CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Firewind volta con 'Immortals'

Volven, tras cinco anos de seca discográfica, os gregos Firewind e fano cun traballo conceptual baixo o nome de Immortals, que foi coproducido por Dennis Ward que mesmo participou na composición dalgúns temas co guitarrista e alma da banda, Gus G. Tamén este álbum trae como novidade a volta de Henning Basse ás voces no lugar de Apollo Papathanasio. 

Immortals son 10 temas de puro heavy metal que falan encol da batalla das Termópilas e da Batalla de Salamis, acontecidas no 480 A.C. O propio Gus G. di que como grego, lle apetecía plasmar un pouco da súa historia nun álbum e así xurdiu este novo traballo que abre Hands Of Time un potente tema de power metal no que destaca a súa melodía e as guitarras de Gus G. que contén a forza e a rapidez ideal para a apertura dun concerto.  We Defy non baixa o pé do acelerador, mantendo un power metal frenético, cuns coros firmes que van marcar o que será a liña que vai seguir todo o álbum. As guitarras acústicas do inicio de Ode to Leonidas serven de base ao texto recitado, mais volve a forza das guitarras ruxidoiras construíndo un tema de power metal con certas reminiscencias oitenteiras. 

Back to the Throne escomeza cuns teclados que tentan crear unha atmosfera épica que é rachada de súpeto pola entrada da banda de xeito demoledor nunha execución na que destacan especialmente as guitarras rítmicas de Bob Katsionis, que neste tema está simplemente espectacular. Igualmente, Live and Die by the Sword recorre a unha introdución con guitarras acústicas tentando crear unha atmosfera preparatoria ao tema, pero que xa empeza a ser unha fórmula repetitiva que en exceso cansa, pero por sorte a composición do tema é case a dun himno, cuns riffs moi sólidos que a poden converter nunha das indispensábeis no seu repertorio de directo. War of Ages conta cunha base máis dura, pouco puída que contrasta coa melodía do retrouso. É un tema que racha coa até agora linearidade do disco e que chega como un brote de aire fresco.

Lady of 1000 Sorrows é a balada do disco tema tenro e aburrido. Nunca entendín porque as bandas se obrigan a meter unha balada no disco como norma xeral, aínda que se note na execución do tema que non se divirten con ela. Chegamos a parte do virtuosismo con Immortals, un tema instrumental creado para lucimento da propia banda e especialmente as dotes guitarreiras de Gus G. Encetamos a recta final do disco con  Warriors and Saints, un tema que é pura adrenalina, cuxo sorprendente inicio vocal contrasta coas potentes voces do resto da canción, coas que Henning dá un golpe de autoridade por se alguén tiña dúbidas da súa incorporación á banda. Pecha o disco Rise from the Ashes, un tema de power metal clásico construído sobre a base da variación melódica e os cambios de ritmo, xunto a uns solos en que Gus G. se divirte durante todo o tema.

Immortals vai ser sen dúbida un dos discos de do ano dentro do panorama metaleiro, no que a banda se reafirma no seu bo facer dentro do power metal, veremos se os compromisos de Gus G. con Ozzy lle deixan defendelo en directo.

FIREWIND NAS REDES

WEB: http://www.firewind.gr/

FACEBOOK: https://www.facebook.com/firewindofficial

TWITTER: @firewindmusic

LISTAXE DE TEMAS

1. Hands Of Time

2. We Defy

3. Ode To Leonidas

4. Back On The Throne

5. Live And Die By The Sword

6. Wars Of Ages

7. Lady Of 1000 Sorrows

8. Immortals

9. Warriors And Saints

10. Rise From The Ashes

Comentarios