A galería José Lorenzo da Coruña expón a obra de Rodríguez Osorio

A sala coruñesa continúa co seu programa de exposicións individuais repasando os mestres escultores máis relevantes do século pasado.
'Morriña', de Rodríguez Osorio.
photo_camera 'Morriña', de Rodríguez Osorio.

Esta sexta feira, 4 de agosto, ás 19 horas, inaugúrase en Compostela a mostra individual que a Galería José Lorenzo dedica ao escultor Eduardo Rodríguez Osorio (1920-1995), que pemanecerá aberta ao público até o 15 de setembro. 

Nesta ocasión, o percorrido expositivo, de carácter antolóxico, busca unha aproximación global á obra de Osorio, onde se representarán todos os soportes, temáticas e códigos formais habituais na obra do artista: a maternidade, a muller, os tipos étnicos e populares, un costumismo sen artificios, impregnado de calma e serenidade.

Rodríguez Osorio forma parte do elenco de referencia na escultura galega do século XX; de vocación temperá e denodada formación académica, axiña comezou a destacar na conformación dun discurso propio, primeiro da man do gran mestre Asorey e, máis tarde, con Manuel Castro Gil, Osorio foi desenvolvendo paulatinamente unha personalidade formal chea de talento e de harmonía.

A constancia na procura e o traballo diario -"a miña preocupación é o traballo e a superación", repite sempre- fan que axiña consiga o recoñecemento públíco e as bolsas e encargos institucionais, levando así o seu traballo a unha perspectiva máis global, acorde coas segundas vangardas e avanzando coa evolución da plástica europea da escultura figurativa. 

O seu traballo e intuición, resultan nun corpus artístico de beleza telúrica e monumental, de gran pureza e verdade estética arraigado na súa terra, Galiza, pero coa mirada posta na arte universal. 

Acompañando á mostra individual de Osorio, a galería tamén realizará a habitual mostra colectiva de verán, nesta ocasión titulada Entresiglos. A selección de traballos realizouse entre as coleccións da galería con multitude de referencias á vangarda histórica, os renovadores, a xeración doente, así como unha colección de sinaturas da última metade do século XIX como Alperiz, Madrazo, Villaamil ou Benlliure. 

Comentarios