A significación intemporal do simbolismo de Francisco Asorei, protagonista do Día das Artes Galegas 2024

A Real Academia Galega de Belas Artes homenaxeou en Cambados (O Salnés) o "escultor do espírito", de quen gabou a súa mestría escultórica cos materiais da terra, a madeira e a pedra.

Foto de familia durante o acto institucional do Día das Artes Galegas. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Foto de familia durante o acto institucional do Día das Artes Galegas. (Foto: Nós Diario).

O presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, abriu a xornada de conmemoración. Aproveitando o 175 aniversario da institución, destacou o traballo da academia en prol da protección, conservación, recuperación e proxección das artes galegas, para se referir a continuación ao homenaxeado.

"Falar de Asorei é falar da escultura con maiúsculas, dun talento excepcional que se ben, dalgún xeito, téndese a emparentar coa tradición da imaxinería dos séculos XVII e XVIII ou con mestres da imaxinería galega como Moure ou Ferreiro, a súa obra da un paso máis deixando mostra dunha entidade superior cunha auténtica mestría escultórica, tanto nas madeiras policromadas como traballando a pedra".

Quintana Martelo explicou que ao longo deste ano a figura de Francisco Asorei será estudada nas escolas e a súa obra será difundida en estudos e conferencias temáticas, na mostra ao aire libre "Os vieiros de Asorei" que se poderá visitar en Cambados até o 4 de maio, nun concurso de arte para escolares e con continuas revisións da súa arte, ademais dunha grande exposición que culminará este traxecto sobre Asorei e que se inaugurará proximamente na Cidade de Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.

O sentir da Galiza

O académico Felipe-Senén López pronunciou un emotivo discurso que xirou sobre a vida do escultor Asorei. Repasou toda a súa traxectoria vital e profesional.

Francisco Hipólito Asorei González (Cambados, 1889-Compostela, 1961) foi fillo de emigrantes enriquecidos e retornados de Arxentina. Xa desde ben neno, contou, e a pesar da opinión do seu pai, sinte a tradicional vocación de santeiro e imaxineiro. Así, en 1903 marcha a formarse nas Escolas dos Salesianos de Sarriá (Barcelona) e logo, en 1906, trasládase como profesor de debuxo á escola da mesma orde en Barakaldo (Bizkaia) onde monta un taller.

O escultor cambadés foi, é e será recoñecido, admirado e aplaudido en vida e en morte por un pobo que se identifica na súa obra

O académico lembrou que Asorei recibía encargos de temática relixiosa, sometido ao clasicismo grecolatino e renacentista que impoñía a igrexa sen deixar de entrever o acontecer escultórico dunha Europa que se movía cara ao modernismo.

Falou tamén da chegada de Asorei a Madrid en 1909 para entrar en filas, e a súa volta a Galiza en 1918 cando consegue a praza de escultor de Anatomía na Facultade de Medicina de Santiago.

"O escultor buscaba recrear sobre os presupostos que ofrecen as tradicións galegas, as do panceltismo atlántico e as do cristianismo, seguindo a fervenza de influentes creadores e innovadores nas artes que abriron o século XX, como Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas ou Antonio Palacios. Nesta época o escultor pon en valor as esencias de espírito que singularizan a raza, o sentir etnolóxico, cultural e diferencial de Galiza, como feito de erguer a dignidade do pobo asoballado", dixo Senén.

Materiais

Segundo recalcou o académico os materiais preferidos de Asorei para a escultura eran os da terra, a pedra e a madeira, axudados polo singular xeito de traballo expresionista da policromía, polo que se deixa denotar na materia o curso das gubias ou dos ciceis.

O cambadés, engadiu, trataba temas cargados de simbolismo, lonxe do folclorismo enxebre, nos que radicaban as esencias do celtismo e do cristianismo, contando sempre cos herdos clásicos que propoñían as academias.

Na década dos 30, xa en plena sona como gran escultor con múltiples encargos monumentais de retratos, placas ou medallas, o artista trasladou o seu taller de Caramoniña ás hortas de Santa Clara, tamén en Compostela, onde labrou grandes monumentos como o de San Francisco, o do aviador Loriga para Lalín, o de Curros para Coruña ou a da Virxe de Tanxil para Rianxo.

O 2 de xullo de 1961, faleceu en Compostela vítima da silicose e foi enterrado no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval. "O escultor cambadés foi, é e será recoñecido, admirado e aplaudido en vida e en morte por un pobo que se identifica na súa obra, que agradece e devolve o agarimo co que se respecta e trata. Cómpre agora velar por ese legado escultórico representativo dun tempo da universalidade da Galiza", concluíu Senén.

Renovación

No acto tamén interveu o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, que recoñeceu na figura de Asorei "o traballo, o esforzo, a esixencia e a xenerosidade" e púxoo como exemplo de "rigor, coherencia e compromiso con Galicia".

"Francisco Asorei é un dos pioneiros na "renovación da escultura sen renunciar ao seu vínculo coa tradición e a simboloxía de Galicia, sendo tamén un nexo coa modernidade", apuntou.

Comentarios