CULTURA

O Festival de Ourense incorpora un foro de coprodución con Portugal

O Festival de Ourense incorpora un foro de coprodución con Portugal

O máis internacional dos moitos festivais de cinema deste país, o de Ourense, terá lugar do 14 ao 22 de novembro e, como novidade, incorpora un encontro de coprodución entre Galiza e Portugal. 

O OUFF 2015 combina o labor de estímulo para a creación cinematográfica a través dunha competición oficial á que este ano concorren nove fitas (‘Dark Horse’, ‘Teito e comida’, The Sinking of Sozopol’, ‘Brindgend’, ‘A vida despois’, ‘A noiva’, ‘Bambanti’, ‘O comezo do tempo’ e ‘A decisión de Julia’), con outras seccións paralelas destinadas ao recoñecemento do cinema galego, á presentación de filmes inéditos no país ou á exhibición de documentais.

A programación, resultado da selección realizada entre máis de 400 propostas procedentes de 60 países, desenvolverase durante os nove días do festival nas dúas salas do Auditorio Municipal, no Teatro Principal, no Centro Cultural Marcos Valcárcel e na Sala José Ángel Valente.

O cinema galego tamén terá será protagonista no OUFF, con proxeccións de fitas como ‘Unitarias’, ‘A viaxe de Leslie’, ‘Meigallos‘ ou ‘Os días afogados’, ademais da estrea en Galiza de ‘Lobos sucios’.  O filme do realizador coruñés Simón Casal presentarase na gala de apertura do Festival de Cine de Ourense despois do seu paso polo Festival Internacional de Mill Valley (California).

Dentro do apartado específico ‘Panorama Galicia’ proxectaranse outros nove títulos de produción galega ou relacionados con Galiza: ‘Sons do Entroido II’, ‘Fíos fóra’, ‘Buscando a Bill Viola’, ‘A Festa dos Maios’, ‘Chocolates Candelas’, ‘Homenaxe a José Luis Campos: Bemposta-Colombia’, ‘Level Up’, ‘Francisco Luis Bernández: un discurso porteño encol do idioma galego’ e ‘Zamarras negras‘.

Ademais, o 20 de novembro terá lugar o I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal Galiza, organizado pola Agadic e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal, no que participarán vinte de empresas produtoras e distribuidoras e canles televisións das dúas beiras do Miño na procura de futuros proxectos comúns.
 

comentarios