O xornalista participa na terza feira nos "diálogos" da Fundación Galiza Sempre.

Jonathan Martínez: "Vivimos nunha especie de ditadura do escándalo no que prima aquel que solta o titular máis ruidoso"

Jonathan Martínez é xornalista e investigador da comunicación. Colabora en medios como CTXT, Naiz ou Nació Digital e a vindeira terza feira, 19 de xaneiro, participará ás 20 horas nunha nova edición de “Diálogos desde a periferia”, coa charla Xustificación mediática da extrema dereita.

jonathanmartinez
photo_camera O xornalista Jonathan Martínez. (Foto: Nós Diario)

Vai participar en “Diálogos desde a periferia” coa conversa titulada Xustificación mediática da extrema dereita. Cóntenos como xorde esta charla e en que vai consistir.

A raíz dos sucesos do Capitolio, a Fundación contáctame para que explique, a partir de aí, o contexto no que medra este novo populismo de dereitas en todo o mundo. Desde o caso dos Estados Unidos, ao caso italiano, ao francés ou ao español, porque se algo podemos dicir é que o ascenso da extrema dereita foi global e ademais ten unhas característica novas, que non pertencen á vella tradición da extrema dereita, nin ao vello fascismo, nin ao vello nazismo.

E cales son esas características que distinguen a nova extrema dereita da vella?

Agora son movementos liberais, aprecian a economía do libre mercado, e están capitaneados por elites. Hai unha cuestión que é moi interesante porque adquiren unha actitude contestataria para tentar recoller o descontento das clases populares fronte ás propias elites, e é aí onde xorde unha especie de paradoxo: xente da clase dirixente que está a chamar a unha especie de contrarrevolución ante o estado das cousas cando, en realidade, eles mesmos son responsábeis da situación na que vivimos.

E que papel desempeñan os medios de comunicación na construción desta extrema dereita?

Os medios interveñen a través de varios factores. No caso español é paradigmático como os grandes medios de comunicación no contexto do movemento independentista en Catalunya trataron de elevar un contrapoder, en chave nacionalista española e en chave sistémica.Aí é onde Vox, que era un partido marxinal en 2014, que propuña no seu inicio de campaña algo tan tolo, pensábase daquela, como a aplicación do 155 acaba calando primeiro en Ciudadanos, logo no Partido Popular e, ao final, o Partido Socialista, ao menos no seu momento, asume seus os postulados.

E logo hai outra cuestión, que é fundamental, e é que vivimos nunha especie de ditadura do escándalo no que aquel que solta o titular máis ruidoso, aquel que fai a proposta ou as declaracións máis estrepitosas adquire máis repercusión, gaña titulares e convértese en motivo de debate. E os medios de comunicación, os grandes medios, ao fin e ao cabo, son empresas privadas, a súa lóxica é a do máximo beneficio e sacaron partido deste novo sistema do escándalo.

Algo así como a moción de censura que promoveu recentemente Vox?

Coido que iso foi unha continuación da táctica de Vox, que ten que ver con capitalizar o seu posicionamento soltando exabruptos. Pero ás veces non é necesario ir a algo tan grande senón a pequenos titulares que tratan de marcar a axenda. A virtude que tivo é a de que se falen das súas propostas aínda que sexa extravagantes. Lembro unha que era sobre a defensa do dereito a portar armas, os medios de comunicación preguntáballe ao resto de partidos que opinaban de algo que nunca fora motivo de debate no Estado español.

Volvendo a Catalunya e ao referendo, tamén se falou de que se impulsou Ciudadanos para chegar onde o Partido Popular non chegaba... E agora as enquisas apuntan a unha entrada de Vox no Parlament... Cal é a súa visión sobre iso?

Hai que dicir que Ciudadanos nace nun sector concreto de Catalunya, que ten que ver coa reivindicación lingüística contra o que eles chaman a “imposición do catalán”, que é a inmersión lingüística. Ese grupúsculo de intelectuais naquel momento non ten máis repercusión, até que dá o salto á palestra no Estado español e aí aparece o ascenso de

Podemos como un dos detonantes desta construción a medida de Ciudadanos no Estado, que ademais lle planta cara ao independentismo en Catalunya, onde veñen do que fora o derrube do PSC, que tivo reflexo inmediato no ascenso de Ciudadanos, que votan non en chave de dereita ou de esquerda senón de chave identitaria. Ocorre que a burbulla de Ciudadanos se foi derrubando en favor da burbulla de Vox e coido que, non tarde, a súa burbulla volverá a un estado inicial  onde os grandes partidos do sistema se alternan na presidencia.

Non obstante, esa extrema dereita non entra na Galiza. Será porque xa goberna Feixoo?

Vox nace, sobre todo, en núcleos duros como a periferia de Madrid ou algunha área rural en Andalucía, pero hai que dicir algo moi claro: os cambios políticos poden ser abruptos, ou os cambios parlamentarios, dun día para outro un goberno cae ou desaparece un partido e nace outro, pero os cambios sociolóxicos son moi lentos. O votante que hoxe aposta por Vox, até non hai moito tempo apostaba por outras forzas políticas, probabelmente o Partido Popular ou Ciudadanos.

Na Galiza, o caso pode ser paradigmático nese sentido, se non hai unha irrupción forte de Vox é probábel que o votante, tradicionalmente ligado á dereita ou ao franquismo sociolóxico, como lle chaman, se sinta aínda cómodo no Partido Popular. 

Antes falaba vostede dos medios como empresas, pero tamén teñen un carácter de servizo público...

O primeiro é deixar de entender os grandes medios como servizos públicos, hai que facer unha pedagoxía, sobre todo entre os que aínda cren no xornalismo como servizo público, para entender que existen grandes corporacións que son iso, exactamente, e que nos falan como o que son, grandes corporacións. Quen paga os salarios dun programa como A sexta noite para que vaia un representante de Vox a por en dúbida se os emigrantes teñen dereitos ou non?, quen paga a unha especie de feminista de novo cuño no nome da extrema dereita para defender posturas misóxinas?...

Págana os propietarios, que son grandes empresas, e a publicidade, e por iso temos ese oligopolio mediático que temos. Esa pedagoxía hai que facela, temos que saber distinguir quen nos fala, por que nos fala e, sobre todo, quen lles paga os salarios.

Hai un interese nos medios en favor da extrema dereita?

A extrema dereita interésalles até que deixe de facelo. Esta burbulla pertence a un contexto histórico moi concreto e o día que deixen de ser útiles prescindirán deles. É como se a extrema dereita fose o porteiro dunha discoteca da que non é dona, é dicir, podemos reemprazar os porteiros pero os donos sempre son os mesmos. É un pouco o que pasou en Europa nos últimos dez anos, onde a extrema dereita tiña marcada unha axenda que eles non remataban levando a cabo senón que o asumían os partidos liberais, o mesmo que pasou co artigo 155 en España.

Comentarios