'Rapa', 'Matria' e 'O corno' arrasan nas candidaturas dos Mestre Mateo: estas son todas as obras nomeadas

A entrega dos galardóns terá lugar o 23 de marzo no Coliseum da Coruña

Fotograma de 'Oliveira dos cen anos' de C. Tangana. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fotograma de 'Oliveira dos cen anos' de C. Tangana. (Foto: Nós Diario)

Lucía Veiga e Denís Gómez anunciaron na tarde desta cuarta feira, 7 de febreiro, as candidaturas finalistas da vixésimo segunda edición dos Premios Mestre Mateo, nun acto celebrado no museo MEGA. A serie Rapa e as longametraxes O corno e Matria copan 42 candidaturas finalistas, seguidas, a certa distancia, polos filmes Salta e Fatum.

A serie producida por Portocabo encara a recta final dos premios sendo a máis votada polas académicas e académicos, con 16 candidaturas, empezando pola de Mellor serie de TV, onde compite con outro traballo da produtora Os argonautas e a moeda de ouro, e Motel Valkirias de CTV e Saudade de ti de Voz Audiovisual, ámbalas dúas emitidas por TVG.

Rapa tamén coloca a seis dos seus intérpretes como finalistas nas categorías de interpretación: Iolanda Muíños, Melania Cruz e Federico Pérez Rey en papeis de reparto e Mónica López, Javier Cámara e Darío Loureiro nos papeis protagonistas. Pola súa banda, Matria obtén catro candidaturas: para a súa actriz protagonista, María Vázquez, e para Susana Sampedro, como actriz de reparto, así como para Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” e Santi Prego como actores de reparto.

O corno conta con tres finalistas de interpretación: Carla Rivas e Diego Anido en papeis de reparto e Janet Novás como protagonista. Completan o listado o gañador do Mestre Mateo á Mellor interpretación masculina protagonista en 2023, Tamar Novas, polo seu papel en ¡Salta’ e Luis Tosar, polo seu traballo en Fatum. A actriz Lidia Veiga terá un dobre protagonismo na gala deste ano, ao ser co presentadora do espectáculo e optar a premio polo seu papel protagonista no filme Canto toco un animal.

Mellor longametraxe

As películas finalistas a Mellor longametraxe acaparan 40 candidaturas: O corno con 14, Matria con 12, ¡Salta! con 9 e Fatum con 5, entre elas as de Mellor dirección para Jaione Camborda, Álvaro Gago, Olga Osorio e Juan Galiñanes. Os nomes dos tres primeiros volven aparecer como finalistas polos guións dos filmes, no caso de Olga Osorio xunto con Araceli Gonda, o traballo de Pepe Coira e Fran Araújo en Rapa completa as candidaturas.

Sete curtametraxes, cinco de imaxe real e catro de animación, foron seleccionadas como finalistas. Antes de que se poña o sol, Nena, O coidado, O neno sardiña e Ulises competirán polo trofeo que as acredite como Mellor curtametraxe de imaxe real. Pola súa banda, Illa cordura, In half, O monstro e a nena e To bird or not to bird competirán polo Mestre Mateo á Mellor curtametraxe de animación.

Na categoría de Mellor programa, atopamos ao vencedor na pasada edición dos Mestre Mateo, Cinephilia emitido por Telemiño. Simone Saibene é tamén finalista a Mellor comunicador e Mellor realización por este programa. Acompáñano Clac da TVG, tamén finalista na categoría de Mellor realización co traballo de Natalia López; O gran camiño. Grandes rutas a pé do mundo comparte candidatura finalista a Mellor realización para Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias; e Cos pés na terra de Filmax-Producións A Fonsagrada.

Gerardo Rodríguez completa as candidaturas a Mellor Realización polo  programa Malicia Noticias que tamén obtén unha candidatura para Lucía Veiga a Mellor comunicadora, categoría na que tamén optan a premio Juan Fuentes polo magacín Quen anda aí? e Paco Lodeiro polo concurso Atrápame se podes.

Pleno de representantes femininas na categoría de Mellor vestiario, coas candidaturas de Alicia e Lola Dapena polo seu traballo en Rapa, Ana López en ¡Salta!, María Porto en Fatum e Uxía Vaello en O corno.

Pola súa banda, só atopamos profesionais masculinos entre os finalistas nas categorías de música orixinal e son. Na primeira, Camilo Sanabria, compositor da banda sonora orixinal de O corno, competirá con Manuel Riveiro por ¡Salta!, Santi Jul e Iván Laxe por Os argonautas e a moeda de ouro e Xavi Font polo seu traballo en Rapa. A segunda e, ademais unha das máis numerosas, con nove profesionais candidatos: Carlos Mouriño, David Machado e Javier Pato por ¡Salta!; Juan Gay e Diego Staub por Rapa; Sérgio Silva e David Machado por Matria e Xavier Souto e Diego Staub por Matria.

Tamén son nove os profesionais candidatos ao premio a Mellor maquillaxe e perruquería: Bárbara Brouke, Lorena Calvo e Silvia Neira por O corno; Fany Bello e Gemma Márquez por Rapa; Sonia García por Matria e Susana Veira, Beatriz Antelo e Antonio Naranjo por ¡Salta!.

Nas finalistas a Mellor dirección de produción competirán Ana Míguez, pola serie Rapa e Javi Lopa, José Alberto Fuentes e Nati Juncal por cadanseu traballo en Amigos hasta la muerte, O Corno e Matria.

Alexandra Fernández por ¡Salta!, Ángel Amaro e Simon Canosa por Motel Valkirias, Inés Rodríguez por Rapa e Melania Freire por O Corno competirán polo trofeo a Mellor dirección de arte, mentres que Jaime Pérez por Rapa, Lucía C. Pan por Matria, Mauro Herce por Sica e Rui Poças por O corno faron polo de Mellor dirección de fotografía.

No apartado que premia a Mellor montaxe, competirán Cristóbal Fernández, polo seu traballo en O corno, Lu Rodríguez por Fatum, Ricardo Saraiva por Matria e Gaspar Broullón, Julia Juanatey e Lucía Iglesias pola montaxe da serie Rapa.

Documentais, anuncios, series web e videoclips

As candidatas a seren recoñecidas como Mellor documental son A viaxe de Lucy, Chichi e máis eu, Emoción, vida y teatro-A nave das Marías e Os espazos en branco, mentres que na categoría de Mellor anuncio publicitario atopamos Arde Lvcvs MMXXIII, Chama á miña neta, Gracias e Heather Small-Las estrellas del camino.

Completan as candidaturas desta vixésimo segunda edición dos premios, as finalistas nas categorías de Mellor serie web e Mellor videoclip. Na categoría de serie web compiten dous traballos de ficción, A arte de ser mal pai e Terapia de, un de animación, Bechos, e un documental, Nosoutras, as mulleres da revista Nós. As candidatas a mellor videoclip son: A pequena morte de Caamaño & Ameixeiras, Fai tempo de The Rapants, Oliveira dos cen anos de C. Tangana e Ruando Crónicas d’Ardén-cap 2 de Mondra.

As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 23 de marzo no Coliseum da Coruña.

 

Comentarios