Contracultura

Henrique Monteagudo: "Sarmiento xa non é un mito, está recoñecido como unha das grandes figuras da Ilustración"

Henrique Monteagudo (Esteiro, Muros, 1959) foi un dos conferenciantes no 'Simposio Xosé Luís Pensado. 100 anos (1924-2024)', que decorreu en marzo na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Monteagudo interviu sobre a contribución do propio Pensado ao coñecemento de Martín Sarmiento.
O catedrático de Filoloxía Galega Henrique Monteagudo é membro numerario e vicesecretario da RAG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O catedrático de Filoloxía Galega Henrique Monteagudo é membro numerario e vicesecretario da RAG. (Foto: Nós Diario)

—Cal foi a contribución de Pensado na edición da obra de Martín Sarmiento?
Até hoxe é o editor máis importante, tanto por cantidade de textos como pola importancia dos textos que editou de Sarmiento. Antes de que el empezase, aló por 1970, había moi poucas edicións destes textos, e as que había tiñan unha calidade moi deficiente. El centrouse nos escritos filolóxicos referidos ao galego, publicando practicamente toda a obra de Sarmiento dedicada a esta cuestión. Sarmiento non publicou case nada en vida, e desde logo nada dos seus escritos sobre o galego, polo que a súa obra era de difícil acceso.

Podemos dicir que até Pensado era unha obra case descoñecida. Con todo, tamén temos que entender que Pensado traballou case sempre sobre copias de copias. A colección Media Sidonia apareceu nos anos 90. Hoxe podemos revisar as edicións de Pensado a partir de copias máis fieis das que tivo el. Hai diferenzas que son interesantes, como a cuestión da gheada e a gueada. Os escritos de Sarmiento dannos a visión de como os galegos da época pronunciaban o castelán con gue. Isto non se vía nos manuscritos que manexou Pensado.

—Inevitabelmente, esta recuperación tamén tivo un pouso na cultura galega.
Sarmiento foi unha especie de mito, porque foi o primeiro formulador do que poderiamos chamar galeguismo que defendía o país e a lingua, á súa maneira. Isto era coñecido no século XIX, mais dunha maneira un pouco vaga. Era máis a fama que o feito de que se soubera realmente o que el escribira. Desde as edicións de Pensado temos acceso a un testemuño importantísimo de cal era a situación do galego no século XVIII e a unha cantidade de materiais lingüísticos de extraordinaria calidade. Isto sumado a outros traballos realizados por José Santos Puerto ou á edición que estamos facendo no Consello da Cultura Galega.

Sarmiento xa non é só un mito. Agora está sendo recoñecido como unha das grandes figuras da Ilustración, xa non só na Galiza, senón tamén no Estado español. Pensado sostén que Sarmiento é un home contrario á Ilustración. O que defendo eu, e que hoxe é máis aceptado entre os especialistas en Sarmiento, é o contrario: Sarmiento foi un adiantado ao seu tempo, en sintonía en moitos aspectos co pensamento ilustrado. De feito, o que máis queda aínda por estudar e publicar é todo o referido á historia natural. Estase vendo que estaba moi ao día de temas científicos e que di cousas moi interesantes neste ámbito. 

—Precisamente, vostede dirixiu a edición de parte da obra de Sarmiento.
A súa obra está recollida en 18 volumes, o cal xa dá unha idea do seu enorme tamaño. Só a Obra de 660 pliegos ocupa cinco deses volumes: ten un millón de palabras, aproximadamente. Esta obra é unha especie de compendio do traballo de Sarmiento e na súa maior parte estaba inédita. Foi un traballo que dirixín eu e que foi publicado polo Consello da Cultura Galega e o CSIC.

En cantidade, sería tanto como o que publicou Pensado no seu día, mais a súa edición está moi localizada nos escritos filolóxicos sobre o galego e esta é a edición da obra máis extensa de Sarmiento. Nesta fala de moitas cousas relacionadas con Galiza: medios para mellorar a agricultura, a vida do campesiñado, críticas sobre a sociedade... É unha obra moi variada.

Comentarios