Camilo F. Valdehorras, autor de 'Do mellor de Nós'

"Galiza e non Galicia é o nome auténtico, correcto, o que usaron en Nós"

A tradición nacional de Galiza é a primeira entrega da triloxía Do mellor de Nós, da autoría científica de Camilo F. Valdehorras e editada por Hércules Ediciones. Falamos co autor sobre este traballo antolóxico que se vén de editar e sobre os outros volumes do proxecto que nos próximos meses sairán do prelo.

É profesor de Filoloxía galega e Portuguesa en Barcelona. (Foto: Nós Diario)
photo_camera É profesor de Filoloxía galega e Portuguesa en Barcelona. (Foto: Nós Diario)

A tradición nacional de Galiza presentábao de modo telemático o autor, Camilo F. Valdehorras, acompañado pola editora Laura Rodríguez de Hércules Ediciones e mais o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo.

Un volume que se converte no primeiro da triloxía Do mellor de Nós, conmemorativa dos 100 anos da publicación do primeiro número de Nós (1920) que durante 2021 se completará coa publicación dos volumes dedicados ao aspecto de Revista literaria ao volume terceiro, a Enciclopedia científica.

"A obra vai alén da conmemoración, é proxecto de futuro por estar enfocada a un público xeral, non especializado", comentaba durante a presentación o autor da obra, que marcaba como obxectivo "democratizar os contidos da ópera prima da cultura galega moderna".

En conversa con Nós Diario, Camilo F. Valdehorras afondou na estrutura e no contido deste primeiro volume agora á venda, mais tamén fixo cadanseu avance dos volumes por vir.

Sobre o propio título do volume, o autor quixo destacar a nomenclatura Galiza, "que é o nome auténtico, o correcto, aínda que non sexa o designador oficial do país, da actual Comunidade Autónoma de Galicia, que é a forma española, pero si é o suxeito Galiza, a designación galego-portuguesa, patrimonial" e ademais, engade, "é o nome que usaron e acuñaron os propios autores da época do boletín".

Os outros dous termos do título, tradición e nacional, "están dalgunha maneira desprestixiados hoxe", polo que quixo aclarar que "falamos de tradición, non como concepto tradicionalista, senón que é alusivo de todo o que contén a identidade, visto desde unha óptica esencialista pero tamén existencialista de Nós", e destaca "Galiza na historia e no espírito creador".

Canto ao concepto nacional "para os autores do boletín non é defendíbel como unha idea territorial unicamente, senón tamén como designador intergral dun ideosistema de país, pobo e cultura" que se acuña xa no manifesto da Asemblea de Lugo, en 1918", de tal modo que "se estabelece como axioma para eles", explica.

A cultura material e espiritual e a soberanía

Este primeiro volume da triloxía mergúllase no entendemento que os autores que escribían no boletín tiñan de "tradición" e no que para eles era "a nosa cosmovisión, as ideas que temos do idioma, da perspectiva do espírito, e non só na dimensión política".

Neste punto, Valdehorras lembra que "cómpre tamén pór o acento nas distintas sensibilidades políticas que teñen os autores do boletín, que non son homoxéneas, por exemplo, Fernández del Riego, que se contaba entre os novos, fala de autodeterminación da Galiza; pero Vicente Risco era católico e conservador".

A tradición nacional de Galiza ten tamén un apartado cun carácter de "transición" dedicado aos estudos sobre etnografía e folclore, dos que Vicente Risco era un grande experto.

"A publicación Nós foi nese nivel das máis prestixiosas non só na Galiza senón tamén no resto do Estado español". Así, este apartado engloba a cultura popular en tres dimensións, a cultura material do pobo, a cultura espiritual e a cultura artística.

"Un compendio creador no que se alicerza a soberanía sociocultural da Galiza", da súa cultura material, espiritual, artística...

No que se inspira e nutre por ser este "o concepto de nación de Nós que está xa no manifesto da Asemblea de Lugo".

"Probabelmente á maioría do lectorado galego de hoxe en día chocaralle", di o autor, "que neste primeiro volume se escolme o boletín", mais é aí onde se contén a base da soberanía cultural da Galiza, asegura.

Ontos logos e sofos, a base da triloxía sobre 'Nós'

O volume que agora se presenta podémolo cinguir, di o seu autor, "ao termo ontoloxía, o ser da identidade galega".

O volume segundo é, tal e como explica Valdehorras, o que mellor representa o aspecto literario que normalmente se lle atribúe como eminente á revista Nós, "e pénsase que aí se conclúe todo pero é moito máis".

Este volume sería, deste modo "o logos", a revista de letras do Boletín Nós, que "condensa estudos sobre lingua e letras vernáculas e tamén autores da literatura universal, con traducións, ensaios, artigos...".

No terceiro volume desprégase o que quedou perfilado no primeiro, a Enciclopedia científica, "sempre chamou a atención a etnografía e a literatura pero no boletín hai un amplo contido de ciencias humanas, políticas...".

"A primeira", recalca Camilo F. Valdehorras, "enciclopedia científica galega que temos e ademais escrita en galego do bo".

"Teimo na difusión políglota do boletín"

O autor de Do mellor de Nós explica que insiste "na idea de que o Boletín Nós se difunda en moitos idiomas, a modo de biblia política laicada Galiza galega".

Explica que a escolma que levou a cabo está "escrita nun galego normativizado, nunha norma aberta e tamén está en castelán".

Mais a proposta políglota débese a que "este tipo de obras, de tal relevancia, non deben quedar só entre galegos e galegas porque non somos nada se os demais non nos recoñecen".

"O proxecto non é só dar a coñecer o boletín para nós, que non hai outra obra de compilación semellante no mercado, pero sendo o noso buque insignia, debemos dalo a coñecer ao mundo", recalca Camilo Valdehorras.

O autor lembra que "o enorme monumento hemerográfico que foi Nós, na súa revelación plena propiciará ao lectorado os alicerces cultos da Galiza nación moderna". 

Comentarios