Pasadas as 17h decenas de persoas entraban no cemiterio coruñés de Santo Amaro, ao son do Himno do Antigo Reino da Galiza, para conmemoraren a vixencia do legado de Eduardo Pondal no centenario do seu falecemento. Cunha ofrenda floral, a federación Galiza Cultura de asociacións culturais lembraba que o bardo morría o 8 de marzo de 1917 na cidade da Coruña.
En declaracións a Sermos Galiza, a presidenta da federación, María Pilar García Negro, puxo de manifesto que “a celebración de efemérides nacionais como este caso non son actos funerarios, senón actos de vida vinculados a algo fundamental da nosa condición de humanos, que é a memoria, e non só en termos de homenaxes de vida a todas e todos aqueles que nos precederon na configuración e na representación da nosa nación, da Galiza, senón tamén no que hai de exemplo para o presente e para o futuro”.
García Negro: "Necesitamos que a Galiza se oia a si mesma e coñeza a súa historia e a súa cultura"
En relación a Pondal, García Negro explicou que “as súas palabras non son defuntas, arqueoloxía, senón que manteñen unha vixencia esencial; como se dicía hai cen anos, a redención do pobo galego, e co vocabulario de hoxe, porque necesitamos que a Galiza se oia a si mesma e coñeza a súa historia e a súa cultura, e dispoña hoxe en día de todo o bo, rico e variado que se fai en todas as artes”. Engadiu que os medios, nos distintos soportes, “deben ofrecer unha imaxe do realmente existente na Galiza e non do prefabricado coa intención de que sigamos a ser elementos servos doutra condición, doutra política e doutra ideoloxía española, occidental ou global”.
A presidenta de Galiza Cultura tamén aludiu ao futuro porque “o que nós no presente vexamos construído vai valer para que as nosas e nosos descendentes se saiban fillos e fillas dunha nación con nome propio, a Galiza, e dunha patria que merece existir e pola que hai que loitar [citando Rosalía]”. “A cultura penetra tamén en todas estas ideas e é un estímulo fundamental para sermos mellores persoas, coñecedoras e coñecedores do noso e para desde Galiza poder, desacomplexadamente, ollar o mundo e ofrecernos a nós, en primeiro termo, mais ao mundo e á humanidade, en xeral”. “Esa é a vocación e a intención de Galiza Cultura e por iso nos sentimos honrados de sermos, en tanta compaña, a única entidade que tivo a ben lembrarse de Pondal. Agradecemos, neste sentido, a unha das nosas asociadas, Medúlio, a idea para que esta homenaxe se puidese celebrar”, salientou.
Homenaxe
Após a interpretación do Himno do Antigo Reino de Galiza, tomou a palabra María Xosé Bravo, en representación da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, quen fixo un percorrido oral polo “cemiterio de ilustres” que é Santo Amaro. Así, citou Curros (na xornada de hoxe fixéronse 109 anos do seu falecemento) , Murguía –de quen subliñou que foi o primeiro en pensar Galiza como nación-, Lugrís Freire, Casal ou Seoane. Tamén Amparo López Jean e Elvira Bao. Aliás, gardou unha lembranza para Luísa Villalta (a segunda feira, 6 de marzo, fixéronse 13 anos do seu pasamento).
A continuación tomou a palabra Manuel Ferreiro, profesor da UDC e estudoso da obra de Pondal, quen lembrou que hai cen anos “as Irmandades acompañaban o cadáver de Eduardo Pondal, o bardo do pobo galego, xunto cunha bandeira galega que trouxeron para cubrir o seu cadaleito”. “Aquí cantouse dunha maneira realmente solemne o Himno Galego”, engadiu.
Puxo de manifesto que as Irmandades “recoñeceron a obra de Pondal e a súa entrega á misión de redención do pobo, coas súas luces e con algunha sombras, coas súas contradicións e coas lecturas máis ou menos difíciles nas que actualmente nos temos que recoñecer”. “Espero que noutros cen anos outras Irmandades veñan entregar aquí unas flores perante a tumba de Eduardo Pondal e de todos os que viñeron detrás del”, agregou.
Xosé María Varela, presidente da Fundación Eduardo Pondal, agradeceu na súa intervención a Ferreiro o traballo de investigación realizado ao redor da figura do bardo, “somos o que somos grazas a Manuel Ferreiro, el descubriunos Pondal a través dunha serie de simposios pondalianos”.
Evencio Ferrero: "Que teñamos sempre o espírito de irmandade"
Antes de fechar o acto o Himno Nacional, foi a quenda de Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, quen declarou sentirse “moi honrado de estar facendo irmandade, nestes tempos onde tantos males aventan”. Após recuperar o texto de Pondal Terra Verde, expresou o seu desexo de que “todas e todos recibamos mal os insolidarios do planeta, todos os que queren facer muros, divisións e non entenden que ser dun país significa identificarse co propio e abrirse ao mundo”. “Que teñamos sempre o espírito de irmandade e que desde esta patria sexamos quen de transmitirlles ás futuras sociedades os valores de quen nos ten deixado a nós”, concluír o rexedor carballés.
No acto participaron Medúlio, O Facho, a Asociación Alexandre Bóveda, a Fundación Eduardo Pondal, a AELG, a Fundación Manuel María, a ASPG, A Mesa e o Concello de Carballo, entre outras entidades.Tamén estivo presente a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.