Contracultura

Manuel Buciños: "Desde que a bosquexo, a escultura non sae das miñas mans até que está lista para entregar"

Manuel García Vázquez, o escultor coñecido como Buciños, vén de recibir o título como fillo adoptivo de Ourense. 'Nós Diario' conversa con el sobre a súa profesión, que segue exercendo aos seus 84 anos, e das características que busca nos seus traballos xa que, como el di, “a arte non hai que firmala”.
O artista Manuel Buciños segue traballando nas súas esculturas todos os días. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O artista Manuel Buciños segue traballando nas súas esculturas todos os días. (Foto: Nós Diario)

—Como senta recibir o título de fillo adoptivo de Ourense?
Teño que recoñecer que para min xa o era. Nacín a 27 quilómetros, na fronteira con Lugo e a nosa cidade xa era Ourense. Todos os rapaces viñamos estudar aquí, os que ían para curas ao seminario e os outros ao instituto. No meu caso, vin aos dez anos e só saín durante seis ou sete, que foron os que estiven en Madrid facendo a carreira. Non son ourensán de nacemento, pero case, porque é onde vivín sempre: tiven aquí os meus grandes amigos, o grupo de artistas, convivín con personaxes ilustres e escritores e casei aquí cunha ourensá.

—Despois de tantos anos, segue facendo escultura?
Todos os días. Se non baixo ao estudo non vivo. É o que sei facer, o que me libera de todos os problemas grandes que hai no mundo, pasan as horas e non me dou de conta. É unha profesión na que entran moitos oficios: tallista, escaiolista, facer o modelado en barro, fundir o bronce, dar as pátinas... Non te aburres nunca. Ademais, tampouco podes escatimar no tempo, as cousas hai que tomalas con calma para poder mudar o que non encaixa e facelo de novo. É un traballo bastante divertido e é o que me gusta.

—Diría que xa hai tempo que atopou o seu estilo ou que aínda segue en evolución?
Comecei coa madeira porque o meu pai e o meu avó eran carpinteiros e cando viña o tallista a facer os adornos que se lle puñan antes aos móbeis gustábame moito velo. A miña paixón comezou aí. Despois, fun a Madrid a estudar Belas Artes e estiven tres ou catro meses de operario nunha fundición porque quería controlar eu todo o proceso, mais non che deixaban entrar así como así nunha, era case un segredo.

Ao volver aquí montei a miña fundición. Así, a obra non sae das miñas mans desde que fago o bosquexo até que está lista para entregar. Tamén é unha cuestión de prezo porque fundir hoxe é carísimo e ao facelo eu sae máis barato. Quero dicir que si que me custou atopar o meu estilo, porque eu creo que a arte non hai que firmala. Ten que dicir ela de quen é igual que ten que dicir de forma clara o que expresa, o sentimento. Logo, a obra gustará ou non, mais eu quero que comunique o que hai.

Iso levoume a facer unha escultura moi persoal. Comecei a pensar que os ocos eran tan importantes como a forma, que podían axudar a dar movemento e por iso empecei a traballar o bronce. É un material que axuda moito: se queres facer unha árbore da vida, podes apoialo nun punto pequeno porque é moi resistente e arriba podes abrir. A pedra é máis rotunda, pero eu comecei a traballala sobre todo para mesturala co bronce, por exemplo nunha peza sobre un abrazo na que a muller é de pedra e o home, de bronce. Son materiais que se levan moi ben, que funcionan moi ben tamén porque fixen varias e xa non teño ningunha, mais é complicado traballalas. Hai que facer primeiro a pedra, despois fundir o bronce e logo facer que encaixen ben, que se vexa que están unidas e que unha pertence á outra. Dito isto, tamén hai xente á que non lle gusta o que fago, evidentemente, mais cada quen ten os seus gustos e eu para iso son moi demócrata.

—Se baixa ao estudo todos os días, en que pezas está traballando agora?
Estou facendo o que me apetece. A última cousa que fixen é unha escultura de Carlos Casares que imos colocar, penso, no paseo de Ourense. Tamén teño moitas encargas, por exemplo, para as xubilacións de empresas. É certo que as cousas grandes xa me custan máis, levantar pesos é algo bastante complicado porque xa teño os meus anos. Levo toda a vida facendo isto e por iso son moi profesional, mais evidentemente as forzas vanse perdendo. Agora, sobre todo, intento non facer figuras tan grandes, centrarme en pezas que poida dominar.

Comentarios