O festival de teatro de Carballo programa sete estreas en Galiza

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) levará a Carballo 34 obras, 3 coproducións, 7 estreas absolutas e 7 estreas en Galiza entre o 16 de setembro e o 28 de outubro.

Presentación onte, sexta feira, do FIOT Carballo
photo_camera Presentación onte, sexta feira, do FIOT en Carballo.

El apartamento, de Cirk about it, e Las historias de Filandar, de José Luis Gutiérrez García, Guti –que se estrea no país– inaugurarán esta edición nos escenarios da Praza do Concello e da Cafetería Colón o venres 22. O festival foi presentado onte no Pazo de Cultura de Carballo polo director do evento, Alberto Sueiro, acompañado por Evencio Ferreiro, Goretti Sanmartín, Jacobo Sutil e o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo.  

O valenciano Félix Albo regresa ao FIOT o domingo 24 con outra estrea en Galiza, Tanatorium, dentro da sección Rúa dos Contos. Esa mesma noite Quico Cadaval presentará Fantasmas familiares. Ambos espectáculos terán lugar no Mercado Municipal, un novo espazo que se abre ao festival. Pola Rúa dos Contos pasarán entre outras, Marta Lado, que estrea O As para matar o 3, o sábado 30 de setembro, e que repetirá xunto a Lucía Aldao con Cría fama e bótate a correr, o venres 6 de outubro. 

Kamikaze Producciones estrearán en Galiza Todo el tiempo del mundo, dirixida por Pablo Messiez, Premio Max 2016; e Arte, un texto de Yasmina Reza, que se representou por primeira vez en París hai 23 anos. Será o 20 e o 21 de otubro. E ademais pasará polos escenarios de Carballo Teatro de La Abadía, con La ternura, una comedia de leñadores y princesas, o 30 de setembro; e o 15 de outubro con Incendios, un texto de Wajdi Mouawad que levara o cine Denis Villeneuve e agora adaptou Mario Gas. 

Haberá un programa de Microteatro e outro de Teatro de rúa. Tamén participará na mostra Galeatro, a primeira compañía profesional de Carballo. A obra, Muíñada, con Alba Bermúdez e Tone Martínez, representarase dentro da sección para nenas e nenos, o Fiotiño, o sábado 16 de setembro.

Outra compañía do país, Contraproducións, presentará Fillos do Sol, unha obra coa que o festival se implicou “moi activamente” nun proxecto “moi bergantiñán” que celebra o centenario do nacemento de Pondal. Haberá sesións o venres 27, para invitados e abonados, e o sábado 28 de outubro, para o público en xeral. 

O programa completo do FIOT: http://fiot.gal/presentacion-2017/

Comentarios