luns 01/03/21
GAñAN TAMéN ANTóN PULIDO, LOIS PATIñO, YOLANDA CASTAÑO E O GRUPO CUEVAS

Freixeiro Mato, X. M. Lema e Berrogüetto, Premios da Crítica

Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé María Lema, Berrogüetto, o ciclo Poetas Di(n)versos, Antón Pulido, Lois Patiño e o Grupo Cuevas son os Premios da Crítica 2014. 

.
.

Xosé Ramón Freixeiro Mato en Investigación, Xosé María Lema en Creación Literaria, Berrogüetto en Música Poetas D(in)versos para Iniciativas Culturais, Antón Pulido en Artes Plásticas e Visuais, Lois Patiño en Artes Escénicas e Audiovisuais e o Grupo Cuevas en Cultura Gastronómicas son os nomes dos gañadores da trixésimo sétima edición dos Premios da Crítica Galicia 2014. 

Os distintos xurados deron a coñecer os seus fallos no xantar que decorreu este sábado en Vigo. Sen excesivos riscos, os premios optaron maiormente por traxectorias consolidadas e valores seguros do panorama cultural nas distintas categorías. 

A Estilística da lingua galega de Xosé Ramón Freixeiro Mato (Xerais) mereceu para o xurado de Investigación ser considerado o traballo máis relevante do ano. Destacou da investigación do profesor da Universidade da Coruña  “a novidade e orixinalidade da proposta, que é a primeira deste tipo en lignua galega, e a concepción e enfoque amplo da Estilística ao abeiro doutras disciplinas lingüísticas”. 

Canto á Creación Literaria, Costa do Solpor a primeira novela do malia iso veterano escritor e investigador Xosé María Lema foi salientada como mellor obra do ano e fíxose co galardón, entre outras razóns por asumir “diversos modelos narrativos cunha ampla documentación histórica e un rexistro lingüístico rico, poñendo en valor os territorios literarios vinculados co mar”. 

Yolanda Castaño e Berrogüetto suman premios

O ciclo dirixido por Yolanda Castaño “Poetas D(in)versos” que se desenvolve no Centro Ágora da Coruña e que convoca en cada un dos recitais poetas da Galiza xunto con destacadas voces da poesía mundial impúxose na categoría de Iniciativas Culturais. “É fonte de alimentación do gusto poético, dignificando e visualizando o xénero, consolidando un público propio para a lírica de hoxe, tanto nacional como internacional”, sinalou o xurado que recoñeceu tamén outra das iniciativas da poeta, o Festival Ponte-Poética. 

Despedíronse este ano mais, aínda están a recibir premios pola súa sólida traxectoria no mundo musical. Despois do I Premio da Música, a Berrogüetto chégalle agora o Premio da Critica pola “excelente traxectoria artística de case vinte anos do grupo vigués, constituíndose nunha referencia imprescindible na música de raíz galega, e un conxunto de prestixio no panorama internacional que deixa un legado permanente na nosa cultura”.

Antón Pulido e Lois Patiño, para as artes

Con exposición aberta en Vigo, o artista, que fora tamén director xeral de Cultura e primeiro director do CGAC, Antón Pulido, recibiu o Premio de Artes Plásticas e Visuais. Destaca o xurado singularmente a mostra Kermese do pasado ano en Pontevedra, “que viña esbozándose en mostras fóra de Galicia dende o ano 2007. Kermesse  é unha viaxe a unha abstracción lúdica, moi ben organizada, que transforma toda a súa pintura anterior cunha solidez moi difícil de acadar. Pola súa traxectoria, pola exposición que se menciona, pola lección de frescura e renovación comprendendo o seu tempo, cremos que o artista é merec

edor deste premio”, sinala o xurado no fallo. 

Lois Patiño co seu Costa da Morte é o máis “emerxente” dos premiados, mais iso non quita para que a súa polo de agora breve traxectoría estea xa avalada por importantes galardóns. O xuri destacou neste caso  “a capacidade do filme para abrir unha liña estética non convencional e un punto de inflexión no cine galego e na revisión do diálogo entre cine e paisaxe, así como na internacionalización do sector e na renovación dos modelos tradicionais de produción, distribución e exhibición”. Patiño faise co Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais, unha categoría que pode desdobrarse na vindeira edición, de facer caso á recomendación do xurado. 

Grupo Cuevas, primeiro de Cultura Gastronómica

Inaugurábase nesta edición o Premio de Cultura Gastronómica e o primeiro gañador é o Grupo Cuevas, “unha empresa familiar de longa e consolidada traxectoria (máis de 100 anos) que ofrece dentro e fóra de Galicia un fito destacado, ser pioneira en converter un produto autóctono, a castaña, nun elemento de calidade con incidencia universal, como é a castaña confitada, sen deixar de mirar cara adiante na procura de seguir a mellorar resultados. En defintiiva, a través da posta en valor dun produto popular desprestixiado, no eido da excelencia”.

O lema “A beleza feriume para sempre”, dun verso de Xosé María Díaz Castro, presidiu a entrega de premios que contaron cunha gran representación de cargos políticos, desde o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo até o alcalde de Vigo, Abel Caballero pasando polo conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez ou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence e o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. 

comentarios