'O Corno' arrasa nos Mestre Mateo con sete premios, incluído o de Mellor Longametraxe: consulta aquí todas as gañadoras

A cinta dirixida por Jaione Camborda destaca nunha na que 'Matria', de Álvaro Gago, recibiu outras cinco estatuas e mantivo unha interesante batalla até o final da noite por ver quen se facía con máis. 
Foto de familia das gañadoras e gañadores dos Premios Mestre Mateo 2024. (Foto: Aigi Boga / AGA)
photo_camera Foto de familia das gañadoras e gañadores dos Premios Mestre Mateo 2024. (Foto: Aigi Boga / AGA)

O Coliseum da Coruña tornou na noite deste sábado no epicentro do audiovisual galego. A actriz Lidia Veiga e o actor Miguel Canalejo fan de mestres de cerimonia na gala dos Premios Mestre Mateo 2024, un espectáculo dirixido pola dramaturga Noemi Rodríguez e amenizado pola música das Fillas de Cassandra, que contan coa colaboración de Mondra e os peliqueiros de Laza.

O primeiro galardón da noite recaeu en Santi Prego, que foi premiado na categoría de Mellor Actor de Reparto polo filme Matria. Acto seguido foi a quenda de Mellor Maquillaxe e Perruquería, que levaron Bárbara Brouke, Lorena Calvo e Silvia Neira por O corno.

Non tardou en caer a primeira 'estatuíña' para a serie Rapa, o produto audiovisual que chegaba a esta noite cun total de 16 candidaturas. Xavi Font foi o premiado pola Mellor Música Orixinal. Despois chegou o galardón para Chama a miña neta, de Recados Carmen para Balidea e Universidade de Vigo, na categoría de Mellor Anuncio Publicitario.

Segundo premio para O Corno, a afamada cinta de Jaione Camborda. Desta volta é para Uxía Vaello polo Mellor Vestiario. Chega agora a quenda do Premio á Mellor Serie Web, que recae en A arte de ser (mal) pai.

O Coliseum da Coruña, ateigado na gala dos Premios Mestre Mateo. (Foto: Concello da Coruña)
O Coliseum da Coruña, ateigado na gala dos Premios Mestre Mateo. (Foto: Concello da Coruña)

E seguindo con cintas, mais neste caso no apartado de Curtametraxe de Animación, a premiada é To bird or not to bird, de Abano Producións e Uniko Estudio Creativo.

O Premio á Mellor Realización vai para Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias por O Gran Camiño. Grandes rutas a pé do mundo.

Novo premio para MatriaSusana Sampedro, Premio Mestre Mateo á Mellor Interpretación Feminina de Reparto.

E terceiro galardón para O Corno, neste caso ao Mellor Guión, para a propia Jaione Camborda, que é tamén a directora do filme.

O Premio á Mellor Montaxe recae en Gaspar Broullón, Julia Juanatey e Lucía Iglesias pola serie Rapa.

E de novo Matria sae á palestra. Nati Juncal, premiada pola Mellor Dirección de Produción.

Voltando agora o foco cara á televisión, Lucía Veiga leva o Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicador/a por 'Malicia Noticias', da TVG.

O Premio de Honra Fernando Rey vai para Eva Veiga.

Cuarto premio para MatriaLucía C. Pan, galardoada pola Mellor Dirección de Fotografía.

E catro estatuas leva tamén O Corno, ao sumar a distinción para Sergio Silva e David Machado polo Mellor Son.

Todo o equipo de 'O Corno' subiu ao escenario. (Foto: TVG)
Todo o equipo de 'O Corno' subiu ao escenario. (Foto: TVG)

Non falta tampouco o deporte rei na gala dos Mestre Mateo, pois a Oliveira dos cen anos de C. Tangana, o himno que conmemora o centenario do Real Club Celta, leva o premio ao Mellor Videoclip.

Unha cara coñecida sobe ao escenario para recoller o premio á Mellor Interpretación Masculina Protagonista: Tamar Novas, quen xa fora galardoado o pasado ano na mesma categoría, desta volta por Salta!.

O coidado, de Miguel Canalejo, premio á Mellor Curtametraxe.

Quinto galardón para O Corno, desta volta para Melania Freire pola Mellor Dirección de Arte.

E unha máis para O Corno: Jaione Camborda, que xa levara o premio ao Mellor Guión, é premiada tamén pola Mellor Dirección.

Continúa a pugna d'O Corno con Matria, que agora suma outra estatua: María Vázquez, premiada pola Mellor Interpretación Feminina Protagonista.

Os espazos en branco, de Bruno Arias, leva o Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental.

Cos pés na terra, de Filmax-Producións A Fonsagrada, elixido Mellor Programa de Televisión.

A categoría de Mellor Serie de Televisión premia Rapa, de Movistar Plus.

Finalmente, unha das batallas máis agardadas da noite: o Premio á Mellor Longametraxe foi para... O Corno.

Comentarios