Máis

Festa para os da casa co Folk in Río

O Folk in Río chega mañá, 30 de xullo, a Touro (comarca de Arzúa) para traer as festas populares de volta á vila. Diferentes actividades con música, comida, baile e xogos para grandes e maiores co obxectivo sempre presente de desfrutar e compartir coa veciñanza un día de música e troula. Fuxindo con isto dos grandes festivais e manténdose fieis ao seu espírito orixinal.
folk in rio
photo_camera Baile tradicional na anterior edición do Folk in Río en xullo de 2022. (Foto: Xabier Ferro)

Hai 16 anos que cinco amigos que se xuntaban para tocar a gaita porque de nenos comezaran nun grupo e querían retomalo decidiron montar un festival. Pegaron un par de carteis, avisaron a veciñanza, invitaron a outra banda e foron xantar unha sardiñada na área recreativa de A Santaia na parroquia de Touro (comarca de Arzúa). Desde ese tempos, pasaron moitas cousas. Como explica en declaracións para Nós Diario Xabier Ferro, un dos organizadores do festival, "esa foi a semente do Folk in Río, unha xuntanza de amigos e a partir de aí até hoxe".

Malia todo, e a pesar do paso do tempo, hai cousas que aínda permanecen e o espírito do festival mantense intacto. Así, despois de XIV edicións, mañá regresa o Folk in Río a Touro para, durante un día completo, encher de troula e música os bares do lugar e a beira do río Lañas. Cantos de taberna, feira de artesanía, xantar campestre, animación infantil, xogos populares, postos de comida, polbeira, concertos...

Un festival que máis que festival os organizadores definen como unha romaría na que, precisamente, se busca conservar a súa esencia primixenia. Así, desde a organización aseguran que "o obxectivo non é xuntar moita xente, senón facer un día de festa". E, polo momento, semella que está sendo todo un éxito porque xa está toda a área recreativa reservada para ir xantar e pasar alí todo o día gozando dunha programación deseñada para desfrute de pequenos e maiores. O que se pretende, en palabras de Xabier Ferro, é " facer unha festa para os veciños e veciñas na que todos e todas poidan desfrutar". Así, asegura que "a maior satisfacción é ver a xente que non ves en todo o ano, a alegría de ver esas persoas pasándoo ben".

Para conseguir isto, non cren que sexan necesarios grandes alardes de pirotecnia ou escenarios xigantes. De feito, a pesar de que aseguran que terían a posibilidade de contar cun "palco típico de orquestra", o que probablemente facilitaría a organización porque, como explica Xabier Ferro, viría con luces e equipo de son, non é iso o que pretenden. "O que queremos é un escenario a pé, o máis baixo posíbel. Unha tarima de aproximadamente corenta centímetros de alto para que os grupos estean próximos", argumenta. Precisamente esta proximidade cos asistentes e o ambiente  festivo son algunha das claves dun festival no que tamén destaca a importancia da contorna paisaxística. Tanto é así que Xabier Ferro define a área recreativa da Santaia como un "sitio privilexiado".

Destacando tamén a presenza na edición pasada de Xabier Díaz que, como conta Ferro, chegou a dicir que "aí había que tocar si ou si, tronase ou chovese" porque permitía fuxir das "prazas cheas de formigón".

Sen ataduras

Para manter este espazo natural e a esencia de romaría, desde a organización aseguran que non queren "luces nin botellón", nin tampouco "meterse na noite". Por iso, o festival transcorre ao longo dun só día e na cantina dispoñíbel no lugar, e coa que financian parte do evento, mantéñense prezos populares. Conseguindo así, sen ningún tipo de restrición directa, o ambiente familiar porque, como di Xabier Ferro, "a nós gústanos así, non temos ningún tipo de atadura, facemos o que nos gusta, como nos gusta e como pensamos que a xente o vai desfrutar".

Esta ausencia de ataduras explícase porque a Asociación Cultural As Sobreiras do Ulla é a única entidade organizadora. Non contan nin con subvencións nin con axudas da administración porque, a pesar de que consideran que agora poderían percibilas, aseguran que "cando nos facía falta e o pedimos non o tivemos, agora prescindimos e non queremos nada". Como consecuencia, tanto o financiamento como a xestión do festival veñen "do traballo duro". Así, nos seus inicios a asociación optou por facer actuacións pola contorna e investir eses ingresos no festival. Agora, a venda de camisetas e a recadación da cantina é o que vai sufragando os gastos. Destacando tamén a colaboración da veciñanza que axuda a conseguir electricidade ou rozar o aparcadoiro. 

Bailar, cantar e comer

A xornada de festa comezará entre as 11 e as 11.30 horas polos bares do lugar cos cantos de taberna. 12 agrupacións irán actuando en quendas de 45 minutos e de dúas en dúas mentres se van rotando por distintos estabelecementos hostaleiros do centro urbano. Só hai dúas esixencias. Co obxectivo de fomentar a relación entre os grupos, nunca dúas bandas xuntas repetirán en dous bares distintos e, no marco dunha festa que pon en valor a música tradicional, deberán tocar cancións populares. Atrás quedaron os tempos nos que os cantos de taberna eran  un concurso, pois non tardaron en decatarse de que o se quería era festa e nada máis.

Ás 15 horas a troula desprazarase até o río para seguir o ritmo do grupo portugués Bombos S. Tiago, desfrutar do humor dun dos máis célebres pallasos da Galiza Peter Punk, bailar coa charanga tradicional de Faíscas Pontraga e rematar o día coa Banda da Balbina e as súas cancións irónicas. Unha programación que como única condición só ten a de estar formada, como explica Xabier Ferro, por "música en galego e música tradicional"

Seguir coa festa

Esta primeira feira, día 30 de xullo, preséntase festeira en máis dun lugar da Galiza. Touro non é o único espazo nesta fin de semana no que é posíbel pasar unha boa tarde e reivindicar o patrimonio cultural da Galiza. A defensa da tradición continúa no concello de Cee, na comarca de Finisterra. Máis concretamente, na casa da cultura de Brens onde, a partir da 19 horas, terá lugar a XXXI edición do Festival de Baile Folclórico organizado pola Asociación Cultural e deportiva de Brens e a Escola de danza Breogán de Brens.

Nesta tarde de baile achegaranse até aquí cinco grupos da comarca representando a Cee, Fisterra, Lires e Brens de man do grupo anfitrión e da Asociación cultural Terra de Sena, do Grupo de danza barlovento, do grupo Cabaleiras do camiño e do grupo de Gaiteiras de Pedras Miúdas.

O grupo de Baile Breogán de Brens leva conformado desde o 1986, buscando co seu labor a difusión da cultura galega. Así, este festival resulta nunha mostra máis do seu cometido.
 

Comentarios