A Festa da Palabra do Carballiño homenaxea a Arcadio López Casanova

A Festa da Palabra do Carballiño chegou a súa XV edición. O encontro organizado pola Fundación Insua dos Poetas homenaxeou este ano ao poeta Arcadio López Casanova.

XV Festa da Palabra
photo_camera Asistentes a XV edición da Festa da Palabra na Insua dos Poetas do Carballiño. (Foto: Deputación de Ourense).

O poeta lugués Arcadio López Casanova resultou homenaxeado na Festa da Palabra organizada no espazo de natureza e cultura da Insua dos Poetas, no lugar da Esgueva, no Carballiño.

López Casanova é un dos poetas galegos de referencia da denominada xeración das Festas Minervais, conformada por autores chegados a literatura galega na década dos 60.

A edición da Festa da Palabra deste ano serviu para presentar unha antoloxía da poesía do autor lugués, elaborada polo presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar.

González Tosar, bo amigo de López Casanova, lembraba esta semana en Nós Diario, que  “foi unha figura destacadísima con dúas vertentes, a de creador e a de investigador e profesor”.

César Fernández

A obra de López Casanova foi, tamén, recoñecida polo vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, quen o presentou como “persoeiro clave da nosa cultura” e “figura fundamental da poesía renovadora dos anos 60".

Fernández destacou "o carácter diferenciador e enriquecedor da nosa lingua", ao tempo que puxo en valor a achega que fai á nosa identidade, "recoñecida e respectada a nivel universal".

O deputado significou a importancia da Festa da Palabra no panorama cultural galego, "celebración na que homenaxeamos a persoeiros claves da nosa cultura, como é o caso de Arcadio López Casanova, figura fundamental da poesía renovadora dos anos 60".

O presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices, demandou un recoñecemento para López Casanova  por tratarse “dun intelectual que levando máis de medio século asentado noutras terras xamais abandonou o seu compromiso coa Galiza e coa nosa lingua”.

Comentarios