Contracultura

Lois Patiño: "O cinematográfico en si xa é unha experiencia fantasmagórica: seres incorpóreos feitos de luz"

Lois Patiño, director, fala de 'O sementador de estrelas', a súa última curtametraxe premiada no Festival Internacional de Cine de Bueu (FICBueu). Patiño alude ás conexións coa morte, á exploración do mundo das pantasmas, así como á experimentación cinematográfica onde, como el di, “estas non marchan senón que permanecen no territorio”.
O director cinematográfico Lois Patiño. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O director cinematográfico Lois Patiño. (Foto: Nós Diario)

—Como xorde O sementador de estrelas?
A miña moza e eu tiñamos un mes para viaxar e decidimos ir a Tokio, onde se me ocorreu todo. A partir da experiencia das luces nocturnas da cidade, ver os trens luminosos cruzando a noite, era como vela converterse nunha especie de ceo de estrelas fugaces. Foi unha fascinación visual. Logo, en todas as viaxes intentas empaparte e beber da cultura que estás coñecendo, entón tamén intentei reflectir esa aprendizaxe sobre Tokio na obra.

Por unha parte, a nivel plástico inspirábame moito nas pinturas de paisaxe zen e como traballaban o baleiro. Nesas obras buscan a abstracción a partir do branco da neve ou da néboa, mentres que eu volvo a cidade más abstracta a partir do negro da noite. Ademais, os diálogos están baseados nos poemas haiku e estas conversas tan abruptas entre mestre budista e aprendiz que se chaman koan onde entre a pregunta e a resposta hai un abismo de lóxica.

—Cal está sendo o percorrido desta nova obra?
En primeiro lugar, gañar un premio na terra cunha peza que vén desde tan lonxe é moi bonito. Ademais, foi un galardón compartido coa curta Rompente, dirixida por Eloy Domínguez e producida por Felipe Lage, quen tamén é o produtor de Costa da Morte e Lúa Vermella [filmes dirixidos polo propio Patiño]. Por outra parte, O sementador de estrelas viaxou moito: foi presentado no Festival de Nova York, en Reiquiavik, en Suecia, en Berlín..., e que agora, despois de todo, volva aquí é moi bonito.

—Ten predilección polo xénero fantástico?
Eu chego a el a partir da exploración do espectral; a idea das pantasmas, a morte e o alén foise mesturando en moitas das miñas películas e aquí xa entra directamente. Como imos descubrindo pouco a pouco, os diálogos que comentaba danse entre unha persoa recentemente falecida e a personificación da morte.

Tokio convértese nunha especie de limbo que tamén está en moitas das miñas películas: en Lúa Vermella tamén está esta aldea galega onde transcorre a historia que é un limbo onde as pantasmas están paralizadas. E esta conexión coa morte e o seu misterio e as crenzas con respecto ás pantasmas, o que fago é que estas non marchan senón que permanecen no territorio como un vínculo coa natureza, o outro lado da paisaxe onde os mortos continúan habitando.

—Esta relación coa morte é moi propia da cultura galega, mais tamén é universal.
Outra representación artística que xorde do budismo zen é o teatro nō onde máis da metade das obras son representacións de pantasmas que veñen ao mundo, como ocorre coa Santa Compaña. Ante o misterio da morte, que se dá en todas as culturas evidentemente, ás veces chégase a explicacións e mitos similares que buscan suplir os espazos baleiros.

E neste sentido penso que a experiencia do espectral no Xapón e na Galiza son moi próximas. Ademais, o cinematográfico en si é xa unha experiencia fantasmagórica, unha proxección de seres incorpóreos feitos de luz que se pousan sobre as pantallas ou sobre as superficies cara as que enfocas o proxector. De feito, agora mesmo estou rematando a montaxe dunha película que se titula Samsara onde volvo a este tema do alén no contexto budista. Samsara é o concepto de morte e reencarnación, entón primeiro estamos en Laos onde convivimos con adolescentes en centros budistas e logo, cando un dos personaxes falece, reencarnámonos nunha cabra en Zanzíbar.

A parte da película que se corresponde co atravesar ese alén é unha experiencia luminosa para ver cos ollos fechados. É dicir, é unha experiencia sonora e de luces, mais as luces son percibidas a través das pálpebras. A intención é levar a experiencia espectral a un eido aínda máis sensorial e máis radical facendo unha viaxe polo alén duns quince minutos aproximadamente.  

Comentarios