Fondo pesar e numerosas condolencias polo pasamento de Mangüi, baixista dos Diplomáticos de Monte Alto

O músico comezou a formar parte dos Diplomáticos de Monte Alto en 1990, cando botou a andar a banda.
Mangüi Martín, baixista dos Diplomáticos de Monte Alto, faleceu este sábado, 14 de novembro (Foto: Concello da Coruña).
photo_camera Mangüi Martín, baixista dos Diplomáticos de Monte Alto, faleceu este sábado, 14 de xaneiro. (Foto: Concello da Coruña).

Mangüi Martín, baixista dos Diplomáticos de Monte Alto, faleceu este sábado, 14 de xaneiro, deixando un fondo pesar na Coruña, cidade na que o músico estaba moi vencellado ao panorama musical.

O músico comezou a formar parte do coñecido grupo coruñés en 1990, cando botou a andar a banda, que naceu no barrio coruñés do mesmo nome. Ademais, tamén tiña colaborado noutras bandas e proxectos musicais da cidade, como por exemplo a Banda Xangái.

O Concello da Coruña amosou "o seu fondo pesar polo pasamento de Mangüi Martín, baixista e peza fundamental dunha agrupación musical histórica da cidade, Os Diplomáticos de Monte Alto". "Que a terra che sexa leve, Mangüi", apostilou o Concello.

"A música coruñesa está de loito. Grazas Mangüi por tantos bos momentos compartidos. Forte aperta a familia, amizades e a toda a xente que compartiu con él bos momentos", escribiu a Mardi Gras, mítica sala de concertos herculina onde Os Diplomáticos de Monte Alto ofreceron numerosos concertos.

"Apertas para todos vós, Os Diplomáticos de Monte Alto, e para a súa familia. Agradecemento inmenso polo contributo de Mangüi, nos Diplomáticos e noutros grupos, á música galega, e por axudarnos a difundir a poesía de Manuel María", sinalou a Casa Museo Manuel María.

Tamén tivo unha lembranza para o mítico baixista dos Diplomático de Monte Alto a Asociación Cultural Alexandre Bóveda. "Mangüi sempre na nosa memoria. Que a terra lle sexa leve", escribiu a asociación con sede na cidade herculina.

O BNG da Coruña tamén amosou as súas condolencias: "Ficamos desoladas e desolados ao coñecermos a tristísima nova do pasamento de Mangüi Martín, baixista dos Diplomáticos de Monte Alto e colaborador en combos como a Banda Xangái. Duro golpe para a escena musical coruñesa e galega. Os nosos azos para familia e amizades. Que a terra lle sexa leve".

"Unha parte da alma do bravú foise hoxe con Mangüi Martín, baixista dos Diplomáticos de Monte Alto, veciño da Agra do Orzán, corazón de ouro. Hai un mes, Mangüí aínda estaba enchendo o escenario do Garufa coa Banda Xangái", escribiu a Marea Atlántica. "Que a terra che sexa leve, irmán", acrecentou o grupo político coruñés.

"O noso pésame á familia e amizades. A cidade enteira perde un referente musical. Desde Os Diplomáticos de Monte Alto até a Banda Xangái, a súa xenerosidade será inesquecíbel", sinalou Podemos A Coruña.

Esquerda Unida A Coruña tamén lamentou o pasamento Mangüi Martín, "referente musical bravú da Coruña e da Galiza". "Mandamos as nosas condolencias á súa familia e ás súas amizades".

Comentarios