'Sonoridade das auras' compila unha obra dispersa e inédita

Galaxia reúne nun volume, por primeira vez, toda a poesía de García Barros

Por primeira vez, un volume reúne toda a obra poética -inédita ou dispersa en xornais e revistas da época- de Manuel García Barros, nunha edición a cargo de Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono.
García Barros
photo_camera García Barros

Máis coñecido como Ken Keirades, celebrado pola súa prosa sardónica e crítica en artículos xornalísticos, narrador consagrado como autor de relatos curtos, Manuel García Barros tamén foi autor dunha obra lírica que, até o de agora permanecía inédita ou espallada en xornais e revistas da época. A editorial Galaxia vén de publicar a súa poesía, reunida por primeira vez, nun volume ao coidado de Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono, Sonoridade das auras

García Barros comezou a escribir poemas desde moi novo, primeiro baixo a éxida das lecturas   que ía acumulando -desde José María Gabriel y Galán até Heine- e, logo, tras ler con detención a poesía do Rexurdimento -sobre todo Rosalía e Curros- , cunha forte compoñente de compromiso coa lingua e co país. 

Un dos autores do volume, Carlos Loureiro Rodríguez, en conversa con Nós Diario, salienta a importancia de dar a coñecer esta faceta do escritor da Estrada. "Ao público xeral pode sorprenderlle esta vertente da súa obra porque el é coñecido sobre todo como articulista e como autor de contos, que é o campo no que destacou, mais a súa poesía ten un valor notábel que serve de complemento moi digno do resto da súa produción", explica.  

A poesía é, de feito, a primeira vocación de García Barros, que a cultiva con bastante continuidade desde 1808 até 1909, data en que deixou de editarse El Estradense, o periódico co que colaboraba habitualmente.  A partir de aí, entra nunha etapa de silencio poético que rompería quince anos máis tarde, en 1924, con pezas que exhiben o seu compromiso social. 

"Despois do peche de El Estradense, García Barros entra nunha etapa de maior activismo social, moi comprometido co movemnto agrarista, coas Irmandades da fala e co grupo Nós. E só despois de comezar a traballar noutro periódico da Estrada, El Emigrado, retoma a súa escrita poética", aclara Loureiro Rodríguez.

 

Natureza omnipresente

A poesía de García Barros trata temas moi variados que veñen dados polas circunstancias políticas e persoais do momento en que as escribe -a emigración, a liberdade, a Terra, a defensa do mundo labrego, o amor, a morte-, mais Loureiro destaca como elemento de unidade a presenza constante da natureza. "Na liña do hilozoísmo da época, o mundo natural está sempre presente, entrelazado coas outras temáticas que trata. A capa do libro, un cadro da época de Ovidio Murguía, quere facer referencia a esa constante que sempre aparece na súa obra. Para el a natureza era fundamental, mesmo na súa narrativa, aínda que en ocasións se mesture con temas máis políticos como a reivindicación da dignidade do mundo rural, a crítica do caciquismo ou a sangría da emigración", di. 

E tamén, claro, sempre está presente o ton crítico, a sátira que fai de García Barros un bardo loitador e comprometido que non pode evitar facer un comentario acedo sobre a realidade que o rodea. 

"Como poeta, García Barros, está moi marcado pola súa época. Non destaca tanto como un Cabanillas, por exemplo, mais ten unha obra importante que, ademais, resulta fundamental para entender o resto da súa obra e a dimensión da súa figura", remata Loureiro.

Unha débeda saldada cincuenta anos logo da morte do autor

García Barros sempre manifestou a vontade de editar a súa poesía reunida, mais sempre atopou impeitizos que lle impediron publicar a súa obra: perseguido e censurado polo franquismo, a partir do golpe de Estado de 1936 foi apartado do seu  emprego como mestre, encarcerado varias veces e ameazado de morte. Naquelas circunstancias, apenas puido publicar uns poucos textos debiamente peneirados pola censura da época.

Comentarios