O escultor cambadés Francisco Asorei será o homenaxeado no Día das Artes Galegas 2024

'Picariña', 'Naiciña', 'O Tesouro', 'Ofrenda a San Ramón', 'A Santa' e 'San Francisco' son algunhas das súas obras máis salientábeis.
Francisco Asorey. (Foto: RAGBA)
photo_camera Francisco Asorey. (Foto: RAGBA)

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) decidiu homenaxear o vindeiro ano 2024, no marco do Día das Artes Galegas, 1 de abril, o escultor cambadés Francisco Asorei. Nun comunicado remitido aos medios esta segunda feira, a institución explica que a decisión foi adoptada nunha reunión decorrida o pasado sábado e após a pertinente votación.

O presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, destacou que Asorei é "un deses personaxes da arte que debía ser homenaxeado" na efeméride das artes galegas. "Falar de Francisco Asorei, vinculado á RAGBA e á Real Academia de Belas Artes de San Fernando, é falar da escultura galega por antonomasia. É a significación da escultura galega contemporánea, un escultor imprescindíbel e un dos grandes artistas galegos do século pasado", salientou.

Nacido en Fefiñáns, Francisco Asorei (Cambados, 1889 - Santiago, 1961) está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica do século XX. Estudou no colexio Salesianos en Sarrià (Barcelona) e despois foi profesor de debuxo na escola que tiña en Barakaldo (Bizkaia).

Viviu uns anos en Madrid, onde entrou en contacto co ambiente artístico desta cidade, que non lle agradou demasiado. Alí coñeceu e fixo moita amizade co pintor Julio Romero de Torres e empezou os seus primeiros traballos artísticos de relevancia.

En 1918 gaña por oposición a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, onde se traslada definitivamente a vivir. Alí casa con Jesusa Ferreiro na década de 1920 e monta un obradoiro de escultura na rúa Caramoniña, canda o convento de San Domingos de Bonaval. Deste taller saen as obras en madeira policromada tituladas Picariña, Naiciña, O Tesouro, Ofrenda a San Ramón, A Santa e San Francisco —primeira Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid—. Na década de 1930 traslada o obradoiro a Santa Clara por necesidades de espazo. Neste lugar creou os grandes monumentos Loriga, Curros Enríquez e Virxe de Tanxil, entre outros.

A represión da guerra civil faille perder moitos dos seus amigos, como Camilo Díaz Baliño, e vive eses anos nun plano discreto. Adáptase á nova situación e segue traballando, facendo en moitos casos obras para as autoridades franquistas co vocubulario propagandístico que se lle exixe, mais tamén afronta encargos de gran calidade, como a Piedade para o Panteón do Centro Gallego de Buenos Aires, o monumento ao Padre Feijóo no Mosteiro de Samos, o monumento a Ramón Aller en Lalín ou a magnífica talla en madeira do Cristo da igrexa de Santa María de Moiá, en Barcelona.

Foi proposto como académico numerario da Real Academia Galga de Belas Artes por José Baldomir Rodríguez, Narciso Correal y Freyre de Andrade e Eladio Rodríguez González, nomeado por unanimidade o 23 de abril de 1944, e tomou posesión o 9 de novembro de 1947 na sede da Academia. En 1957 foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega.

O Día das Artes Galegas foi creado pola RAGBA en 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos linteles do Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago. Por iso é polo que o propio Mestre Mateo fose a primeira personalidade en ser distinguida na primeira edición da emeféride.

Comentarios