O Fogar de Maeloc: un centro no que a cultura é creadora de comunidade

A cultura atopa o seu sentido alí onde crea unha comunidade cun sentimento de pertenza común. O Fogar de Maeloc é unha iniciativa que combina programación cultural e lugar de encontro nun concello rural, o da Pastoriza, que precisaba de proxectos que o dotasen dun lugar de reflexión.
Paula Prado Fandinho na barra do local Hábitat Cultural-O Fogar de Maeloc. (Foto O fogar de Maeloc)
photo_camera Paula Prado Fandinho na barra do local Hábitat Cultural-O Fogar de Maeloc. (Foto: O fogar de Maeloc)

Maeloc foi o lendario bispo que, segundo algunhas interpretacións, guiou a colonia britana desde a illa de Bretaña (a actual Gran Bretaña) até Britonia, a actual parroquia de Santa María de Bretoña, no concello da Pastoriza. Aquela comunidade céltica atopou alí o seu lugar no século V e, desde hai dous anos, Maeloc volveu estabelecer nese mesmo sitio o seu fogar. 

O Fogar de Maeloc é o nome dunha innovadora iniciativa cultural impulsada por Paula Prado Fandinho, un centro que ve na cultura, sobre todo, unha ferramenta para crear comunidade, un lugar de encontro no que compartir inquedanzas e intercambiar ideas.

Hai dous anos, Prado solicitou a xestión da cafetaría da casa da Cultura do Concello, que estaba en proceso de licitación, e pensou que non abondaba co servizo de hostalaría: “Non quería unicamente ter un negocio de hostalaría, senón vinculalo a un proxecto cultural que servise para darlle un impulso á vida social do noso concello”, explica.

O local da cafetaría ten anexa unha sala de usos múltiples na que se poden programar diferentes actividades culturais. Por outra banda, no mesmo edificio localízanse outras dependencias municipais, como a biblioteca ou o salón de actos, polo que O Fogar de Maeloc tiña todos os números para se transformar no eixo cultural da comarca.

O proxecto xiraba arredor dun concepto que visaba aos catro elementos que forman a natureza na literatura clásica: o lume –que recollería o relacionado coa cociña–, o aire –que estaría vinculado coa música–, a terra –que agruparía actividades de sendeirismo, roteiros, ecosistemas e coñecemento dos arredores–, e a auga –que conectaría coa comunicación: arte, presentacións de libros... “Tratamos de empezar aos poucos, organizando un par de actividades cada mes, para ir medrando a partir da cafetaría como centro. Participei con esta idea nun espazo de co-working de Mondoñedo e aí funlle dando forma ao longo dun ano”.

Tecer redes de colaboración 

A finais de agosto de 2019 abriu Hábitat Cultural-O Fogar de Maeloc que, efectivamente, vai moito máis alá de ser unha cafetaría. “Hai unha gran carencia de actividades culturais no rural, de recursos ao servizo das familias; mais sobre todo, faltan espazos que articulen a convivencia. A Pastoriza é un concello no que as vivendas están moi illadas, moi espalladas polo territorio, e sentiamos a necesidade de crear un lugar de encontro que sexa de todos e todas”, matiza Prado.

O Fogar de Maeloc axiña se transformou nese lugar de encontro que pretendía Prado. “A cociña é unha parte esencial do proxecto. Organizamos degustacións de produtos locais para fomentar a gastronomía da zona e os produtos ecolóxicos e, sobre todo, temos un menú do día que a xente valora moito e que axuda a converter o lugar nun centro de reunión. Ademais, a cafetaría no rural ten un papel máis amplo que o que ocupa nas cidades: a xente deixa recados, recolle nela pedidos, encarga libros á biblioteca…”.

Con esa base, comezaron as actividades culturais: cursos, presentación de libros, concertos, teatro, exposicións, excursións nas que se dan a coñecer os valores ecolóxicos, históricos ou arqueolóxicos da contorna... foron debuxando o perfil dunha iniciativa ao servizo da comunidade. E tamén os contactos con outras asociacións: co club de lectura da biblioteca, coas asociacións de pais e nais do centro de educación… “En realidade, trátase de retomar as redes que o rural sempre tivo. Tecer esas redes de colaboración é máis sinxelo aquí porque todos nos coñecemos, e iso é unha vantaxe sobre a vida urbana da que gozamos. Hai un sentimento común de pertenza que facilita moito as cousas”.

O Concello da Pastoriza apoiou sen reservas o proxecto, mais botan en falta algo máis de impulso por parte doutras institucións. “Agora precisariamos un asesoramento máis especializado, de axuda ao emprendemento: persoal que informe sobre as axudas ás que poderiamos optar, sobre os procesos que hai que seguir para acceder a esas axudas, sobre as fórmulas laborais máis acaídas a este tipo de iniciativas… Deberían existir máis ferramentas para que os que nos atrevemos a iniciar este tipo de actividades que benefician a comunidade poidamos desenvolver o noso traballo con máis información para mantelos”. 

A cultura volve á Pastoriza tras o fechamento obrigado durante a pandemia

O Fogar de Maeloc reabriu as súas portas esta pasada segunda feira, día 5, –despois do feche obrigado polas medidas de contención da pandemia– e xa está completando o programa para os meses vindeiros: unha presentación do ultimo libro de Xurxo Souto, un concerto de Arcadio Falcón and the Bandits –unha banda cuxo líder ten raíces na Pastoriza–, unha representación teatral do grupo de Lugo Lila Teatro (na imaxe), roteiros para continuar coñecendo a historia e a diversidade da zona... son algunhas das propostas que axiña se porán en marcha para retomar a actividade. 

Baixo a admonición dun bispo celta, a cultura atopa un novo sentido nese sentimento de pertenza que a súa fundadora invoca: o dunha comunidade que actúa en conxunto.

Comentarios