrada é de balde.

E o prato forte chegará, no marco das festas da Coruña, coa celebración do concerto 'Mangüi, sempre en nós', o vindeiro domingo 20 de agosto, na praza de María Pita e, previsibelmente, cunha multitudinaria asistencia.

A partir das 22 horas citaranse no escenario Os Diplomáticos de Monte Alto e numerosas amizades de Mangüi, como Uxía, Antón Reixa (Os Resentidos), Xosé Manuel Pereiro (Radio Océano), Bieito Romero (Luar na Lubre), Paco Lodeiro ou Mercedes Peón.

Mangüi comezou a formar parte do coñecido grupo coruñés en 1990, cando botou a andar neste barrio da cidade herculina do mesmo nome. Ademais, tiña colaborado noutras bandas e proxectos musicais da cidade, como por exemplo a Banda Xangái.

Comentarios