Galaxia prepara o centenario de Xaime Isla Couto

A editorial Galaxia e a Fundación Isla Couto están a preparar a conmemoración do centenario do nacemento de Xaime Isla Couto. Unha exposición sobre a súa figura, unha fotobiografía e un monográfico da revista Grial serán os primeiros froitos desta efeméride.

grupo
photo_camera Acto da RAG sobre Isla Couto

O día 2 de outubro inaugurarase na Casa Galega da Cultura de Vigo unha exposición que nos achegará a Xaime Isla (Santiago, 1915-Vigo, 2012). Igualmente Galaxia publicará unha fotobiografía do homenaxeado coordinado por Xosé Luís Pastoriza, principal estudoso do galeguista vigués. E a el tamén lle dedicarán un monográfico de Grial

Xabier Martínez Cobas, conselleiro delegado da Editorial Galaxia e membro da Fundación Isla Couto, destacou para Sermos a contribución do vigués na introdución dunha perspectiva de país no mundo da economía, tanto expresada na teoría nos artigos e editoriais da Revista de Economía de Galicia que el mesmo dirixiu (Xosé Manuel Beiras era o subdirector), como na práctica colaborando con moitas das principais empresas galegas e viguesas daquel momento como a Caixa de Aforros de Vigo, Pescanova, Zeltia, Cementos Cosmos e outras. 

Estamos diante dunha personalidade singular, explica Martínez Cobas, porque combina una formación humanista e moi profunda de todas as ciencias cunha parte empírica ampla e rica. “El non quedou no seu despacho de catedrático elucubrando”, defende Cobas. “Formouse na Xeración Nós e no Seminario de Estudos Galegos e é un dos promotores da confluencia entre galeguismo e o mundo da empresa”. 

Foi Vigo o lugar no que xurdiu o galeguismo de empresa, con actores tan importantes como Parga Pondal, Paz Andrade ou os propios irmáns Isla Couto. “El vive esa realidade, é avogado de moitas desas empresas e cando escribe faino con ese dobre coñecemento teórico e empírico”, segundo este profesor de Economía da Universidade de Vigo. 

Home clave en Galaxia

No eido cultural, Isla Couto foi presidente do Consello de Administración de Galaxia. “Foi unha persoa con visión a longo prazo, era o soñador estratéxico, o encargado dos soños do futuro”, explicou Víctor Freixanes, director da editorial, nun acto da Real Academia Galega. Apostou nas primeiras producións discográficas en galego e baixo o selo Edigsa-Galaxia publicaríanse nos anos 60 os primeiros discos da Nova Canción Galega. Tamén foi pioneiro ao crear, nos anos 40, unha rede de venda de libros a domicilio e anticipouse igualmente no deseño da expansión internacional de Galaxia, engadiu Freixanes. 

Ademais da Revista de Economía de Galicia, foi director de Grial e fundou unha editorial católica e galeguista, SEPT. Ingresou na Academia Galega en 1999. 

Comentarios