domingo 27/09/20
O proxecto 'Sira e o robot' busca axuda

Unha ópera pop futurista en 'galinglego' que loita por continuar

O proxecto musical de 'Sira e o robot' ten ánimo de sacar unha nova entrega das súas aventuras galácticas futuristas en 'galinglego' para Nadal, mais para garantir a continuidade da saga precisan rematar con éxito o micromecenado que teñen aínda en marcha e do que, na recta final, levan só 30% do preciso.
Sira e o robot
Sira e o robot

A saga Sira e o robot, que chegaba o pasado ano á súa terceira entrega, fecha a vindeira semana o micromecenado que pretende garantir a continuidade desta ópera pop futurista. Nela, música, ilustración e teatro mestúranse con moito humor para fomentar a imaxinación e o xogo entre a cativada, coas cancións intercaladas na narración ao modo do musical clásico nunha aventura espacial chea de humor e misterio.

O universo dos relatos é a Galiza de 2050, onde o inglés foi declarado lingua oficial xunto co galego. É por iso que Sira e o robot está contado en "galinglego", unha mestura de ambos os idiomas, algo presente desde a xénese do proxecto. O seu fondo, segundo explica Mark Wiersma, autor xunto a Miguel Mosqueira, reside "no prestixio que teñen unha lingua ou outra", maior no caso do inglés. Ese experimento de facelas cooficiais volveuse tamén "un vehículo didáctico" que xorde de dous músicos con moito sentido do humor.

Diglosia

A metade da banda (o propio Wiersma) é anglofalante de lingua materna e, segundo explica, "por casualidade, na Galiza, as nenas e nenos experimentan unha certa presión para aprender o inglés". Aínda que ese aspecto non é o que consideran máis importante, admite que querían "xogar coa idea da tradución e o prestixio", co galego ofrece como "lugar seguro para a oínte, mesmo se é hispanofalante".

"Falar galego, queiras ou non, é un acto político" porque "ou prefires que esta lingua viva ben en toda a súa riqueza ou prefires que morra. Non hai lugar intermedio", di Mark Wiersma

Mais na súa diglosia "o galego ocupa a posición de forza", di. Isto, contra unha situación que "vivimos todos os días na Galiza. O español está moi influenciado polo galego, e o galego desparece polo avance do español", apunta Wiersma. "Falar galego, queiras ou non, é un acto político" porque "ou prefires que esta lingua viva ben en toda a súa riqueza ou prefires que morra. Non hai lugar intermedio".

Os incendios

A terceira entrega de Sira e o robot céntrase na problemática dos incendios que asolan Mega-Metrópole, un asunto que Wiersma tamén relaciona coa actualidade do país e do que se cuestiona a narrativa institucional "que vai pouco máis alá de botar a culpa ao pobo". Así, no libro-disco os intereses do malvado Technoduro son evidentes, "pero ninguén o quere ver", maquillado por discursos como o publicitario —"como Feixoo aquí, por exemplo", engade.

A solución para deter a ameaza do lume atópana as protagonistas nunha vella cantiga e na potencia das ondas da guitarra eléctrica. Porén, esta proposta en aparencia tan imaxinativa ten algo de verdade. "Pensando solucións novidosas, vimos que as frecuencias máis baixas poden apagar lumes", comenta Wiersma.

O tradicional posmoderno

"Como que de quen é? De todos", dise desa "sorte de cantiga tradicional posmoderna" que aparece na trama. Mosqueira e Wiersma gostaban do xogo temporal. "Eu só podo falar por un de nós, pero creo que a música xogará un papel liberador nos vindeiros anos. Ou talvez será moderadamente ilegal, quen sabe", di o segundo. Neste senso, fáiselle "inquietante" ver os concertos agora, marcados pola pegada da Covid-19, algo impensábel hai 8 meses.

"Creo que a música xogará un papel liberador nos vindeiros anos. Ou talvez será moderadamente ilegal, quen sabe", comenta Wiersma

"Gustaríame que as artistas interrogasen este asunto máis, cuestionar sempre foi o seu papel (tan necesario), pero agora estamos moi aglutinados e a expresión reificada". Wiersma é dos que pensa que cómpre pasar o presente "polo filtro da arte sen medo, sen lealdades e sen piedade. Talvez perdemos cousas que pensabamos antes certas, pero iso dá igual se cun pouco de análise vemos que non o eran".

Cuarta entrega

O micromecenado remata en poucos días na plataforma Verkami, co gallo de garantir a continuidade do proxecto, algo que "é moi complicado xa que nos falta moito e entramos en agosto", comenta Wiersma. Dos 3.500 euros que precisan aínda non conseguiron unha terceira parte. "Son tempos difíciles e precisamos aínda pagar a impresión de On fire!", ao que irían destinados os cartos.

A cuarta entrega, prevista para o Nadal, "versaría sobre o que pasa no mundo actual, partindo de información que está diante dos ollos de todas pero da que pouco se fala. O elefante na habitación, digamos", adianta o autor. Aparecerá así a personaxe de Guille Cancelas e a súa influencia na vida real televisada. "El seguía traballando os últimos dez agostos, mentres nós tentabamos 'desconectar' aínda máis", afirma enigmático.

comentarios