Opinión

Ken Keirades

No necesario exercicio de restitución e divulgación da figura de Manuel García Barros acaban de ver luz dous títulos que son complementarios.

Dunha banda Contiños da Terra, saído orixinalmente en Nós en 1931, cuxa nova edición é da responsabilidade de Xesús Domínguez Dono e mais de Carlos Loureiro Rodríguez.

E doutra banda Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento, ensaio da responsabilidade do citado Carlos Loureiro. Quen leva xa dado ao prelo outras obras do autor nado en Berres en 1876. Volume que tamén conta cunha útil cronobiografía e mais dunhas declaracións xudiciais do proceso no que se viu implicado en 1937.

Autor dunha fecunda actividade no xornalismo, chegando a ser redactor xefe d’ El Emigrado, sería por volta de 1924 cando empezase a empregar o pseudónimo que lle dá título a este texto e co que se había facer moi popular.

Home dunha azarosa traxectoria, o seu labor transitou dende o agrarismo ás Irmandades da Fala, o galeguismo e o nacionalismo. O seu rexo perfil levaríao, ademais doutras represalias profesionais, a estar encarcerado en varias ocasións.

Se ben o seu espírito loitador e incorruptíbel o faría desenvolver un traballo incesante na concienciación dende o ámbito cultural. E en clara oposición ao caciquismo rural.

Nesta dimensión resulta moi significativa a súa acción galeguizadora e dinamizadora dos mestres –corpo do que el fora depurado–  estradenses así como o seu trafego en prol da culturización do colectivo emigrante.

A firmeza foi salientábel risco de carácter deste autor nos duros tempos do franquismo. Período no que levou a cabo unha incansábel loita na sombra en prol do galeguismo. E un consciente labor ponte cos emigrados de América do Sur.

Un xeito moi empregado para divulgar as súas ideas, naquel inmenso período de sombras, foi o de facer copias e espallar os seus escritos entre os coñecidos. Mantendo, ao mesmo tempo, unha intensa correspondencia con figuras como Ramón Otero Pedrayo, Bieito Fernández Álvarez, Laureano Santiso Girón ou Sebastián Martínez-Risco.

O seu discreto e constante traballo levouno a participar en moi diversas empresas ao longo do seu existir. Como a participación no certame dos Pereiriños, nos anos vinte, o levantamento na súa Estrada natal dun monumento a Pardo de Cela, en 1934, ou a constitución da Asociación de Escritores de Galicia, en 1936.

A súa novela As aventuras de Alberte Quiñoi, finalista, en 1949, do certame do Centro Galego de Bos Aires, non se chegaría a publicar, xa con carácter póstumo, ata 1972.

Sendo, como era, ben consciente o autor de que na literatura galega había un baleiro deste tipo de obras. O cal non se cubriría ata que se publicase Memorias dun neno labrego, en 1961.

Comentarios