Fin de semana de jazz na sexta edición do festival de Ames

O festival englobará os concertos de Diego Alonso 5NTN e de Alejandro Vargas Trío, así como a proxección dos documentais Jazz en liberdade e Lady Be Good – instrumental women in jazz 
Diego Alonso.
photo_camera Diego Alonso.

A sexta edición do Ames Jazz achegará ao concello dúas propostas do jazz galego os vindeiros días 7 e 8 de xullo. 

O primeiro dos concertos programados terá lugar o 7 de xullo, e correrá a cargo de Diego Alonso 5NTET, un grupo de jazz liderado polo saxofonista e compositor vigués que dá nome ao mesmo. As composicións do quinteto nacen da necesidade da expresión a través da música propia do líder da formación, sendo a meirande parte creación do músico. A banda sitúase no eixo do jazz contemporáneo, partindo de diversas abordaxes rítmicas, tímbricas e estilísticas. 

Xa na segunda xornada, a do día 8, actuará o trío Alejandro Vargas. O pianista que lle dá nome ao grupo, natural de Holguín (Cuba), leva afincado na Galiza desde hai máis dunha década, tras unha longa traxectoria musical no seu país. A súa carreira está principalmente vinculada ao jazz e á música contemporánea. Chegará a Ames acompañado de Pablo Sanmamed no contrabaixo e de Sergio Gonzales na batería. 

 

Cinema e jazz

Ademais, incorpóranse á programación dúas proxeccións de cinema. O día 7 de xullo proxectarase Jazz en liberdade. Dirixido polo galego Xes Chapela, o documental -Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe documental- mostra como a vila de Cangas se converte no epicentro da música jazz na península Ibérica, contando non só cun dos festivais do xénero máis lonxevos do país, senón tamén con numerosos músicos de jazz. 


O sábado 8 poderá verse Lady Be Good – instrumental women in jazz, unha peza da directora Kay Ray, sobre os complicados obstáculos aos que se tiveron que enfrontar as mulleres americanas instrumentistas de jazz entre as décadas de 1920 e 1970. 

 

Comentarios