Contracultura

Luis González Tosar: "Arcadio caracterizouse sempre pola súa firmeza galeguista e por unha ampla obra depurada"

Luis González Tosar foi o responsábel de editar o volume Antoloxía esencial de Arcadio López Casanova, que será presentado hoxe na homenaxe que a Fundación Insua dos Poetas fará ao autor no lugar da Esgueva (O Carballiño).
González Tosar presentando Arcadio López-Casanova nunha conferencia sobre Pimentel na Habana, en 1991 (Foto: Nós Diario).
photo_camera González Tosar presentando Arcadio López-Casanova nunha conferencia sobre Pimentel na Habana, en 1991 (Foto: Nós Diario).

—Por que decidiu pór en marcha esta homenaxe a Arcadio López Casanova?
Nós sempre tivemos moita e moi boa relación desde finais dos anos 70. Para min era como unha obriga o feito de facer algo pola súa figura e, pasado máis dun ano do seu falecemento, considerei que xa era momento de pórnos a iso. Foi unha figura destacadísima con dúas vertentes, a de creador e a de investigador e profesor. Foi un crítico de primeira magnitude, un especialista na análise textual e un dos teóricos fundamentais para entender a literatura comparada. Por iso hoxe en día moitas universidades utilizan os seus libros e as súas interpretacións. 

Na súa obra tamén hai diferentes fitos e anécdotas que cómpre lembrar. Despois de publicar Sonetos da espranza presentida (Ronsel), que fixo parte dunha das primeiras coleccións que houbo na Galiza dos anos 60, conseguiu chamar a atención coa súa segunda obra: Palabra de honor (Galaxia). Esta seguía unha liña de poesía social e de combate, marcada moito por Celso Emilio Ferreiro, e foi secuestrada nas librarías ao incluír nun poema dedicado a Rosalía a frase “Galiza ceibe”. Despois foi mudando de rexistros até chegar a unha poesía moito máis intimista e reflexiva que acaba por cristalizar en Mesteres (Lindes), onde a terra está moi presente, mais non vista desde a propia Galiza, senón desde fóra, dado que neses momentos el xa se instalara en Valencia. Con todo, isto non é unha ruptura, senón que el permanece sempre integrado na literatura galega e no nacionalismo e, precisamente, é este libro, xunto con Con pólvora e magnolias, o que determinou toda a poesía galega até a década dos 80. 

Tamén hai que dicir que após o seu pasamento, a súa viúva decidiu doar os máis de 5.000 exemplares que el tiña á Biblioteca de Galicia. Isto é fundamental porque era un grande amante dos libros e tiña exemplares moi valiosos e raros que agora forman parte da nosa terra. 

—Cal foi o criterio á hora de seleccionar eses poemas esenciais?
El foi evolucionando ao longo do tempo, mais ou menos como a propia lingua galega, polo que non quixen corrixir nada. Arcadio tiña unha concepción moi propia da lingua que salienta precisamente polo seu traballo coas palabras. Para isto, eu revisei e examinei todos os seus libros de poesía en galego para que toda a súa produción tivese certa presenza nesta compilación. 

Foi un labor complexo, posto que non é doado seleccionar só o esencial e ademais considerei que había libros que debían ocupar máis espazo dentro destas páxinas. O epílogo é do profesor Xesús Alonso Montero, quen será tamén quen conduza o acto da homenaxe. 

Hai unha cousa que poucas veces se menciona e é que Arcadio foi un dos pioneiros da poesía para crianzas. El estaba moi preocupado e tiña moito interese en que desde pequenas fosen entrando na lingua a través da poesía. Evidentemente isto tan destacábel tamén está presente nesta Antoloxía esencial. 
E outro dos aspectos que están moi presentes na súa poesía e que, para min, é un dos seus fíos condutores é o querer pola súa terra: O Páramo (comarca de Sarria), que está no seu primeiro libro, atravesa toda a súa obra e reaparece con máis forza no derradeiro, Diario da Casa Grande (Arte de Trobar).  

—Alén da presentación do libro, en que consistirá a homenaxe? 
Sendo o primeiro acto de lembranza e recoñecemento que se fai desde o seu pasamento é algo importante. Contaremos co grupo de corda Aurum Ensamble, quen ao longo destes últimos meses estivo musicando varios dos seus poemas, e algúns destes serán recitados por outros poetas de hoxe en día. Por suposto, entregaremos tamén os premios Insua dos Poetas, mais será unha xornada de lembranza e exaltación dunha figura caracterizada sempre pola súa firmeza galeguista e por unha obra depurada en poesía, teatro, ensaio e narrativa.

Comentarios