Na Galiza, os vellos namoran máis tarde

Os vellos non deben de namorarse estreouse en Buenos Aires o catorce de agosto de 1941. Castelao dirixiu a posta en escena da obra, non sen antes vencer algunhas presións para a obra ser estreada en español.

vellos
photo_camera Cartaz da representación na Coruña. Imaxe: Biblioteca Pública González Garcés

Falamos na entrega da semana pasada do vigor do teatro galego á altura de abril de 1936, segundo testemuño de Ánxel Fole. Mais a guerra, a represión e a consolidación da ditadura de terror implantada a partir de xullo dese ano truncou toda aquela esperanza. Desde aquela data e nos anos seguintes, na Galiza apenas houbo representacións e algunhas obras simbólicas non chegaron a nós até a década de 1960. Tal é o caso de Os vellos non deben de namorarse

Os vellos non deben de namorarse estreouse en Buenos Aires o catorce de agosto de 1941, no teatro Mayo. Castelao dirixiu a posta en escena da obra, non sen antes vencer certas presións para a obra ser estreada en español, segundo nos refere Luís Seoane: “Castelao non quixo que fose traducida ao español. Eu penso que ese foi o triunfo que lle produciu mais ledicia. Con el sinalou un camiño para o teatro galego que xungue literatura, mímica e danza"

A obra publícase na Galiza en 1953. La Noche (24/07/1953) recolle este feito e valórao como exemplo do que verdadeiramente debe ser o teatro.
En xaneiro de 1955, El Pueblo Gallego entrevista Antonio Puga, actor vigués da escola Martín Codax, e que na altura triunfa no cinema ao lado de actrices como Lola Flores. Perguntado sobre o teatro galego cando el vivía en Vigo di que do que coñeceu despois, gostou moito de Os vellos. Mais referíase a un coñecemento lido, pois até 1961 non se representa na Galiza. 

Primeira montaxe

A primeira montaxe foi na Praza da Quintana a noite do vinte e cinco de xullo. Un mes antes da representación, vinte e seis de xuño de 1961, Hoja Oficial del Lunes xa anuncia que Rodolfo López Veiga ten practicamente rematados os preparativos para presentar en Santiago a obra na noite do vinte e cinco de xullo. Será Cantigas e agarimos, o grupo creado en Santiago en 1920, quen leve o texto a escena.

Cantigas e agarimos, grupo creado en 1920 por Cabeza de León, será que leve a escena a primeira representación na Galiza da obra de Castelao


O catorce de agosto dese ano de 1961, vinte anos após a estrea arxentina, represéntase na Coruña, na praza de touros. 


Cartaz representación Hamlet na Coruña. Biblioteca Pública González GarcésEn data tres de xullo de 1961 de novo Hoja del Lunes informa da representación na Coruña, a cargo do grupo de Teatro de Cámara da A.C.I. (Asociación Cultural Iberoamericana).  Neste caso será sob dirección de Antonio Naveyra. A prensa fala de montaxe excelente e un cadro de intérpretes de grande categoría. Resalta que hai na Coruña moito interese por presenciar a estrea desta obra e espérase un cheo completo na praza de touros, o mesmo que acontecera no ano anterior coa "magnifica versión" do Hamlet cunqueiriano.

Mais a cousa non debeu ir moi ben pois de novo Hoja del Lunes  de vinte e un de agosto recolle que "el estreno suscitó no pocas polémicas" centrándose a crónica case en exclusiva no fallo do desenvolvemento escénico "la lentitud del montaje escénico que obligó a prolongadas mutaciones". E parte da crítica asegurou gostar máis da versión literaria do que da versión escenificada.

Na Coruña fixo o papel de Boticario Enrique Pérez, o popular taberneiro coñecido como “Payón” que desde 1960 rexentaba a taberna “O Cereixal” nos Catro Camiños

Na Coruña fixo o papel de Boticario Enrique Pérez, o popular obreiro e máis tarde taberneiro coñecido como “Payón”. A taberna “O Cereixal” que rexentaba en Catro Camiños desde 1960 foi lugar de encontro de actores, como Eumedre, escritores ou fotógrafos, como Manuel Ferrol.

Tamén se representou nas festas de San Froilán o dez de outubro ás oito da tarde, en representación popular e ao ar libre. Aínda no 61 temos representación en Marín (o vinte e dous de novembro). 

Ribeira no 63; Padrón (dezasete de maio de 1964. A representación de Padrón coincidiu co ano das letras a Castelao) e claustro de Bonaval (vinte e oito de xullo) no 64, completan as representacións, todas elas levadas a cabo, menos A Coruña, por Cantigas e agarimos.

A xente estaba caladiña. Foi unha representación na que houbo aplausos a esgalla, unha solidariedade cos actores por parte de toda a xente.

A de Compostela foi unha noite especial. Ezequiel Méndez, entrevistado para Sermos Galiza en 2012 e que participou na estrea, conta: "Sobre a representación lembro que houbo algunhas deficiencias técnicas. No caso da megafonía, ao ter que actuarmos con carautas, dificultábase poder dirixirmos ben a voz aos micrófonos e nalgúns sitios non se escoitaba ben. Aínda así a xente estaba caladiña. Foi unha representación na que houbo aplausos a esgalla, unha solidariedade cos actores por parte de toda a xente. O sentimento no ar esa noite era especial. Como se Castelao estivera alí. Era unha homenaxe á súa persoa e de manifestación dun sentimento que había que ter en conta na sociedade galega."

comentarios