HOMENAXE A GARCÍA BARROS

Ken Keirades, corenta anos despois

O sábado 14 de abril celebrábase no Concello da Estrada diversos actos de recordo de Manuel García Barros, escritor recluído no exilio interior do franquismo ao que combateu até o último día.
García Barros
photo_camera García Barros
Pódese dicir que o rescate do silenciamento no que se atopaba este autor comezou o mesmo día da súa morte. Despois de todo, xa podía abandonar a clandestinidade. Unha vez morto...que máis podían facerlle?. E así, a propia “esquela” distribuída pola veciñanza sinalaba na nosa lingua que morría: “logo de ter dedicado todos os intres da súa vida a mellor servizo da patria”. E iso claro que impactou no seu momento no que a patria era outra e a lingua das necrolóxicas tamén.

As xeracións de estradenses que naceron no franquismo descoñecían a existencia deste home, e moito máis do seu labor literario e resistente. En parte, a responsabilidade disto foi do propio Ken Keirades que se negou a participar en ningún acto público ou en calquera xornal e revista que puidera dar a impresión de normalidade e de que se podía escribir e dicir o que se quixese.
Antes do 36 era un dos escritores máis populares, asiduo colaborador de xornais e mestre recoñecido e respectado. Aínda que é certo que non era pretencioso e usaba a literatura como un xeito máis de activismo a prol da lingua. Poñía por escrito a tradición oral, tentando recoller a riqueza léxica e gramatical do pobo, para reforzar a autoestima dos creadores anónimos que precisaban ver que os relatos humorísticos, cos que trataban de alegrar a precaria existencia dos labregos, tiñan mérito de abondo para figurar nos papeis impresos.
Mais chegou o 36 e foron por el. Tamén levaran ao cuartel da falanxe ao seu fillo David, das mocidades galeguistas. Non sería a última vez. E iso era o importante. Poder contalo.

Os “amagos” para liquidalo polo camiño puidera facer pensar que lle terían sacado anos de vida. Mais chegou aos 96. E nin sequera afectou ao seu ánimo os “latigazos” da falanxe. A humillación do aceite de rícino e demais rituais de costume. E tanto é así, que tanto puido máis a carraxe que o medo que en canto Fermín Bouza Brei atopou o xeito de arremeter contra a cabeza da falanxe a finais dese infausto ano, García Barros foi dos poucos que se lle prestou xunto coas súas fillas e sobriña para ir de testemuña conforme o Xefe Provincial de Falanxe cobraba a cambio de  perdoar a vida dos extraidos das súas casas en plena noite.
Porque García Barros viviu con medo, e pasou moito durante toda a súa vida. Con motivo. Cando o falanxista Bao Lagares disparou ao ar diante da súa porta díxolle que aquela bala estaba destinada para el esa día, mais quedaban moitas máis balas para calquera outro. Con todo, ao Señor Manuel, o medo non lle paralizou o intenso labor propagandístico. O faiado da súa casa albergaba perseguidos e as visitas da Garda Civil non o fixo recuar mesmo cando xa, con case 80 anos, foi detido por última vez e conducido á prisión da Parda en Pontevedra.


Nos actos celebrados na súa honra escoitouse ao seu bis-sobriño, Xosé Manuel Martínez Oca, lembrar o compromiso coa lingua. Ao profesor Carlos Loureiro, biógrafo e editor da súa obra, reivindicar para el o necesario recoñecemento pola súa achega á nosa literatura dedicándolle un día das letras galegas. Entre os poemas e intervencións musicais, tívose ocasión de lembrar os seus relatos humorísticos da man de Xosé Lois “O Carrabouxo” e David Otero, grazas a colaboración de actores como Xoque Carbajal, Alberto Rolón e Gonzalo Valcarcel. Sen esquecer aos nenos da bisbarra e, nomeadamente a súa bisneta, Noemi García, quen lle fixeron unha ofrenda poética. Así, as asociacións de veciños e mulleres rurais da súa parroquia de nacemento, Berres, e onde finou, Callobre, xunto coa a Asociación Cultural “Vagalumes” quixeron manter viva o lume acceso do seu recordo 40 anos despois de tanto esquecemento en vida.

Comentarios