Contracultura

Xulia Pisón: “En 'The Drop' non hai texto porque nos soños tampouco adoita haber unha narrativa clara”

Xulia Pisón, ilustradora, vén de publicar The Drop, o primeiro cómic galego que precisa de gafas 3D para lelo. Pisón relata o proceso que a levou a crear esta historia que atravesa soños e dimensións, así como das posibilidades dos cómics mudos porque, como di ela, “para cada quen é un mundo distinto”.  
 
A ilustradora Xulia Pisón (Foto: Nós Diario).
photo_camera A ilustradora Xulia Pisón (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu The Drop?

A historia comezou sendo un par de viñetas, algo curto para redes sociais, mais ao tirar do fío  acabei con corenta páxinas. Era unha idea moi sinxela que veu dunha época na que por cuestións de traballo e da vida tiña moitos problemas de sono. Durmía ben, mais espertaba moi esgotada e despois dunha noite de soños moi complexos e raros. Comecei a investigar as fases do sono e ao mesmo tempo a facer este tipo de viñetas sobre o mundo raro no que caemos polas noites. Ao final este cómic, a través desta mala época e da curiosidade, foi unha especie de curación para min; agora xa durmo mellor.

A idea inicial era en dúas dimensións e de feito a historia xa estaba escrita. 
Un día, falando co meu irmán, el estaba levando a cabo un proxecto con temas de 3D e preguntoume por que non utilizaba eu esta ferramenta. Ao principio pensei que sería bastante máis complicado e que eu non ía poder, mais en canto me puxen a investigar vin que era unha técnica bastante sinxela e que encaixaba moi ben con esta historia e con toda a riqueza que tiña, este xogo entre dimensións. Ao facer unha proba todo cobrou sentido. 

Ademais, trátase duncómic mudo, non?

Totalmente. O único texto que hai é o da portada e os dos créditos. Está feito a propósito porque ao final nos soños non adoita haber unha narrativa moi clara e ademais penso que a historia non o precisa. É unha historia que funciona moi ben sen texto, aínda que isto tamén fai que se lea moi rápido. Gústame o feito de que esta forma dea lugar a moitas máis interpretacións individuais.

É certo que dependendo da complexidade da historia é máis sinxelo facelo mudo ou non, normalmente en relatos moi complexos se queres contar moitas cousas sen palabras precisas unha narrativa moi pausada. 

Por isto, o normal é valerse de todos os recursos que dá o cómic e un deles é precisamente o texto: o diálogo pode utilizarse para facer avanzar a historia, para contar cousas complexas... Mais neste caso tamén faría que se perdera esa liberdade de interpretación, porque eu podo estar contando unha cousa e que cada persoa estea lendo o que as imaxes lle inspiran. Ao final todas soñamos e pasamos polas mesmas fases do sono, mais para cada quen é un mundo distinto.

Igual que as emocións son universais, mais cada persoa interpreta o que ocorre ao seu arredor dunha maneira. Ademais, os cómics mudos permiten que a lingua non sexa unha barreira, podendo achegarse a diferentes idades. 

É unha historia para todos os públicos, mais unha crianza quizais pode quedarse coa parte dos pesadelos, mentres que unha persoa adulta pode mirar que é o que hai detrás deses pesadelos, non sei, un inspector de Facenda ou un profesor da universidade. Penso que é un pouco como os filmes de Pixar, que poden verse a varios niveis e tamén son aptas para crianzas e persoas adultas. 

Como está sendo a acollida?

A verdade é que bastante boa, porque esta primeira tirada está practicamente esgotada, e comecei a vendela en agosto na edición deste ano de Viñetas desde o Atlántico na Coruña. A cuestión do 3D chama moito a atención porque aínda que nos anos 90 era bastante habitual que as gafas viñeran con libros ou fascículos, agora non se ven tanto por aí e sobre todo non hai moitos produtos orientados a un público xeral que teñan isto incorporado.

É algo vello e novo a un tempo, depende da persoa que o mire. Quizais para persoas cunha certa idade a nostalxia fai que se fixen máis e para a rapazada inclusive pode chegar a ser como unha novidade, aínda que isto é máis vello que andar a pé. Con todo, eu sempre digo que non se queden só con iso, que está moi ben, mais tamén hai unha historia. Sería como quedarse só cos efectos especiais dos filmes.  

Comentarios