Máis

A festa das nosas músicas en Couso

Os días 13 e 14 de agosto chega á aldea de Couso, no concello da Estrada, unha nova edición de As Nosas Músicas, iniciativa que reclama alternativas de ocio para os territorios máis pequenos e reivindica o folclore nun escenario ideal para o baile solto e a troula. Dúas xornadas que convocan até a 2.500 persoas, mais nas que non se perde o espírito de festa popular.
as nosas musicas 4
photo_camera As Nosas Músicas na súa última edición. (Foto: Fátima Seijo Martínez)

Corría o ano 96 e novos aires chegaban ao concello da Estrada na comarca de Terra de Montes. Na aldea de Couso, a rapazada do lugar entraba na comisión de festas para instaurar unha tradición que se mantén aínda até o día de hoxe, cada vez máis grande e con máis forza. Así nacía As Nosas Músicas de Couso. Unha festa que, como asegura en declaracións a Nós Diario Marcos Muíños, parte da organización do evento,  xurdiu nun momento no que "apenas había festivais ou festas de música tradicional". Procurando con isto evitar a celebración "típica de orquestra" e dedicarlle un día a cultura folclórica.

Co tempo, a festa comezou a depender da asociación As Xesteiras e, como conta Muíños, "pouco a pouco, e en base á experiencia, foise profesionalizando". Así, a pesar do crecemento continuado da iniciativa, Marcos Muíños destaca que aínda que "nos últimos anos comezou a haber máis festivais doutros tipos de música e mesmo de combinacións entre rock e música tradicional", As Nosas Músicas mantense fiel ás súas orixes "conservando o toque exclusivamente tradicional". Algo que trae consigo a continuidade no tempo dunha audiencia moi fiel que, en palabras da organización, "todos os anos, o día 14 de agosto, van estar aí bailando o baile solto".

O campo da festa

Coa posta a punto en marcha, xa falta menos para estas datas sinaladas no calendario de todas as persoas amantes da música tradicional. Unha tarde e un serán que os días 13 e 14 de agosto converterán o campo da festa de Couso nun espazo para compartir, desfrutar e levar a troula por bandeira nun escenario que desde a asociación Xesteira destacan por situarse a carón da Casa da Escola, reconvertida agora en centro de reunión para a veciñanza e salientando o seu labor de lugar comunitario. Así mesmo, desde a organización buscan pór en valor a xestión deste tipo de proxectos en pequenas aldeas como Couso, remarcando con isto a necesidade de que existan alternativas culturais nas pequenas localidades e que, como argumenta Muíños, "non haxa por que ter que ir sempre ás cidades ou ás vilas para ter acceso á cultura".

Para iso, As Nosas Músicas organiza dous días de obradoiros, xogos populares, monicreques, zona gastronómica, acampada, mostra de artesanía e actuacións musicais que reunirán maiores e pequenos co obxectivo de pór en valor o folclore da Galiza e pasar unhas xornadas agradábeis entre a veciñanza.

A tradición máis pura

Ás 14 horas deste domingo comeza a troula coa sesión vermú amenizada pola agrupación Requinta de Carcacía e, con tempo abondo para xantar, ás 16.30 horas, é a quenda da cativada da casa co obradoiro infantil de instrumentos musicais  a cargo do luthier de gaitas, requintas e instrumentos medievais Oli Xiráldez. Seguindo esta mesma liña de actuación, ás 17 horas inaugúrase a I Mostra de Artesanía As Nosas Músicas, unha das novidades desta edición que serve como exemplo para reflectir a procura constante da mellora e evolución da festa.

Xa entrada a tarde, a música non para e a ruada comeza con cinco grupos que reclaman o folk da Galiza e invitan ao baile, chamando a continuar a noite até que saia o sol. Galega de bailables, Retranqueiras, Silandeiras, Bouba e Requinta da Laxeira. Cinco grupos de pandeiretas, cantadoras, baile tradicional e requintas que procuran tamén a recuperación, e mesmo a investigación, do patrimonio cultural da Galiza.

Esta primeira feira non hai tempo para recuperar folgos porque desde a mañá o obradoiro de toques de campás serve para abrir boca a unha sesión vermú na que a charanga tradicional de Faíscas da Pontragha porá a música dunha xornada que á noite, e desde as 21.30 horas, comeza cos seus concertos grandes. Mais antes diso, os xogos populares e os monicreques de Seisdedos chegan ao campo da festa para rematar a tarde cun obradoiro de iniciación ao baile galego que permita aprender un par de puntos cos que acompañar as pezas propias e as cantigas recuperadas dos Melidaos, o folk bailábel da Coanhadeira, a calidade dos directos de Tiruleque ou a animación a pé de pista do grupo Art-Monium.

Desde A Xesteira aseguran que na configuración do cartaz xoga un papel fundamental coñecer, escoitar, ir a outros festivais... Precisamente para recoñecer o traballo doutras asociacións, grupos ou persoas, A Xesteira concede o premio As Nosas Músicas que este ano vai destinado á Asociación Xermolos, organizadora do festival Pardiñas (Guitiriz), e que serve como "unha maneira de valorar e homenaxear o noso".

Festa das Nosas Músicas

A asociación A Xesteira aparece vencellada a diversas iniciativas culturais do lugar e, aínda que o traballo diario desenvólveno as cinco persoas que compoñen a directiva, Marcos Muíños non perde a ocasión para reivindicar a importancia de todas as persoas que colaboran no evento, remarcando a relevancia desta implicación veciñal durante os días da festa. Muíños explica así que a comezos de agosto, xa inmersos nos preparativos de As Nosas Músicas, as viaxes ao campo da festa para facer pequenas tarefas de preparación do terreo, implican que "case sempre, e mesmo sen querer, apareza xente para axudar".

Algo que atribúen ao espírito "participativo e colaborativo" da veciñanza de Couso. Pretenden  con isto que o folclore galego "estea presente, se valore e sexa accesíbel" porque, como apuntan desde a organización, "a  música tradicional resulta unha das expresións máis fortes da cultura  popular galega".

Unha tradición que sobrevive na  súa forma máis pura en Couso e que, a pesar de que cada ano convoca perto de 2.500 persoas de todas as idades entre veciñanza e visitantes, segue sendo "unha festa pequena na que a xente pode estar cómoda". O que se mantén como a motivación, o orgullo e o propósito fundamental de As Nosas Músicas.

Desta forma, desde a organización buscan fuxir da palabra festival, considerando que implica "recintos fechados e cobro de entradas". Algo que desde A Xesteira nin son nin queren ser, porque para eles As Nosas Músicas sempre será "unha festa".

Comentarios