Galeusca volve reunirse en Palma de Mallorca despois de 10 anos

O acto arrincará coa lectura da Declaración de Palma, un manifesto asinado polas tres asociacións e que será presentado polos presidentes das tres entidades
Cesaréo Sánchez Iglesias. (Foto: Distrito Xermar)
photo_camera Cesaréo Sánchez Iglesias. (Foto: Distrito Xermar)

A federación Galeusca, integrada por asociacións de escritores en catalán, éuscaro e galego, reunirase en Palma o próximo 29 de maio para abordar estratexias de tradución e internacionalización literaria e propoñer accións para protexer as linguas e os dereitos dos profesionais do ámbito da escritura e da tradución. .

A Asociación de Escritores en Lingua Catalana (AELC), a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e Euskal Idazleen Elkartea (EIE) asinaron en 2008 a constitución da Federación de Asociaciones de Escritores de Galeusca, que representan a perto de 2.800 autoras literarias. tanto escritoras como tradutoras.

A última reunión que mantivo a federación Galeusca data de 2014 e con esta próxima reunión na capital balear quere manifestar a súa vontade e determinación de retomar o seu funcionamento e afianzar os seus compromisos, segundo detallou a organización nunha nota de prensa. 

O encontro Galeusca 2024 terá lugar en Palma de Mallorca e arrincará ao mediodía, coa lectura da Declaración de Palma, un manifesto asinado polas tres asociacións e que será presentado polos presidentes das tres entidades: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Joxemari Carrere, representante da Euskal Idazleen Elkartea (EIE), e Sebastià Portell, presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).

Xa pola tarde, celebrarase un diálogo entre tradutores baixo o lema A tradución como unha ferramenta de internacionalización de literaturas minorizadas no que participarán Garazi Arrula, María Reimóndez e Lluïsa Soaz.

Para finalizar, terá lugar un recital poético-musical en catalán, éuscaro e galego, que baixo o título De ida e volta contará coa participación das poetas Sebastià Alzamora, Castillo Suárez e Marga do Val. Os eventos son gratuítos e abertos ao público.

Comentarios